Que facer na horta en abril?

Abril marca o inicio da plantación dos cultivos de verán. Velaquí algúns consellos.

Publicidade
Que facer na horta en abril?

Abril é  un mes de moita actividade na horta pois marca o inicio para plantar a maioría dos cultivos de verán (xudías, tomates, leitugas, patacas de tarde, cabazas..). Aínda que a posibilidade de xeadas adoita ser moi escasa, si que poden darse importantes oscilacións térmicas e algunha saraibada polo que haberá cultivos que, se os plantamos en exterior, teremos que protexer.

Os devanceiros, sabedores da importancia deste mes para a colleita de todo o ano, deixaron ditos como “Abril que non chove, deixa ao labrego pobre”.

Velaquí algúns consellos:

Sacharemos as plantas sementadas no mes anterior, como patacas, chícharos, fabas lobas, leitugas ou brásicas (repolo, brócoli, coles…).

Quitaremos da terra os últimos cultivos de inverno, especialmente os porros, que durante este mes tenderán a grelar.

Realizaremos unha sacha de cultivos plantados nos meses de inverno, allos e cebolas. A calor e a humidade favorecerán a aparición de mildeu ou rolla, polo que é recomendable facerlles un tratamento antifúnxico sulfatando con cobre e, no caso dos allos, engadirémoslle un pouco de xofre.

No caso das patacas de cedo, se xa están nadas tamén é recomendable facerlles un tratamento con sulfato de cobre para previr a aparición de enfermidades.

Neste mes, tamén podemos empezar a plantar as patacas de tarde. Para os que sigan o calendario lunar, preferentemente en lúa minguante.

En canto ás sementeiras, podemos facer en exterior alcouves de leituga, porro, acelgas, remolacha…etc.
Dende mediados de abril e até principios de maio é o momento tamén de plantar en exterior todo tipo de cucurbitáceas. É dicir, cabaciña, cogombro, cabaza, melón, sandía..etc.

Tamén podemos plantar en exterior xudía, tanto baixa como de enrame, acelga e leitugas que, se todo vai ben, podemos colleitar a finais de xuño. Non obstante, recoméndase plantala a partir de mediados de abril, cando as temperaturas son máis elevadas, xa este cultivo é moi sensible ao frío e poderíamos perder a sementeira.

É un bó momento tamén para plantar cenouras, preferentemente en lúa minguante. Se as asociamos con porros, mellor, porque o porro libera substancias que combaten pragas da cenoura, como a mosca branca.
Polo demáis, e a partir de mediados de mes, poderemos empezar a transplantar ao exterior pementos, tomates e berenxenas.

Lóxicamente, as condicións climáticas de Galicia varían moito dunha comarca a outra, polo que estes consellos haberá que adaptalos, atrasando as épocas de transplante en exterior se o clima é máis frío.

Como vedes é un mes de moita actividade no que a natureza desperta do seu letargo invernal. Facer unha planificación dos traballos e facelos entre varias persoas axuda moito. Bo traballo!

Artigo elaborado a partir de información propia e das guías de cultivo do Magrama. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información