¿Que hai de verdade nos mitos sobre a alimentación das vacas?

Resumo do relatorio de Carlos Martín, do servizo técnico de NutralSCA, na xornada técnica de gando vacún organizada pola cooperativa AGC Agrocantabria

¿Que hai de verdade nos mitos sobre a alimentación das vacas?

Canta máis longa sexa a fibra máis graxa producirá unha vaca; é mellor unha forraxe que teña máis proteína, a acidose provoca coxeiras…etc. Son só algunhas das recomendacións que a cotío se asumen como certezas na alimentación do gando vacún de leite.

Para demostrar con datos científicos canto de verdade hai nestes mitos a cooperativa cántabra AGC Agrocantabria convidou na súa última xornada técnica a Carlos Martín, do servizo técnico de NutralSCA, a que impartise un relatorio sobre “¿Que hai de verdade nos mitos sobre a alimentación das vacas?”.

Estes son os 9 mitos sobre a nutrición de gando vacún leiteiro que analizou na súa intervención:

1) “Se o silo de herba, ou a alfalfa, ten moita proteína, é mellor”: Depende, a clave está na dixestibilidade da forraxe

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 1

“Canta máis proteína na ración máis leite producirá a vaca” “En principio hai unha tendencia positiva, pero non sempre é así, pois o importante é canta proteína vai estar dispoñible para o metabolismo da vaca e que perfil de aminoácidos ten. Hai vacas que dan 35 litros con menos do 14% de proteína na ración e outras que o fan con máis do 20%”, responde Carlos Martín.

Neste sentido, subliña que “o que nos interesa son forraxes con boa dixestibilidade da fibra, pois respectando os mínimos necesarios para o bo funcionamento do rume, teremos máis produción de proteína microbiana, que é a de mellor calidade”. “Por tanto -engade-, relacionaría máis a calidade dunha forraxe directamente coa Fibra Neutro Deterxente (FND) dixestible, aínda que si é certo que, para a mesma especie de forraxe, a planta nun estado vexetativo máis cedo terá máis proteína bruta e a fibra tende a estar menos lignificada e habitualmente a dixestibilidade aumenta”. Desta forma, canto maior sexa a dixestibilidade da FND dunha forraxe, maior será tamén a capacidade de inxesta e maior será a produción de graxa e proteína no leite. Por cada unidade de FND dixestible a maiores estímase que aumenta en 0,25 quilos a produción de leite.

“É dicir, ao final o que nos vai dar produción de leite nunha forraxe son os aminoácidos metabolizables que temos dispoñibles. Se comparamos dúas alfalfas coa mesma proteína, a que teña máis dixestibilidade permitiranos ter máis lisina e metionina, grazas á maior produción de proteína microbiana no rume”, conclúe Carlos Martín.

2) “Se o silo de millo ten moito / pouco amidón é mellor /peor”: A importancia do procesado

“É mellor un silo de millo que ten máis almidón”: Do mesmo xeito que na cuestión anterior o técnico de NutralSCA responde que en principio si, pero que depende. “Depende do estado do millo cando se corta, pero tamén do picado do millo ao ensilar e do procesado de gran, pois se a rotura dos grans é maior, o amidón estará máis accesible para as bacterias ruminais e a vaca poderá producir máis leite”, responde.

“A clave é mellorar o procesado do gran e especialmente en silos máis maduros para que o amidón sexa degradado no rume e sexa capaz de xerar proteína microbiana, e non ser excretado en feces”, engade.

Exemplo de estudo sobre como o picado fino do millo, neste caso co sistema Shredlage, repercute en 1,4 litros máis de leite ao día por vaca:

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 2

3) “Se o penso leva / non leva ….., é peor / é mellor”

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 3

En canto a que penso é mellor, Carlos Martín subliña que o tipo de moenda é un factor importante: “Canto máis fino estea moído mellor, pois pode ser máis degradable no rume da vaca, e iso redunda nunha maior produción de leite, a condición de que manteñamos a saúde ruminal”.

“O obxectivo debería ser que o contido de amidón en feces estivese por baixo do 5%”, engade.

