¿Que colleita de uva se prevé en Galicia e cando comezará a vendima?

A vendima 2018 en Galicia volverá comezar como nun ano normal, a partir do día 15, e cunhas previsións de colleita que se poderían situar en arredor de 60 millóns de quilos de uva. Informamos das previsións para cada unha das DO´s galegas

Publicidade
¿Que colleita de uva se prevé en Galicia e cando comezará a vendima?

Vendima na DO Rías Baixas

Tras o “annus horribilis” de 2017, no que as xeadas e despois a saraiba botaron a perder boa parte da colleita de uva en Galicia, as previsións para este ano son moito máis optimistas, tanto en cantidade como en calidade.

Así, o comezo da vendima volverá a normalidade, iniciándose na maior parte das adegas a partir do 15 deste mes e prevese que remate pola ponte do Pilar. A cantidade roldará os 60 millóns de quilos, como nun ano normal, e a calidade da uva prevese moi boa.

O ano non comezou con bo pé para o viñedo en Galicia, cunhas temperaturas inusualmente frías en primavera que atrasaron a brotación case un mes, e logo unhas copiosas precipitacións que favoreceron os ataques de mildeu. Afortunadamente, o tempo seco e solleiro de xullo e agosto acelerou o estado fenolóxico, mellorou o estado sanitario da uva e fixo que a vendima se poda realizar nunha data normal.

Agora, as noites frescas e as temperaturas suaves durante o día están a favorecer unha maduración lenta da uva, xusto o que se require para lograr un maior equilibrio entre acidez e grao alcohólico e unha maior presenza de compostos aromáticos.

Estas son as previsións para cada unha das 5 denominacións de orixe de Galicia:

Rías Baixas: “Prevese que baixe a colleita un 10%, ata os 35 millóns de quilos”

Na Denominación de Orixe Rías Baixas as previsións son boas, aínda que non se superará a excelente vendima de 2017, na que se colleitaron 39,3 millóns de quilos. “Prevemos unha baixada dun 10% aproximadamente, para situarnos entre 35 e 36 millóns de quilos. Segue sendo unha cifra moi positiva e razoable, tendo en conta o ano duro e complicado que tivemos”, asegura Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador da DO. Rías Baixas.

A razón desta redución está “no frío e choiva que se rexistraron durante o callado do froito, un momento crítico, e logo na elevada humidade que houbo durante toda a primavera, e que fixo difícil combater o mildeu e o oídio, provocando perdas de produción”.

En canto a data de comezo da vendima, dependerá dos resultados dos controis de maduración que están a realizar neste momento os técnicos das adegas para determinar o momento óptimo, en función do tipo de viño que se pretende elaborar. En todo caso, Agustín Lago avanza que “se ben é certo que ao longo destas semana temos avisos dalgúns comezos, sobre todo de adegas das subzonas de O Rosal e do Condado, será a partir da próxima semana cando se incorporen máis adegas. Pero as semanas grandes de vendima serán probablemente a partir do día 20 e ata finais de mes, para acabar na primeira quincena de outubro”.

Como recomendacións antes da colleita, Agustín Lago aconsella “ter moi en conta os prazos de seguridade dos últimos tratamentos”. “Polo demais, só fai falta que o tempo acompañe con noites frescas e unha temperatura moderada durante o día, e incluso algunha choiva esporádica que pode ser beneficiosa
para a maduración”.

Valdeorras: Uns 5 millóns de quilos, un 20% máis que o pasado ano

No outro extremo de Galicia, na Denominación de Orixe Valdeorras, as previsións de vendima tamén son alentadoras, achegándose a colleita de uva á dun ano normal.

Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador afirma que “a cantidade é difícil de calcular, porque o principal problema que tivemos, os ataques de mildeu, afectaron de forma moi irregular aos viñedos”. En todo caso vaticina unha colleita no entorno dos 5 millóns de quilos, o que suporía arredor dun 20% máis que os 4,2 millóns declarados o pasado ano.

Jorge Mazaira: “Hai que airear os acios non se instalen os fungos”

A vendima prevese que comece en Valdeorras de forma xeneraliza a partir do 17, como nun ano normal. Nestas semanas previas as recomendacións de Jorge Mazaira son “airear a planta, que é o máis importante, por se veñen treboadas para que nos acios non se instale o fungo”.

Ribeiro: “A colleita vai ser normal en canto a cantidade”

Outra denominación de orixe que o pasado ano foi afectada especialmente polas xeadas e que este ano agarda recuperar a normalidade é O Ribeiro.

O presidente do seu Consello Regulador, Juan Casares, afirma que “a colleita vai ser a dun ano normal en canto a cantidade”, e prefire non adiantar cifras. O pasado ano a uva recollida no Ribeiro foi de 9,4 millóns de quilos, fronte aos 12 do ano 2016.

En canto á calidade, Juan Casares adianta que “os resultados dos controis revelan que a calidade prevese moi boa, e prevemos que na segunda quincena deste mes comece a vendima; na data típica no Ribeiro”.

Ribeira Sacra: Unha colleita similar á do pasado ano, no entorno dos 5 millóns de quilos

A Ribeira Sacra é a DO que prevé unha situación máis similar á do pasado ano, polo menos en canto á cantidade de uva. Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador, asegura que “andará roldando os 5 millóns de quilos”. Neste momento, ao igual que no resto de DO, están a realizar os controis de maduración nas parcelas.

No que si haberá cambios é na data de vendima, que tras o adianto do pasado ano, volve a realizarse nas datas normais. “Será coma nun ano normal, de xeito que na segunda quincena de setembro empezará nas viñas que normalmente se vendiman antes”.

A partir de aí o inicio da vendima irá variando segundo a variedade de vide, a carga que teña, a orientación e altitude do viñedo…etc. “Normalmente empézase polas castes brancas ou polo merenzao, e incluso tamén nalgunha de mencía, e logo vaise ampliando a outras variedades”, asegura Beatriz Soto.

Monterrei: “Deberíamos volver á colleita media dun ano normal”

Por último, na Denominación de Orixe vitícola máis nova de Galicia, a de Monterrei, as previsións tamén son alentadoras. “Prevemos que a colleita sexa maior que a do ano pasado, polo que deberíamos volver á media normal dos últimos tres anos, sen contar o ano pasado, e acadar os 4 millóns de kilos de uva”, avanza Luis Miguel López, director técnico do Consello Regulador, que para a próxima semana ten previsto iniciar os controis de maduración.

De momento o tempo está a acompañar, “cunhas choivas que caeron estes días que foron moi beneficiosas, e agora só fai falta sol para rematar a maduración, e facer esfollado, se non se realizou xa, para favorecer a aireación”.

En canto á data de comezo da vendima, en Monterrei prevese que se realice a partir do día 20.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información