Publicado o decreto que regula os aproveitamentos forestais

Medio Rural concreta a normativa definitiva das declaracións responsables e autorizacións de corta, así como as regulacións relativas a aproveitamentos de cortiza, pastos, cogomelos e resinas

Publicidade
Publicado o decreto que regula os aproveitamentos forestais

Cortas en monte. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto que regula os aproveitamentos forestais. A nova normativa, que segue a liña esperada no sector, entrará en vigor en 20 días naturais (9 de xuño). O decreto concreta as regras sobre as autorizacións e declaracións responsables de cortas de madeira, precisando que procedemento hai que seguir en cada caso. Tamén estipula as condicións para aproveitamentos de cortiza, pastos, cogomelos e resinas. Tódolos procedementos deberán tramitarse por sede electrónica.

Pasamos a continuación a debullar as cuestións que aborda o decreto.

Tramitación por xanela única

Naqueles aproveitamentos forestais que esixan dunha autorización, as solicitudes serán tramitadas pola Xunta a modo de autorización única, de xeito que para valorar as actuacións suxeitas a lexislacións sectoriais (Patrimonio, Augas de Galicia, etc.), Medio Rural dirixirase internamente ós organismos competentes.

Se a Consellería non recibe o correspondente informe no prazo dun mes, entenderao favorable e continuará co procedemento, a non ser que de xeito xustificado decida esperar polo correspondente informe. Esa espera deberá ser comunicada ás persoas interesadas e en ningún caso poderá exceder de tres meses.

No procedemento de xanela única, non se inclúen as autorizacións que correspondan a outras Administracións, como pode ser o caso das correspondentes á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que depende do Goberno estatal.

Prazo máximo de resolución

Medio Rural resolverá as resolucións de autorización nun prazo máximo de dous meses desde a data de solicitude. Se pasado ese prazo non houbese resolución, entenderase concedida por silencio administrativo, agás que nos supostos recollidos na lexislación básica se estableza de maneira expresa o contrario.

Procedementos en tramitación
Aos procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do decreto, seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, con excepción dos casos en que o previsto no decreto sexa máis favorable para a persoa interesada.

Sistemas de dilixencia debida
Coa posta en marcha da nova normativa de autorizacións e declaracións responsables, Medio Rural establece tamén que aqueles axentes que se fornezan exclusivamente con madeira dos montes galegos entenderase que dispoñen dun sistema de dilixencia debida. Estes sistemas son esixidos en toda Europa para impedir a comercialización de madeira de orixe ilegal.

Aproveitamentos madeireiros e de leñas

Autorizacións

Serán precisas autorizacións de corta nos seguintes casos:

  • Cando os terreos forestais estean poboados nunha proporción significativa con frondosas caducifolias ou piñeiro silvestre (característico de áreas de montaña de Galicia). Será tamén precisa a solicitude de autorización en franxas de uso exclusivo de frondosas caducifolias.
  • Cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por lexislacións de protección do dominio público. Como excepción, sinálase que serán posibles os aproveitamentos de piñeiros, eucaliptos ou acacias mediante declaración responsable, sempre previa aprobación de ordes reguladoras das Consellerías competentes.

    É o caso da orde xa publicada este ano para regular os aproveitamentos en espazos naturais protexidos e nas zonas de dominio de estradas autonómicos e ríos que sexan competencia de Augas de Galicia.

    Pódense consultar as afeccións de protección dunha parcela no visor de información xeolocalizada de Medio Rural, se ben estes mesmos días as asociacións Adega e Mariña Patrimonio advertían de que a información do visor correspondente a Patrimonio cultural é errada nalgúns casos.

    Como exemplo, sinalan o caso de Ribadeo, onde dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela, no concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, sinalan ambos colectivos, que recomendan consultar, a maiores do visor, o plan xeral de ordenación do correspondente municipio.

  • Cando a Consellería decida que é obrigatorio presentar a solicitude de autorización por mor dunha praga ou enfermidade forestal.
  • Cando a superficie do aproveitamento madeireiro sexa superior a 1 hectárea para masas de frondosas caducifolias ou piñeiros silvestres, e de 15 hectáreas para o resto.

