Proxecto para recuperar a variedade de uva autóctona Tinta Castañal

Publicidade
Proxecto para recuperar a variedade de uva autóctona Tinta Castañal

A empresa Viñas e Terras do Pazo vén de conformar un grupo operativo do que tamén forman parte, entre outros, investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal do Campus de Lugo, para recuperar a variedade de uva Tinta Castañal en Galicia, unha variedade minoritaria da comarca do Baixo Miño en perigo de desaparición.

Viñas e Terras do Pazo, con sede nos concellos pontevedreses de Tomiño e O Rosal, ten como actividade principal a produción de uva nas súas plantacións en Goián, concello de Tomiño, e en Eiras, concello do Rosal. No marco da súa actividade, esta empresa lidera un grupo operativo do que tamén forman parte os investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, ademais do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en calidade de centro de investigación, e Grupo Eco3g Consultores, como axente de innovación.

O obxectivo principal do grupo operativo posto en marcha e liderado por Viñas e Terras do Pazo é a recuperación da variedade de uva Tinta Castañal, mediante un cultivo sustentable, que permita a elaboración dun viño tinto diferenciado e de alta calidade.

O obxectivo é elaborar un viño monovarietal

A variedade Tinta Castañal é unha variedade tradicional da comarca do Baixo Miño. Trátase dunha variedade minoritaria (existen poucas cepas plantadas) que sofre o perigo de chegar á extinción, e de feito esta variedade non aparece na lista de variedades comerciais e portainxertos de vide. Daquela, tampouco está amparada dentro de ningunha das D.O. galegas, dado que para que poida recollerse dentro dunha denominación de orixe é necesario que apareza inscrita como definitiva, na lista anteriormente mencionada.

A posta en marcha deste grupo operativo específico pretende servir de acicate para desenvolver un proxecto que posibilite realizar a caracterización e analizar o rendemento agronómico e o comportamento en condicións de campo desta variedade minoritaria.

Desta forma, os obxectivos deste grupo operativo son analizar o rendemento e a calidade de Vitis Vinifera cv Castañal baixo un sistema de produción sustentable, proceder á caracterización cualitativa dos compostos e aromáticos en condicións de campo, e a preparación de viño monovarietal para a súa venda como produto singular de alto valor engadido, derivado das particularidades/escaseza/potencial da variedade.

A Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, tamén ten realizado estudos sobre a variedade Tinta Castañal. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información