Publicado o paquete de medidas da Comisión de apoio ó sector agrario

A UE proponlle ós Estados membros que empreguen os Programas de Desenvolvemento Rural para darlle axudas de 5.000 euros ós gandeiros e 50.000 euros ás empresas agroalimentarias afectadas

Publicado o paquete de medidas da Comisión de apoio ó sector agrario

Carne de vacún en matadoiro. / Arquivo.

A Comisión Europea publicou as medidas excepcionais anunciadas a mediados de abril para apoiar ós sectores agrarios en crise. Por estas medidas, a UE apoiará o almacenamento privado de produtos lácteos (leite en po, manteiga, queixos) e de carne, e permitirá as medidas de autorregulación da produción por parte do sector.

A maiores, a Comisión Europea suxírelle ós Estados membros que destinen fondos dos Programas de Desenvolvemento Rural para axudas directas a gandeiros e pequenas empresas agroalimentarias, algo que en Galicia xa viña planteando Unións Agrarias. Para as granxas afectadas, a UE indica que se poderán conceder axudas de 5.000 euros, en tanto que para as pequenas empresas agroalimentarias, os apoios poderán ser de 50.000 euros. A autorización para estes apoios debe ser aprobada aínda polo Parlamento Europeo.

As medidas xa publicadas onte pola Comisión son as seguintes:

Axuda ó almacenamento privado. A Comisión apoiará o almacenamento de lácteos e carne de vacún, ovino e caprino para reducir a súa oferta temporalmente no mercado. Os produtos terán que ser retirados do mercado un mínimo de 2-3 meses, cun máximo de 5-6 meses. O prazo para solicitar a participación neste programa abre o 7 de maio.

Flexibilidade nos programas de apoio ó mercado. A Comisión permitirá flexibilidade na implementación de programas de apoio ó mercado para viño, frutas e hortalizas, aceite de oliva, apicultura e programas escolares de consumo de leite, froitas e hortalizas. Poderanse redirixir fondos a medidas de xestión da crise.

Derogación temporal das normas de competencia. Os sectores de leite, patacas e flores quedan temporalmente á marxe da normativa de competencia, o que permite a autoorganización dos operadores para regular a oferta ou, no caso das patacas e da flor, realizar accións conxuntas para retirar produto do mercado. A Comisión, non obstante, anuncia que monitoreará os prezos ó consumidor e posibles repartos do mercado para evitar “efectos adversos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información