Que cambios propón o Goberno nos contratos lácteos?

Publicamos o borrador do Real Decreto no que está a traballar o Ministerio de Agricultura para modificar as condicións dos contratos lácteos en España e regular a figura dos primeiros compradores.

Que cambios propón o Goberno nos contratos lácteos?

O Ministerio de Agricultura está a traballar nun Real Decreto para regular os contratos no sector lácteo entre gandeiros e industria ou primeiros compradores. O documento é un borrador que está en fase de alegacións para que as organizacións agrarias, cooperativas e industria láctea presenten alegacións.

Descarga aquí o borrador do Real Decreto de contratos lácteos.

Estas son as principais novidades que se propoñen:

1) Esíxese unha fianza para os primeiros compradores: 150.000 euros para todos, independentemente do seu volume de compra

A principal novidade que introduce o borrador do Ministerio de Agricultura é que se regula a figura dos primeiros compradores, uns intermediarios entre a industria e os gandeiros, que en comunidades como Galicia chegan a recoller ata o 30% do leite.

Neste sentido, e para protexer aos gandeiros fronte a situacións de impagos, o borrador de Real Decreto obriga aos primeiros compradores a que “para poder exercer a súa actividade (..) deberán constituír a favor da autoridade competente da Comunidade autónoma en que radique a súa sede (…) unha fianza por importe de 150.000 euros para responder as súas obrigacións ante os produtores primarios”. Dáselles un prazo máximo de tres meses para depositar esta fianza.

En caso de impago, a autoridade competente da Comunidade Autónoma abrirá un proceso para executar a fianza. Iso si, previa denuncia do gandeiro, que non poderá recorrer aos tribunais de xustiza para reclamar a débeda.

BORRADOR_DECRETO_CONTRATOS_LACTEOS_1

2) Os prezos acordados nos contratos non poderán estar referenciados só ao Fega.

A outra novidade que introduce o borrador de Real Decreto é que os prezos do leite que establece a industria nos contratos non poderán estar referenciados en máis dun 50% aos publicados mensualmente polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Desde o sector produtor veñen denunciando que os datos do Fega non son fiables e tiran á baixa dos prezos, xa que consideran que a industria se referencia aos prezos pagos por ela mesma nos meses anteriores, sen ter en conta a evolución do mercado. Isto notouse especialmente en España o pasado ano, no que, impulsados polo prezo da manteiga, os prezos do leite en orixe en España subiron tres veces menos que na media da Unión Europea.

De saír adiante esta proposta do Ministerio, como outro índice que se podería utilizar a maiores é o da INLAC, acordado por industria e produtores, e que reflicte mellor a evolución dos prezos nos países da nosa contorna.

BORRADOR_DECRETO_CONTRATOS_LACTEOS_2

2) Desacordos sobre os contratos: a arbitraxe será voluntario e a petición das dúas partes

En canto ao sistema de mediación entre industria e gandeiro en caso de desacordo polo contrato (prezo, cantidades, primas…etc.) o texto no que traballa o Ministerio propón un sistema de mediación, pero que poderá solicitarse soamente por mutuo acordo entre as partes.

BORRADOR_DECRETO_CONTRATOS_LACTEOS_3

Unións Agrarias-Upa critica que “non hai avances nos temas importantes”

Unións Agrarias critica que o Ministerio tardase dous anos e medio en presentar este borrador desde a firma do acordo lácteo. Pero máis aló dos tempos, o secretario xeral do sindicato, Roberto García, advirte de que “segue sen resolverse a falta de equilibrio na negociación entre industria láctea e gandeiro, porque os contratos seguen sendo de adhesión: a industria presenta o contrato cos prezos e a duración que lle interesa e o gandeiro ten que asinar”.

En canto aos primeiros compradores, considera positivo que se lles esixa unha fianza de 150.000 euros, pero considera que “non é a fórmula máis axeitada”.
“O importe da fianza debería ser proporcional ao volume económico de compras de leite do primeiro comprador e ao número de gandeiros aos que lle recolle o leite”, asegura.

“A fianza aos primeiros compradores debería ser proporcional ao volume de leite que recollen”

Ademais, bota en falta que non se recoñeza a responsabilidade ante falta de pagamentos por parte da industria láctea á que o primeiro comprador lle vende o leite. “Cando un primeiro comprador factura máis dun 60% a unha industria láctea estamos ante un claro caso de autónomo dependente, e por tanto debería ser a industria láctea a que se faga responsable en caso de impagos aos gandeiros, e que estes teñan as mesmas condicións contractuais dos produtores aos que si lles compra directamente”, engade Roberto García.

Por outra banda, o secretario xeral de UUAA considera excesivo que os prezos do Fega poidan representar ata un 50% á hora de referenciar os novos contratos. Pola contra, defende que “deberíase prohibir utilizar como referencia o Fega, ou que polo menos teña un peso moito menor, e se empreguen índices como o da INLAC, que reflicte a evolución do mercado nos 5 países cos que temos máis intercambios comerciais no mercado lácteo”.

Por último, Roberto García considera que a mediación que se propón no borrador é “ficticia”. Lembra que en Francia a mediación é obrigatoria en caso de desacordo, sendo o árbitro o Ministerio de Facenda. Ademais, advirte de que “os honorarios da Corte Nacional de Arbitraxe española son moitas veces superiores ao que pode cobrar o gandeiro se gana”.

“É un borrador que lles pode valer á industria e ao Ministerio pero non aos gandeiros. Presentaremos alegacións para que no caso de que chegue outra crise de prezos do leite non nos colla tan indefensos como en 2015”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información