Aínda que as xeadas limitan a actividade da nosa horta durante este mes de febreiro, hai algúns labores que si podemos ir facendo e que irán preparando o noso terreo para a época de sementeira na primavera. Ao mesmo tempo, as horas de luz van en aumento polo que xa podemos ir plantando algunha horta de primavera.
Velaquí algúns consellos:
-Podemos ir facendo os primeiros semilleiros de tomates, pementos, acelga, remolacha vermella ou leituga no invernadoiro.
-Febreiro é tamén o mes límite para plantar allos, chícharos e fabas, cultivos que darán os seus froitos en maio-xuño.
-Tamén podemos plantar cara finais de mes brásicas que recolleremos na primavera: repolo, coliflor ou brócoli.
-Naquelas zonas máis cálidas de Galicia é posible plantar patacas de cedo. Tamén nas zonas de clima máis benigno podemos plantar leituga de tempada (folla de carballo, orella de mulo..etc) en exterior.
-Febreiro tamén é o mes de poda das froiteiras e, se é posible, coincidindo días froito ou flor coa lúa minguante Tamén é o momento de podar e enxertar as viñas. Se podemos facelo en días de xeada e sen choiva, moito mellor.
-Ademáis, é o mes idóneo para as plantacións de froiteiras (pereiras, pexegueiros, ameixeiras ou mazairas..etc). Tamén podemos plantar oliveiras e avelairas.
-Polo demais, continuaremos recollendo os cultivos propios desta tempada: allos porros, repolo ou os grelos, no mes do cocido por excelencia.
Por último, podemos seguir acumulando algo imprescindible para a nosa horta: materia orgánica, ben mediante a compostaxe dos nosos resíduos domésticos ou acumulando folla e outros restos vexetais. Lembrar que o esterco que incorporemos aos cultivos debe estar maduro, sen fermentacións nin malos cheiros.