Propostas de Unións para enfrontar a crise do coronavirus no agro

A organización agraria avoga por redistribuír fondos do Plan de Desenvolvemento Rural para apoiar ás producións máis afectadas pola caída de vendas

Propostas de Unións para enfrontar a crise do coronavirus no agro

As ganderías de vacún de carne estanse a ver afectadas por unha caída dos prezos.

A crise do coronavirus está a deixar no agro un serio impacto en producións como o vacún de carne, o ovino e caprino, ou o sector do viño. Para enfrontar as caídas de vendas e a baixada dos prezos, Unións propón reprogramar os actuais fondos do Plan de Desenvolvemento Rural co obxectivo de apoiar ós produtores afectados.

“Trataríase non de destinar novos presupostos ó agro, senón de coller os cartos xa existentes no Plan de Desenvolvemento Rural e reenfocalos en parte para os produtores afectados”, defende o secretario xeral de Unións, Roberto García, que compareceu hoxe nunha videorolda de prensa. García lembrou que as granxas de vacún de carne están a perder en conxunto máis dun millón de euros mensuais pola baixada dos prezos, unha situación que avoga por compensar.

A organización agraria entende que, dada a actual crise, é posible redirixir fondos previstos nun principio para programas forestais ou para apoios xenéricos ó desenvolvemento rural. “Hai cousas concretas que se poden facer, como destinar directamente 5.000 euros por produtor en concepto de axuda á renda. Tamén é posible aumentar as axudas por hectárea para zona desfavorecida ou destinar máis apoio ás axudas agroambientais, que beneficiarían en gran medidas ás ganderías de carne”, propón García.

Outra liña de actuación posible céntrase na refinanciación de débedas co apoio do Igape. “É necesario apoio público para evitar que ninguén caia polas débedas que xa tiña contraídas e que agora pode ter dificultades para abonar”, sinala o secretario xeral de Unións, que incide na necesidade de apoio tanto para os gandeiros como para a industria agroalimentaria.

Así, García destaca que será preciso apoio financieiro para as adegas, que teñen boa parte da última colleita sen vender, pero que terán que enfrontar nuns meses a vendima do 2020. “A próxima vendima é motivo de preocupación para os viticultores e para as adegas e é momento de buscar solucións”, avoga.

Preocupación polas cisternas de leite importadas

Xunto co apoio ós produtores máis afectados polo coronavirus, un segundo foco de preocupación de Unións céntrase na posibilidade dunha crise indirecta no sector lácteo, pois se ben o consumo de leite en España mantense forte, os excedentes dos países do entorno representan unha ameaza.

“Están entrando centos de cisternas de leite a baixo prezo que chegan de Portugal e Francia. Iso pode ter un impacto a curto prazo en España, sobre todo á hora de abaratar aínda máis os lácteos nos supermercados, co posible efecto en cadea que esa banalización provocaría”, advirte.

Unións insta ás Administracións a controlar o leite importando, pois sostén que parte das cisternas que entran en España son casos claros de venda a perdas, por baixo dos custos de produción, o que infrinxiría a lexislación. “Se o leite en Francia se está pagando a 36 céntimos no campo e se lle venden excedentes a industrias españolas a 14 céntimos, o tema está claro”, cuestiona Roberto García, que demanda a intervención de Xunta, Ministerio e un plan de continxencia a nivel europeo.

As inspeccións, segundo a organización agraria, deberíanse extender ó procesado do leite importado na industria, para garantir que se procesa nun circuito independente do leite nacional, de xeito que sexa etiquetado como leite producido fóra de España. “A maiores, cómpre examinar o destino dese leite, pois como é sabido, o leite concentrado pódese empregar para algúns produtos lácteos, pero non para reconstituílo e envasalo como leite líquido”, sinala.

No actual escenario, boa parte dos países de Europa están apostando por promocionar o consumo de produtos nacionais entre os seus consumidores. É unha solución individual que García ve como “necesaria” e como complementaria das medidas públicas que se poidan tomar.

“O consumidor é o noso aliado e temos que buscar a súa complicidade coas producións propias”, defende García. “Pensemos, por exemplo, que nos están entrando moitos queixos de Alemania e de Centroeuropa a prezos moi baixos cos que non poden competir os nosos queixeiros. É necesaria a complicidade do consumidor cos gandeiros e coa industria propia”.

Prezos do leite
Sobre os prezos do leite no campo, Unións di non ter unha preocupación inmediata, “pois o consumo doméstico de leite líquido aumentou ata niveles que compensan a caída de vendas na hostalaría”, defende. “O que non tería sentido é que a industria pretendese baixar prezos do leite no campo baseándose na caída de prezos dos produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, etc.), que a penas teñen importancia no noso mercado. Se cando estes produtos subiron en Europa, o prezo no campo en España non subiu, agora que baixan tampouco teñen que baixar os prezos no campo”, argumenta.

Boa parte das granxas de Galicia teñen de tódolos xeitos contratos asinados a un ano vista, polo que a discusión estará nas granxas que teñan que renegociar prezos nos próximos meses, entre elas parte das que están integradas na organización de produtores Ulega. “Terán condicións semellantes ás dos contratos que están en vigor”, pronostica García.

Dificultades na saída dos becerros de recría
O problema máis inmediato co que se están vendo as granxas de leite estas últimas semanas é a saída dos becerros de recría cara os cebadeiros. Dado que os mercados de gando están pechados, esta saída complicouse e agora faise exclusivamente por medio de tratantes. “Os becerros están saíndo con dificultades e sen prezo, xa que os grandes cebadeiros de Cataluña e Aragón están aprovisionándose de becerros franceses e belgas que chegan tirados de prezo”, cuestióna Roberto García, que pide solucións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información