Proxectos de innovación de Agaca en vacún de leite, castaña e caracol

O Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) compromete financiación para cinco iniciativas nas que participa a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias

Proxectos de innovación de Agaca en vacún de leite, castaña e caracol

Un dos proxectos buscará vías para mellorar o benestar animal en granxas de vacún.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) vén de recibir financiación para cinco proxectos de innovación no ámbito agrario. As iniciativas abordan cuestións como a conservación da biodiversidade en explotacións de vacún de leite, a optimización da produción de castaña ou a cría do caracol.

Resumimos a continuación as características principais dos proxectos, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

‘Granxas de leite galegas en harmonía coa natureza e a biodiversidade agraria’. Xunto con Agaca, participan no proxecto o Instituto Galego de Calidade Alimentaria, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a Casa Grande de Xanceda, Calfensa e o grupo naturalista Hábitat.

A iniciativa, que conta cunha axuda de 95.000 euros, pretende, entre outras cuestións, mellorar a xestión de residuos gandeiros a través dun sistema de balsas de filtración de residuos. Tamén se abordará a creación de espazos vexetais para mellorar o benestar animal e compararase o uso de adubos ecolóxicos fronte ós convencionais.

‘Viabilidade do aproveitamento integral dos soutos da cooperativa Amarelante (Manzaneda)’. O proxecto busca mellorar o rendemento e a calidade da produción de castaña, así como incorporar producións complementarias nos soutos, como poden ser as plantas medicinais e aromáticas e os cogomelos.

Na parte de transformación do produto, estudarase o aproveitamento dos residuos da castaña (cortiza, pel, ourizo) para industrias como a téxtil, a madeireira ou a cosmética. Finalmente, buscaranse tamén medidas de aforro enerxético para o procesado da castaña por medio de biomasa ou paneis fotovoltaicos.

A iniciativa conta con 80.000 euros e está desenvolvida pola cooperativa Amarelante, Agaca, a Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico da Carne e a IXP Castaña de Galicia.

‘Adhelix, cultivo intensivo do caracol de xardín’ é un proxecto desenvolvido por Agaca, polo Centro Tecnolóxico da Carne e por criadores particulares da provincia de Ourense. A iniciativa, dotada de 53.000 euros busca mellorar a produtividade e calidade do caracol producido en Ourense, así como reducir a mortandade nas granxas.

Porcino e resina
Os tres proxectos anteriores son liderados por Agaca. A maiores, a Asociación participa como socia noutras dúas iniciativas:

‘Deseño de ferramentas para minimizar o impacto sobre o medio natural na aplicación de xurro de explotacións de porcino’. O proxecto busca mellorar a xestión do almacenamento dos residuos procedentes das granxas de porcino.

‘O dourado verde’, que busca desenvolver un novo método de extracción de resina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información