Supostos especiais
Medio Rural sinala que as cortas en zonas de servidume de augas (franxa de 5 metros á beira de ríos regatos) non precisan de autorización da Consellería, ao non considerarse terreo forestal, pero si será necesaria a autorización de Augas de Galicia ou do organismo de conca correspondente.

Declaracións responsables

Será suficiente cunha declaración responsable nos seguintes casos:

– Montes cun instrumento de ordenación forestal, cando o aproveitamento se adapte ó mesmo.

– Montes que, sen ter ese plan de ordenación, non estean poboados ou teñan unha presenza reducida de frondosas caducifolias e piñeiro silvestre. Admítese que haxa unha proporción de pés maiores destas especies menor ó 10%. Por pé maior, enténdese aquel cun diámetro superior a 7,5 centímetros.

– Montes non suxeitos a figuras de protección ou lexislacións de dominio público. Nos terreos forestais suxeitos a protección, tamén será suficiente con declaración responsable se hai unha orde autonómica que así o permite, como é o caso da xa comentada sobre espazos naturais protexidos, estradas autonómicas e ríos dependentes de Augas de Galicia.

A decisión da Administración de flexibilizar as cortas en zonas de Rede Natura e nos terreos forestais de dominio público de augas foi criticada por organizacións ambientalistas como Amigos da Terra e Adega, así coma polo Sindicato Labrego, que piden que se esixa solicitude de autorización.

Outros casos nos que será suficiente coa declaración responsable son os seguintes:

– Aproveitamentos de leñas domésticas ou non comerciais.

– Cortas en zonas afectadas por expropiación.

– Cortas para adaptarse ás distancias da normativa de prevención de incendios, respetando as frondosas caducifolias.

– Cortas obrigadas por disposicións administrativas relativas a sanidade vexetal.

– Cortas implícitas nunha autorización concedida para cambiar un solo de forestal a agrícola.

Trituración ou extracción de restos

Tralo aproveitamento, haberá 15 días para extraer ou triturar os restos de corta en época de alto risco de incendio. O resto do ano o prazo será dun mes.

No caso de optarse pola extracción, deberá garantirse a permanencia no monte da metade dos restos forestais de menor tamaño. O decreto estipula especificamente que os restos forestais en ningún caso teñen a consideración de residuo.

O propietario do terreo deberá garantir a rexeneración natural ou artificial (plantación) do arborado nun prazo máximo de dous anos.

Extracción de cortiza

Poderase extraer a cortiza das sobreiras entre o 20 de xuño e o 30 de agosto de cada ano. Se se trata dun aproveitamento previsto no plan de ordenación do monte, será suficiente con presentar unha declaración responsable previa. En caso de que non exista plan de ordenación, haberá que presentar unha solicitude de autorización.

O decreto establece as condicións concretas en que se poderá facer a extracción e as partes da árbore que se poderán traballar. Entre os criterios a ter en conta, figura o de facer sacas da cortiza só en pés cunha circunferencia de polo menos 60 centímetros de diámetro á altura do peito. O intervalo entre aproveitamentos será dun mínimo de 9 anos.

Pastos

O dereito de pastoreo corresponde á persoa propietario do monte, que pode exercelo, cedelo ou prohibilo. A regulación ou prohibición do pastoreo inscribirase no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, sempre que o monte non teña un plan de ordenación que xa o regule.

En montes afectados por incendios, non será posible o pastoreo ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos do lume. Pódense regular excepcións se se acredita que hai ganderías na zona sen outras alternativas.

Recollida de cogomelos

Permítese a recollida libre para consumo propio dun máximo de 2 quilos de cogomelos por persoa e día. Esa recollida é libre no monte, salvo que se trate de cogomelos produto dunha micorrización ou plantación.

O propietario forestal tamén poderá acoutar os terreos nos que queira prohibir ou regular a recollida de cogomelos. Para iso, deberá inscribilos na Xunta e colocar sinais visibles coa indicación «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora».

Aproveitamento de resinas

Poderase facer extracción de resinas entre xaneiro e novembro. As solicitudes de autorización e declaracións responsables para un ano natural deberanse cursar desde o 1 de setembro do ano anterior ata o 31 de marzo do mesmo ano.

En montes con plan de ordenación, será suficiente a presentación dunha declaración responsable, en tanto para o resto será necesario pedir unha autorización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información