Proxecto pioneiro dos cunicultores galegos para minimizar o uso de antibióticos

Os produtores galegos de coello integrados en Cogal están a traballar nunha vacina pioneira a nivel mundial para minimizar o uso de antibióticos. Buscan adiantarse ao cumprimento da normativa europea e diferenciar o produto. A vacina xa está a ser testada en varias granxas.

Proxecto pioneiro dos cunicultores galegos para minimizar o uso de antibióticos

Presentación do proxecto Tecnocún en Cimag Gandagro 2017

Os produtores galegos de coello agrupados en Cogal están a traballar nun proxecto pioneiro a nivel mundial para minimizar o uso de antibióticos. O proxecto Tecnocún, no que traballan conxuntamente con Coren, a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa CZV Veterinaria, Geneaqua e o Clúster de Acuicultura de Galicia, foi presentado nunhas xornadas técnicas na última edición de Abanca Cimag-Gandagro.

O proxecto, que prevé finalizar en 2018, busca responder á crecente demanda tanto dos consumidores como da Unión Europea para minimizar o uso de antibióticos na gandería, para reducir o risco de resistencias bacterianas, e lograr produtos máis saudables.

España é un dos países europeos máis afectados por este cambio nos sistemas de produción gandeiro, xa que é o quinto produtor mundial de carne de coello e o segundo a nivel europeo, mentres que Galicia é a segunda comunidade produtora a nivel español, con 9,8 millóns de unidades de coellos -o 20% do total-, dos que a metade corresponden a Cogal.

Neste sentido, a estratexia da cooperativa galega é adiantarse aos cambios normativos, sendo pioneiros na produción de carne de coello de forma máis sustentable e saudable, o que lle permitiría tamén diferenciar o seu produto no mercado e incrementar as súas exportacións, que xa representan o 22% das súas vendas.

Desenvolvemento dunha vacina pioneira a nivel mundial

Así, o proxecto Tecnocun, que conta co financiamento dos fondos Feder e da Axencia Galega de Innovación, márcase como un dos seus principais obxectivos desenvolver unha vacina contra as patoloxías intestinais dos coellos, a principal enfermidade que afecta á cría desta especie e que provoca importantes perdas aos granxeiros tanto polas baixas como polo incremento da morbilidade debido ás diarreas, obrigando ao uso de antibióticos.

A este respecto, o principal obxectivo do proxecto é desenvolver unha vacina ambivalente contra colibacilose e coccidiose, dúas patóxenos que provocan o 95% das enfermidades intestinais dos coellos. Isto combinarase coa potenciación da inmunización, a través da vacinación das nais ou o uso de inmunoestimulantes nas dietas.

A vacina, desenvolvida en colaboración con CZV e o Clúster de Acuicultura de Galicia -cunha ampla e recoñecida traxectoria no desenvolvemento de vacinas para peces- xa está a ser probada en varias granxas de Cogal.

Neste sentido, Julián Gullón Álvarez, veterinario de Cogal, adiantou nas xornadas que “algunhas das conclusións que sacamos é que hai que evitar vacinar ás coellas en situacións de estrés, para que o nivel de anticorpos sexa adecuado e lograr o obxectivo dunha mortalidade o máis baixa posible e unha alta produción de inmunoglobulina que será transmitida aos gazapos a través do leite”.

En 2018 presentarase a vacina e os resultados do proxecto

Outros obxectivos do proxecto Tecnocún é desenvolver novas ferramentas de diagnóstico e control en base a PCR e metaxenómica para monitorar o estado de saúde dos animais e crear estratexias alimentarias en pensos -en colaboración con Coren- non medicados, mediante a modificación de nutrientes e materias primas, o uso de aditivos novos e de inmunoestimulantes.

“O obxectivo final é ver o resultado final da combinación destas tres estratexias: vacinación, cambios na alimentación e novos métodos diagnóstico das enfermidades nas granxas de coellos”, asegurou Enrique Taboada Sarasquete, responsable da área Noroeste de Imasde Agroalimentaria, a empresa coordinadora do proxecto.

“A hixiene nas granxas cobra cada vez máis importancia”

Mentres tanto, Julián Gullón, veterinario de Cogal, incidiu en que “cada vez cobran máis importancia as medidas hixiénicas, sobre todo a limpeza das instalacións, realizar baleiros sanitarios e controlar a presión infectiva”. “Son medidas que pode facer o propio granxeiro, e que contribúen a reducir o uso de antibióticos en cunicultura”.

Está previsto que ao longo do 2018 preséntense os resultados de Tecnocún e a vacina contra a patoloxías intestinais en coellos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información