Publicada a orde que regula as axudas extraordinarias europeas ao sector lácteo

Publicada a orde que regula as axudas extraordinarias europeas ao sector lácteo

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto que regulará a axuda excepcional de adaptación, destinada a compensar as dificultades económicas que afrontan os gandeiros de vacún leiteiro, como consecuencia do desequilibrio do mercado mundial no sector do leite e os produtos lácteos.

A axuda forma parte do último paquete de medidas postas en marcha pola Comisión Europea en xullo de 2016, á cal se destinaron un total de 350 millóns de euros para o conxunto da UE dos que corresponderon a España algo máis de 14,6 millóns de euros.

Tal e como xa avanzou Campo Galego, en España articulouse a axuda en dúas medidas independentes entre si que poden ser complementarias para os beneficiarios que cumpran todos os requisitos de ambas.

Para iso dividíronse os fondos, asignando o 80% do total á medida dirixida á contención da produción (11.732.543 euros) e o 20% ao apoio a proxectos de cooperación (2.933.135 euros) no sector.

Requisitos para percibir a axuda

Para acceder á primeira medida, as explotacións non deben aumentar o seu censo de vacas leiteiras entre 2015 e 2016. Exceptúanse do devandito requisito aquelas explotacións cuxo número de animais sexa igual ou inferior a 75, e aquelas explotacións localizadas en zonas de montaña ou insulares.

Para ser beneficiarios desta axuda os produtores comprométense a non incrementar, durante 2017, o censo de vacas leiteiras respecto de 2016. A axuda concederase por animal elixible, ata un máximo de 75 animais por cada beneficiario.

A segunda medida ten en conta o esforzo dos produtores no obxectivo de mellorar a organización do sector e reforzar a posición do produtor na cadea de valor, mediante a súa integración nunha Organización de Produtores do paquete lácteo ou nunha entidade asociativa prioritaria.

Para ser beneficiarios desta axuda os produtores deberán ademais manterse integrados na correspondente organización durante 2017.

Para facilitar a xestión e axilizar o cobro das axudas, estas deben solicitarse a través da solicitude única establecida no Real Decreto 1075/2014, do 19 de decembro. En Galicia presentarase conxuntamente coa solicitude da Pac 2017, cuxo prazo de solicitude finaliza o 30 de abril.

A data límite para o pago da axuda é o 30 de setembro de 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información