Que lle custa a unha granxa descoidar o control do axente causante da IBR?

O herpesvirus bovino tipo 1 relaciónase tamén con outros problemas, como abortos, mamite ou síndrome respiratorio. Resumimos a intervención de Ramón Armengol, profesor da Universidade de Lleida, nas xornadas da ADS Xundeva

Que lle custa a unha granxa descoidar o control do axente causante da IBR?

O control da IBR adoita abordarse no marco das ADS.

O axente causante da IBR, o herpesvirus bovino tipo 1, asóciase a outras enfermidades e problemas, como abortos, síndrome respiratorio bovina e descensos na produción de leite. O seu control, de carácter voluntario, desenvólvese normalmente a través das Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS), aínda que as explotacións lácteas descoñecen con frecuencia a importancia de erradicar o herpesvirus bovino tipo 1 do seu rabaño. Que custo tería para unha granxa o descoido do problema?

O veterinario Ramón Armengol, profesor do departamento de Ciencia Animal da Universidade de Lleida e socio de Lleidavet SL, participou recentemente no encontro gandeiro da ADS Xundeva (Deza-Tabeirós), patrocinado por Hipra, para analizar a repercursión do herpesvirus bovino tipo 1 en granxas de leite. Resumimos a continuación a súa intervención.

Puntos de impacto económico
“Neste tipo de enfermidades sistémicas, a miúdo prodúcese unha gran perda económica antes de que se recoñeza a enfermidade”, valora Ramón Armengol. O herpesvirus bovino tipo 1 relaciónase con multitude de casos clínicos e subclínicos, tanto en vacas adultas como en recría. A aparición de problemas e enfermidades pode ser incluso acumulativa.

– Casos clínicos: abortos, infertilidade, síndrome respiratorio bovino, pirexia, mastite, descensos na produción do leite.

– Casos subclínicos: “Como mínimo, hai unha sutil baixada na produción de leite -subliña Ramón Armengol- e alteración na súa calidade, cun maior número de células somáticas”.

O impacto do herpesvirus bovino non acaba aí, pois tamén hai que ter en conta outras consecuencias, como un incremento dos riscos de mortalidade e sacrificio prematuro, recaídas das mesmas patoloxías e risco de enfermidades secundarias (metrite e infeccións respiratorias bacterianas, entre outras).

Xornadas de Xundeva. / Arquivo.

Xornadas de Xundeva. / Arquivo.

Cuantificación do impacto
Cuantificar en cartos o impacto do herpesvirus bovino tipo 1 nas vacas leiteiras adultas é unha tarefa complicada. “Poden utilizarse dúas vías, pola bibliografía especializada ou por unha análise a medida de cada granxa, que presenta maior necesidade de información contable da explotación”, sinala Armengol. O veterinario destaca tres áreas básicas a cuantificar: problemas reprodutivos (infertilidade e abortos), perdas en cantidade ou calidade do leite e Sindrome Respiratorio Bovino, menos frecuente en adultos pero non por iso menos importante se se presenta.

Reprodución: infertilidade e abortos

As consecuencias son diversas: aumenta o número de días abertos (intervalo entre parto e concepción), hai unha menor produción durante a primeira lactación, redúcese a vida produtiva do animal e aumentan os custos.

O aborto representa unha perda para unha granxa de entre 443 e 1.140 euros, segundo a bibliografía veterinaria

No período de parto, tamén se produce un risco de enfermidades posparto e malformacións no neonato, maiores riscos de mamite e do síndrome respiratorio bovino.

Desde a bibliografía veterinaria, os distintos autores estiman o custo dun aborto para o gandeiro entre os 443 euros e os 1.140 (incluíndo perdas reprodutivas e en produción de leite). “Ninguén di outra cousa, toda a información vai na mesma dirección”, destaca Armengol.

Un cálculo exacto para unha explotación esixiría ter en conta multitude de factores, como prezo do leite e carne, a produción de leite por animal, o custo dos seus tratamentos, o custo do seme, prezo do penso, custo da man de obra e outros.

Tamén hai que considerar que o custo dunha vaca por día aberto varía entre unhas ganderías e outras. “A partir da bibliografía, pode estimarse un incremento do custo medio por día aberto de 2,20 euros”, apunta o profesor da Universidade de Lleida.

Perdas de produción e na calidade do leite

Aumenta o número de células somáticas, baixa a produción, polo menos de forma sutil, e aumenta o leite de descarte por mastites clínicas. En consecuencia, o gandeiro ingresa menos pola venda do leite, tanto pola menor cantidade que entrega como pola súa menor calidade.

Os animais seropositivos producen 2,6 litros menos de leite por día, segundo un estudo que comparou dous anos animais sans cos infectados

Estes factores incrementan a súa vez a probabilidade de sacrificio ou morte do animal, afectan á mellora xenética, a parámetros reprodutivos e aumentan o custo en veterinarios e medicamentos.

Nunha análise da bibliografía para cuantificar o problema, Armengol cita diversos estudos, como un que se fixo durante dous anos e no que as vacas seropositivas produciron de media 2,6 litros / día menos que aquelas que eran seronegativas. Outro estudo cifra a perda anual por vaca en 1.000 litros. Novamente, todos os datos apuntan nunha mesma dirección.

Para cada granxa, podería elaborarse un cálculo exacto se se estima a redución do prezo do leite polo aumento de células somáticas, a perda de produción e o leite descartado en mamites clínicas.

Cuantificación económica da solución

O control do herpesvirus bovino tipo 1 tamén ten un custo (ferramentas diagnósticas, vacinación, cambios en bioseguridade), pero neste caso necesario. “Necesitamos coñecer cal é a situación da granxa. Se non monitoramos de forma estratéxica a IBR, non corrixiremos a parte subclínica da enfermidade, o que afectará á produción do leite. A toma de medidas de control como a bioseguridade e a vacinación son claves”, incide Armengol.

Desde a perspectiva do veterinario, coñecer a prevalencia do herpesvirus bovino tipo 1 na granxa sería de gran axuda, aínda que o perfecto sería a identificación de animais seropositivos con análises individuais. Para coñecer a prevalencia do problema na explotación, poden utilizarse test Elisa con mostras do tanque de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información