4) “As vacas non saen en celo porque falta enerxía”

“Falta enerxía na ración, por iso non saen a celo e non quedan preñadas”, é outra das verdades que se dan por feitas.

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 4

“É certo, e así se demostrou nalgún estudo, que as vacas que melloran a súa condición corporal teñen máis probabilidade de quedar preñadas antes. Hai tamén unha relación entre balance enerxético negativo no postparto e redución do ritmo de preñez, sobre todo se queremos inseminar cedo ás vacas”, recoñece Carlos Martín.

Porén, lembra que existen factores que inflúen na inxestión individual de materia seca de cada vaca e, por tanto, na cantidade de enerxía inxerida e posteriormente na taxa de preñez. Especialmente en vacas secas e postparto, por exemplo o espazo de comedeiro por vaca, pode ser un problema por baixo de 60 centímetros por animal, e en xeral a sobrepoboación do establo en preparto, que tamén está asociada a un incremento da incidencia de metrite.

5) “Non quedan preñadas porque a urea en leite esta alta”

“É certo que canta máis proteína na ración, máis probabilidade de ter un nivel alto de urea en leite, e canta máis urea en leite menor probabilidade de preñez, pero tamén inflúen outros factores”, recoñece o técnico de NutralSCA.

“Aos niveis que se traballa en vacún de leite de alta produción, as racións adoitan ter entre un 14 e un 18% de proteína e estaremos nun rango de 100 e 400 mg/l de urea en leite, pero máis que a proteína bruta da ración, o nivel de urea en leite estará máis influído polo equilibro entre a proteína e os carbohidratos que se degradan no rume”, subliña. É dicir, non só a proteína bruta da ración influirá nos niveis de urea en leite, senón a cantidade e a degradabilidade da proteína no rume da vaca, e a sincronización coa enerxía dispoñible polas bacterias ruminais.

Outros moitos factores poden influír ademais nos ritmos de preñez como a temperatura ambiental (menor preñez en condicións de estrés por calor), a incidencia de coxeiras, de metrite, hipocalcemia, retención de placenta ou mastite.

6) “Temos acidose porque a graxa está por baixo da proteína”AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 10

Aínda que o PH do rumen inflúe no contido de graxa en leite outros factores tamén poden incrementar ou diminuír o contido de graxa do leite, tanto dependentes da alimentación, con especial atención ao aporte de graxa insaturada e á estabilidade do funcionamento e do PH ruminal, como alleos á alimentación, como se observa na gráfica anterior.

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 6

7) “Necesitan fibra máis longa porque a graxa esta baixa”

Si é certo que existe unha certa relación entre o tamaño da partícula da ración e a porcentaxe de graxa en leite. Se incrementamos a porcentaxe de partículas de entre 4 e 18 mm na ración coa tendencia é aumentar a porcentaxe de graxa en leite, e ao contrario, incrementando a porcentaxe de partícula por baixo de 4mm a tendencia da graxa en leite sería negativa.

“O recomendable sería traballar preto do 50% da ración cun tamaño de partículas entre 8 e 19 mm”, precisa Carlos Martín.

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 7 AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 8

8) “Hai diarreas por exceso de proteína”

É posible pero non sempre. Existen múltiples causas de diarrea ou de feces brandas por exemplo enfermidades do animal, alimentos en mal estado, fibra baixa ou exceso de carbohidratos non fibrosos, exceso de proteína, sales ou buffers elevados, estrés por calor…etc.

Aínda así, a observación das bostas pódenos dar información de como se está fermentando e dixerindo a ración.

9) “Hai moitas coxeiras; as vacas están en acidose”

AGROCANTABRIA MITOS CARGILLL 9
“É posible que a acidose, por fibra demasiado baixa ou almidón demasiado alto puidese contribuír á orixe das coxeiras, pero non é o único factor que inflúe”, subliña Carlos Martín.

A este respecto, tal e como se mostra na gráfica anterior, existen moitos outros factores que inflúen nas coxeiras, sendo o confort no establo un dos máis relevantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información