Que beneficios ofrece a gandaría extensiva para mitigar o cambio climático?

Un traballo da Plataforma pola Gandaría Extensiva e a Fundación Entretantos pon en valor a achega que este modelo de gandaría fai ao medio ambiente e contra as variacións climáticas

Que beneficios ofrece a gandaría extensiva para mitigar o cambio climático?

Vinculada ao territorio e con sistemas produtivos apegados á vexetación autóctona, a gandaría extensiva ofrece ferramentas contra o cambio climático que quedaron esquecidas. Un traballo realizado pola Plataforma pola Gandaría Extensiva e o Pastoralismo e a Fundación Entretantos pon en valor a achega deste modelo.

O seu estudo, baixo o título Non é o mesmo. Gandaría extensiva e cambio climático, xorde “pola necesidade de cambiar radicalmente tanto a nivel técnico como científico e político, a visión actual da relación entre cambio climático e gandaría extensiva”, apuntan os seus autores. As súas achegas presentáronse recentemente no cume polo clima COP 25, celebrado a finais do ano pasado en Madrid.

“A gandaría extensiva non constitúe un problema que estea a contribuír ao cambio climático, senón que é vítima e parte da solución”

Nos últimos tempos xerouse certa confusión e rexeitamento á gandaría polo seu papel fronte ao cambio climático, esquecendo que a parte das reducidas emisións de gases de efecto invernadoiro que provoca a cría de gando, estas gandarías tamén son vulnerables ante as variacións climáticas extremas. Por iso, os esforzos dos promotores deste traballo céntranse en diferenciar a gandaría extensiva doutros modelos e analizar a achega que pode facer ao campo. “A gandaría extensiva non constitúe un problema que estea actualmente contribuíndo ao cambio climático, senón que é vítima e parte da solución”, reivindican dende a Plataforma, na que se integran entidades como a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Cálculos de emisións

Un dos aspectos no que se fixa o foco á hora de valorar a gandaría extensiva son as emisións que produce o gando e a súa contribución á contaminación atmosférica, motor do cambio climático. Neste sentido, os promotores deste traballo inciden na importancia de utilizar determinados baremos para realizar este cálculo. “Un dos erros máis prexudiciais para a actividade gandeira extensiva e pastoralista é considerar como unidade de referencia unicamente o quilogramo de carne ou leite producido”, apuntan.

“Non se valoran servizos ambientais como a prevención de incendios, o manexo de pastos, a conservación da biodiversidade ou a fertilización do solo”

A elección desta métrica beneficia a aqueles modelos de produción industrializada en detrimento da gandaría extensiva. Ademais, neste cálculo tampouco se contabiliza o servizo ambiental que proporciona este modelo de gandaría, como é a prevención de incendios, o manexo de pastos, a conservación da biodiversidade ou a fertilización dos chans.

Os autores do estudo tamén inciden nas diferenzas que se fan entre o metano e o dióxido de carbono no cálculo das emisións. Neste sentido, o metano ten un efecto invernadoiro superior ao dióxido de carbono, aínda que este último permanece moito máis tempo na atmosfera. Neste sentido, apuntan a que os sistemas de pastoreo contribúen a que o metano se oxide a dióxido de carbono, de aí a importancia de conservar e optimizar os pastos para o gando.

“É necesario medir tamén o carbono que capturan os pastos”, reivindican

Tamén propoñen que se inclúa no balance neto das emisións a capacidade dos agrosistemas para reducir a concentración atmosférica de metano. “Non só debe contabilizarse as emisións dos animais, senón tamén debe medirse o carbono que capturan os pastos e almacenan os seus solos”, reivindican.

As propias características da gandaría en extensivo favorecen que as emisións de amoníaco sexan menores xa que a fracción líquida e sólida non se mesturan e facilitan unha rápida incorporación destes abonos ao chan, evitando a súa emisión á atmosfera.

