Publicado o decreto da Xunta que regulará os alimentos artesáns e caseiros

O Diario Oficial de Galicia publica`o Decreto de Artesanía Alimentaria, que regulará e distinguirá cun distintivo os produtos alimentarios artesáns, distinguindo os que se fan na casa e os elaborados en zonas de montaña. Entrará en vigor en 6 meses

Publicado o decreto da Xunta que regulará os alimentos artesáns e caseiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto polo que se regula a artesanía alimentaria, que elaboraron as Consellerías do Medio Rural e do Mar para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

Trátase dunha novidosa regulación que especifica o que é unha produción artesanal para evitar que se empregue de maneira impropia este termo ou outros similares como “caseiro” ou “feito na casa”. É unha norma moi agardada en Galicia, pois o primeiro borrador xa se presentou no 2008, co entón Goberno Bipartito.

O novo decreto regula as condicións técnicas específicas necesarias para que unha produción alimentaria sexa artesanal. Así, establece que os procesos de elaboración deben ser tradicionais, que a presentación dos produtos debe ser senlleira para mostrar a súa calidade diferenciada e que se ha de respectar en todo momento a norma técnica aprobada para cada tipo de produción. Distínguense un total de 16 grupos de produtos entre os que están os lácteos, os cárnicos, os produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería e confeitaría, entre outros. A Consellería do Medio Rural está a traballar cos interesados na redacción das normas técnicas específicas e o obxectivo é aprobar primeiro as que teñan maior repercusión en Galicia, polo seu número de profesionais implicados e polo volume de produción.

As normas técnicas contemplarán, en todo caso, que os produtos artesáns deben estar elaborados con materias primas seleccionadas e que non se poderán utilizar potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais quedando o uso doutros aditivos suxeito a importantes restricións. Tampouco se poderán empregar graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco. A utilización como materia prima de produtos semielaborados queda limitada a casos excepcionais xustificados na norma técnica correspondente. Por outra banda, admitirase o uso de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración, respectando o indicado na norma técnica que corresponda.

Para garantir a intervención persoal do artesán no proceso, o decreto tamén establece que non se admitirán reetiquetaxes nin razóns sociais de intervenientes no circuíto comercial que non sexan as da empresa artesanal responsable do produto, nin se admitirá tampouco a utilización de marcas que non lle pertenzan.

Entrará en vigor en 6 meses

O novo decreto, que entrará en vigor aos seis meses contados desde hoxe, regula tamén o rexistro da artesanía alimentaria, no que deberán estar inscritas todas as empresas implicadas. O rexistro dependerá da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social, así como xestionalo e calcular o alcance da acción administrativa, de xeito que o esforzo da Administración beneficie aos profesionais do sector.

Ademais da denominación xenérica “Artesanía Alimentaria”, o decreto establece outras dúas identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos: unha para os produtos caseiros ou da casa e outra para os que se elaboran na montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto. Pola súa banda, os produtos artesáns de montaña serán os elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña”, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea. Mediante unha orde da Consellería do Medio Rural de próxima publicación aprobaranse os logotipos que identificarán tanto os “Produtos artesáns” en xeral como os “Produtos artesáns caseiros” e os “Produtos artesáns de montaña”.

Pódese consultar o decreto no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200210/AnuncioG0426-300120-0002_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información