¿Que leccións poden quitar os gandeiros galegos do puxante sector lácteo de Irlanda?

Entre o 1 e o 5 deste mes Xestión Agrogandeira e Natureza e a Organización de Produtores Lácteos realizaron unha viaxe a Irlanda para coñecer as súas ganderías de vacún de leite e os seus centros de investigación. Velaquí un adianto das conclusións.

¿Que leccións poden quitar os gandeiros galegos do puxante sector lácteo de Irlanda?

Gandeiro irlandés mediando a herba antes de meter as vacas nunha parcela. Foto: Xan Pouliquen

A república de Irlanda é nestes momento o país da Unión Europea que máis incrementa a súa produción de leite de vaca. De feito, a previsión do goberno irlandés é que no ano 2020 a súa produción de leite sexa un 50% maior que no 2015, o último ano con sistema de cotas.

Para coñecer de primeira man como traballan as ganderías de vacún de leite irlandesas, e ver que aspectos se poden aplicar en Galicia, un grupo de gandeiros galegos visitaron Irlanda entre os días 1 e 5 deste mes.

A viaxe foi organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza SL, coa colaboración da Organización de Productores Lácteos (OPL), e contou con financiamento da Unión Europea a través dos fondos Feader, así como do Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia.

O programa incluíu unha visita ao centro de investigación de Moorepark, que se podería equiparar ao sistema antigo de INIAs que existía no Estado Español, cunha rede de centros de investigación, de demostración e de granxas colaboradoras. Tamén se visitaron catro explotacións de vacún de leite: a de David Hayland, unha granxa de 250 hectáreas e 510 vacas, cun sistema de produción baseado no pastoreo rotacional, agrupación de partos e unha media de produción de entre 5 e 6000 litros por vaca. A segunda foi a gandería de Patrick Dooley, unha granxa con 150 vacas de 6000 litros, con 120 has, e un sistema de rotación de pasto con medición ao herbómetro semanal.

Outra gandería que visitaron foi a de John O´Wire, con 296 vacas de 6000 litros anuais, 160 ha de pastos e con 300 kg de concentrado por vaca e ano. As vacas son Kiwi cross, como case todas as de Irlanda.

A última gandería foi a de Bill George, a única granxa ecolóxica que visitaron, con 100 hectáreas e con 120 vacas en muxido, todas elas de raza Holstein. Só hai unhas 30 granxas ecolóxicas en Irlanda, dun total dunhas 18.000.

Conclusións:

Á espera das conclusións finais que se presentarán cara o mes de outubro ou novembro, da posta en común entre os asistentes á viaxe sácanse as seguintes conclusións:

– O clima de Irlanda permite ter unhas pradeiras excepcionais que non se dan en Galicia, o que limita a aplicabilidade de técnicas produtivas que se viron.

-A estrutura da terra é totalmente distinta a Galicia, con parcelas grandes e agrupadas.

-A organización tamén é distinta e evidénciase que a Administración ten un planeamento claro de desenvolvemento dun sector produtor forte, en base ao sistema de produción intensivo en pastoreo, cunha estratexia deseñada no longo prazo.

-O nivel de profesionalidade da maioría dos gandeiros que visitaron foi moi alto. Destacan a súa constante preocupación polo aforro nos custos de produción.

Debilidades do sistema de manexo do gando en Irlanda:

Dentro dos aspectos que, dende os gandeiros galegos participantes que non se valoraron positivos, destacan os seguintes:

-O sistema de produción de pastoreo intensivo pódese manter en base a doses moi altas de nitróxeno. Considerase mesmo que as doses empregadas son más ca excedentes.

-Paralelamente, o emprego de herbicidas para controlar os inevitábeis rumex é moi alto.

-O sistema de cubículos descubertos, para o confinamento dos animais secados no período invernal, non se considerou axeitado para o benestar animal nin para as condicións de traballo dos propios gandeiros e gandeiras.

-Destacouse a ausencia de trevo nas pradeiras, e a preponderancia case única do raigrás.

Que poden aproveitar os gandeiros galegos do sistema de produción de Irlanda?

Pola contra, algúns aspectos foron considerados positivos, polo que poderían ser usados ou adaptados ás condicións de Galicia:

-O nivel de coñecemento sobre o crecemento da herba mediante o uso do herbómetro pareceu moi interesante. Asumiuse que o coñecemento que os gandeiros visitados teñen sobre a eficiencia da produción e uso da herba en pastoreo é moi alto, e que é posible realizar un progreso importante nesta dirección nos sistemas de pastoreo galegos.

-A redución de tempo de permanencia nunha mesma parcela de pasto a un día ou 1,5 como máximo, pareceu unha técnica a ter en conta.

-A simplicidade das salas de muxir foi un punto apreciado, aínda que non de xeito unánime.

“Con todo, tamén é de destacar que fronte á imaxe inicial da gandería irlandesa como un sector extremadamente punteiro e eficiente, o que vimos permitiu mostrar que os gandeiros galegos que optaron polo sistema de pastoreo teñen un nivel técnico á mesma altura, dadas as nosas condicións climáticas e a distribución das parcelas”, sinalan dende Xestión Agrogandeira e Natureza.

Un sentir xeral foi que estas condicións -sobre todo a boa organización da terra agraria- postas nas mans dos gandeiros galegos permitirían unha produción máis alta cun custo semellante.

A raza dominante é a Kiwi Cross

OPL: “A clave de Irlanda é que teñen unha estratexia para aproveitar ao máximo as súas potencialidades, algo que falta en Galicia”

Dende a Organización de Productores Lácteos (OPL), Manuel Iglesias considera que “os gandeiros irlandeses teñen nestes momentos moitas máis posibilidades de futuro que os españois porque teñen unha estratexia perfectamente definida, cuns obxectivos de incrementar a produción e aproveitando ao máximo as súas potencialidades, que no seu caso é o pasto, pero que en Galicia a parte da herba son tamén o millo e outras forraxes”.

Ademais, destaca que “teñen unhas ferramentas como son as cooperativas para transformar e exportar o leite, e os centros de investigación, que están perfectamente coordinados, para implantar a estratexia e verificar o seu cumprimento, así como uns gandeiros máis ou menos profesionais”. Así, por exemplo, dentro do seu plan de producir sólidos, o sector lácteo irlandés escolleu unha raza, a Kiwi Cross, moi axeitada para producir graxa e proteína en base a pasto.

“Os gandeiros de Irlanda non son máis profesionais que os galegos, pero eles especializáronse na produción de herba, e os galegos somos profesionais sobre todo en producións estabuladas”, engade Manuel Iglesias.

“A gran diferencia e no que nos levan vantaxe é que eles teñen unha estratexia para o sector a longo prazo, aproveitando as súas potencialidades, e que contan cunha estrutura de ordenación do territorio, con parcelas próximas á explotación e ben dimensionadas, para executar esa estratexia”, conclúe o representante da OPL.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información