Que leite lle pedirá o mercado ás ganderías?

Un seminario organizado por Agaca, con participación de produtores europeos, analiza as tendencias no sector lácteo. Producir sólidos, coidar o benestar animal e procurar unha alimentación animal con forraxes propias, liñas de traballo que se asentan a nivel da UE

Que leite lle pedirá o mercado ás ganderías?

Seminario sobre as perspectivas do mercado lácteo organizado hoxe por Agaca en Santiago.

O mercado lácteo ofreceralle oportunidades ás cooperativas, industrias ou rexións que aposten por diferenciar as súas producións, aportándolles valor engadido e posicionándoas no mercado. É unha das conclusións claras dun seminario organizado hoxe pola Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), con participación de técnicos e gandeiros europeos integrantes do grupo EuroDairy.

A xornada, que se desenvolveu en Santiago, comezou coa exposición do caso galego por parte de César Resch, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). “No noroeste da península, incluíndo Galicia, Asturias, León e norte de Portugal, producimos 4,5 millóns de toneladas de leite. É unha produción que dá para abastecer a 25 millóns de persoas, pero temos un problema, que é que a poboación de España está maioritariamente no Levante e no centro”, incidiu o investigador.

“O 80% do leite galego expórtase e producir sólidos será crucial para esa exportación” (César Resch, CIAM)

Produción de sólidos
Tendo en conta que o 80% da produción láctea galega expórtase, César Resch pronostica que o futuro sistema de primas e penalizacións do leite en Galicia aplicado polas industrias avanzará na liña de bonificar a produción de sólidos (graxa e proteína), cruciais para a exportación.

Resch debuxou un escenario actual no que o leite líquido vai perdendo peso, o que obrigará a cambios no sistema lácteo galego. “Os queixos e produtos lácteos industriais serán a cada paso máis relevantes e haberá oportunidades para produtos con denominación de orixe”, valora.

O seminario contou tamén con intervencións dun gandeiro británico, Robert Hildreth, que expuxo como está a traballar para mellorar a produción de sólidos (graxa e proteína), e dun investigador italiano, Alberto Menghi, que presentou o caso dunha cooperativa que produce queixo parmesano exclusivamente cunha raza autóctona, a vaca roxa, coa que logra un maior valor para o seu leite.

A cooperativa holandesa Campina lanzará no 2019 unha gama de produtos ‘Top Dairy’, respetuosos co clima e o benestar animal

A seguir, o debate entre os gandeiros asistentes puxo de manifesto grandes liñas de traballo que se están a dar en Europa. Había presentes produtores das dúas grandes cooperativas do continente, a holandesa Friesland Campina e a multinacional danesa Arla, que están a traballar desde hai anos en liñas de leite sostible, orientadas a posicionarse en nichos de mercado demandados polos consumidores.

Liña respetuosa co clima e o benestar animal
A cooperativa holandesa Friesland Campina, que implantou hai anos unha gama de leite en pastoreo, deu esta primavera un paso máis e anunciou que para comezos do 2019 sacará ó mercado a ‘Top line milk’ (Leite de liña superior). Será unha gama de leite certificada que garantirá unha especial atención ós animais, á natureza e ó clima. Os produtos lácteos ‘Top dairy’ terán unha acumulación de CO2 producido inferior ós convencionais, así como puntuación alta en benestar animal e biodiversidade.

Asistentes ao seminario de Agaca.

Asistentes ao seminario de Agaca.

Limitacións ó aumento en volume
A nova liña de Campina é unha evolución do seu estándar de pastoreo de pradeiras e coidará tamén o vínculo entre a produción da explotación e o terreo dispoñible. A maiores, aínda nos casos en que as explotacións teñan superficie para aumentar máis a súa produción, Campina establecerá restriccións para o seu crecemento en base ó aumento da demanda esperada. Se a gandería produce máis, ese abastecemento adicional pagarase a un prezo 10 céntimos por litro inferior.

O volume de leite que mova a nova liña de Campina pode rondar o 3-4% do total da cooperativa, segundo estimacións dun gandeiro que participou no debate.

Alimentación animal sen transxénicos
En Arla, outra das principais cooperativas do continente, avanzan tamén na liña de leites sostibles. Xa no 2016 comezaron a implantar unha gama de leite de vacas alimentadas sen transxénicos (soia, por exemplo) e as perspectivas apuntan a que avanzarán no camiño de primar ás ganderías que se abastecen de alimentos animais obtidos localmente.

Arla implantou no 2016 unha liña de lácteos procedente de vacas alimentadas sen transxénicos

En liñas semellantes de traballo operan noutras cooperativas do norte europeo, como a finlandesa Valio, que este ano implantou unha liña de ‘leite responsable’, na que compromete un maior benestar animal dos animais, con medidas como certificar o libre acceso dos animais a pastos ou a espazos exteriores.

Pegada ambiental e hidrolóxica do leite
Aspectos como a pegada ambiental ou a pegada hidrolóxica na produción do leite son cuestións que cobrarán importancia de cara ó futuro, segundo os técnicos e gandeiros participantes na xornada de Agaca.

En Galicia, o investigador César Resch apuntou a oportunidade que representa a escasa pegada de auga das ganderías galegas e a súa maior produción de forraxe propia, en comparación coas explotacións de zonas como Andalucia ou Cataluña, máis dependentes dos regadios e da compra de alimentación animal.

“A cuestión é producir un leite que se diferencie no mercado e que represente un valor engadido para o gandeiro. Se unha industria como Danone produce ‘Actimeles’ a 6 euros o litro con leite en po, non ten porque repercutir esa innovación nos produtores. As ganderías necesitan innovar elas para que a industrie valore máis o seu leite”, conclúe César Resch.

Leite xusto
As tendencias de producir un leite máis apegado ás demandas de parte dos consumidores conviven con outra realidade da gran distribución, a guerra de prezos nos lácteos, con grandes volumes de leite movidos en marcas brancas ou segundas marcas a baixos prezos.

A marca de leite ‘Arla Farmers Milk’ remunéralle 25 peniques máis por botella ás explotacións socias da cooperativa

Para paliar ese problema, en Europa estanse dando iniciativas de ‘leite xusto’, que é igual que o convencional, coa diferenza de que parte do que paga o consumidor repercute directamente nos gandeiros. É o caso do Arla Farmers Milk, un leite que en Gran Bretaña custa 25 peniques (28 céntimos de euro) máis por botella, unha cantidade que vai parar integramente ós gandeiros da cooperativa.

En España, un caso similar é o leite Muuu comercializado por Carrefour, unha cadea que apostou por posicionar esta marca nos seus lineais como un leite sostible, que garante unha mellor remuneración para o gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información