Purín: As dez formas de dicir en galego esta palabra francesa

Purín: As dez formas de dicir en galego esta palabra francesa

A palabra “purín” está case todos os días na mente de moitos gandeiros e gandeiras, e nos últimos meses tamén se converteu nun motivo de preocupación para o sector debido á nova normativa do Goberno Central que limita notablemente a súa forma de aplicalos en campo.

E ao igual que as limitacións á aplicación deste fertilizante natural, a orixe desta palabra tamén veu de fóra. Así, dende un punto de vista lingüístico, a chegada desta palabra ao léxico galego é recente, a través do castelán, que á súa vez a tomou da lingua francesa.

De feito, segundo a Académie Française “purín é unha palabra dialectal, que provén do francés antigo purer, unha evolución do verbo latino tardío purare ou volver puro”. Ao igual que en galego ou en castelán este substantivo nomea “a fracción líquida que escoa do esterco amoreado, e que se compón de ouriños dos animais e auga, e que se emprega como fertilizante”.

A gran riqueza da lingua galega para nomear ao “purín”

MAPA_GALICIA_XURRO_PUIN

Sen embargo, nos últimos anos o “purín” foi desprazando ás múltiples palabras que existen na lingua galega: xurro, xurrio, ludro, ludre, zurrio…etc.

Francisco Dubert García, secretario do Instituto da Lingua Galega e profesor do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago Compostela, lembra que “a Real Academia Galega recomenda empregar xurro e non purín”.

En canto á orixe de xurro, a forma máis estendida, asegura que “esta palabra parece estar relacionada con enxurrada e enxurro, que o dicionario da RAG define como corrente forte da auga de chuvia e os lodos que arrastra”.

“Segundo Corominas, non está claro o étimo: podería ter que ver con chorro, posiblemente unha palabra de orixe onomatopeica, ou coa palabra latina SABURRA ‘area’. Habería que facer unha análise prudente con máis tempo. O que si é certo é que o “líquido que bota o esterco” ten moitas denominacións en Galicia”, engade.

Así, zurro e zurrio aparecen en Lugo, localizándose zurrio no centro sur da provincia, mentres que no norte da Coruña e Lugo e no occidente da Coruña aparece xurro. No galego de Asturias aparece a forma xurria. Zudre máis aparece no centro da Coruña, no norte e na costa de Pontevedra e no suroeste de Ourense. No leste de Ourense e sur de Pontevedra aparecen formas tipo mexos. Na comarca dos Ancares chámanlle zurdo. 

Despois existen outras variantes moi minoritarias, ciscadas polo territorio: como ludro, ludrio, xurreira… que non forman áreas concretas. Francisco Dubert explica que nos datos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) tamén aparece orín (que o dicionario RAE define como ‘orina’), por exemplo en León. “En todos estes sitios aparece sempre acompañada dunha forma coma zudrio ou zurrio”, engade.

 

Una idea sobre “Purín: As dez formas de dicir en galego esta palabra francesa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información