O traballo mesmo contempla as consecuencias que tería, a nivel de emisións, eliminar a gandaría extensiva. Neste escenario, a biomasa que habitualmente consome a gandaría sería procesada por outros organismos presentes no ecosistema, polo que “a exclusión da gandaría non necesariamente implicaría deixar de emitir CO2 á atmosfera”, indican. Ademais, a presenza dos grandes e pequenos rumiantes axuda a manter controlada a biomasa de maneira que se reduce o risco de incendios, foco de importantes emisións á atmosfera. “Numerosos estudos demostraron que un pastoreo equilibrado secuestra máis carbono no solo que en ausencia de pastoreo ou con sobrepastoreo”.

Un modelo ineficiente?

A gandaría extensiva a miúdo se ten calificado de pouco eficiente no uso dos recursos, nun cálculo no que se ten en conta a cantidade de recursos necesario para a súa produción. Así, neste traballo apuntan tamén outros factores a valorar para determinar a eficacia deste modelo tales como o aproveitamento de terras non cultivables que permite facer.

“Se se considera o tipo de fibras que os rumiantes aproveitan, a eficiencia da gandaría extensiva é altísima”

Por outra banda, o pastoreo dalgúns rumiantes como as cabras e ovellas céntranse en aproveitar aquelas fibras que son indixeribles para outras especies, como o ser humano. “Se se considera o tipo de fibras que os rumiantes aproveitan, a máis abundante e a menos útil para a alimentación humana, a súa eficiencia é altísima”, recolle o estudo.

Distintos estudos amosan tamén o poder de almacenaxe de dióxido de carbono que teñen as pradeiras permanentes en zonas húmidas, sendo un dos sumidoiros máis importantes. “En Galicia contamos cunha gran cantidade de pradeiras deste tipo, en zonas da montaña da Coruña ou Lugo que ademais da súa capacidade de almacenaxe de CO2 son moi produtivas”, explican dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, un dos colectivos que integra a Plataforma.

Respecto polos recursos naturais

Outro dos aspectos que este estudo pon de relevo sobre a gandaría extensiva é o seu respecto ao medio ambiente, xa que é unha actividade que en moitas ocasións permite outros aproveitamentos. “Aínda que a gandaría extensiva necesite superficies maiores de chan, permite a coexistencia de distintos usos e producións simultáneas como pasto, leña, froitos, mel, turismo ou caza, cunha alta calidade ambiental e elevados niveis de biodiversidade”, especifican.

A dispoñibilidade da auga é un de factores nos que máis incide o cambio climático e neste sentido as gandarías extensivas son un modelo que apenas altera o ciclo hídrico natural, ao aproveitar os ciclos naturais da auga sen necesidade de producir alteracións neles, ao utilizar charcas ou arroios.

Afeitos a adaptarse aos cambios

Algunhas das estratexias propias da gandaría extensiva poden converterse en puntos fortes á hora de combater o cambio climático. “Aínda se manteñen tanto en España como no resto de Europa numerosos sistemas gandeiros extensivos que xogan un papel importante na economía agraria, así como na xestión do territorio e na sustentabilidade do medio rural en xeral”, reivindican. A capacidade de adaptación deste tipo de gandaría fronte a condicións adversas está a ser unha referencia para outras actividades. A mobilidade do pastoreo é unha das súas vantaxes xa que permite afastarse de situacións adversas como secas e aproveitar o alimento noutros terreos.

A xestión do risco que adoitan ter estas gandarías, coa capacidade de adaptar o tamaño do rabaño ante condicións desfavorables é outra das súas vantaxes á hora de enfrontarse ás consecuencias do cambio climático. Normalmente este tipo de gandarías contan con animais de razas autóctonas que teñen tamén unha capacidade de adaptación que xoga ao seu favor.

As posibilidades que ofrece o manexo en extensivo para aproveitar os pastos é outro dos beneficios que proporciona. “A gran vantaxe do pastoreo é que non soamente pode mellorar a xestión dos animais senón a dos pastos”, apuntan. Neste campo o estudo tamén incide en prácticas para mellorar os pastos como implantar sistemas agrosilvopastorais, optimizar a biomasa ou incrementar a proporción de leguminosas, entre outras medidas.

-Consulta aquí o traballo completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información