Propoñen unha terapia de calor para eliminar virus de mazairas e pereiras autóctonas

Publicidade
Propoñen unha terapia de calor para eliminar virus de mazairas e pereiras autóctonas

Maceira Rabiosa de Callobre, autóctona de Galicia

A biotecnoloxía aplicada mediante o cultivo in vitro permitiu erradicar os virus Apple chlorotic leaf spot virus (ACLSV) e Apple mosaic virus (ApMV) en plantas de sete variantes tradicionais en Galicia de maceira e dúas de pereira.

Concretamente trátase das variantes Cacharela, Camoesa, Gravillán, José Antonio, Ollo mouro, Príncipe grande e Repinaldo, e as de pereira Barburiña e Manteca oscura. A investigadora da Universidade de Santiago, Analí Lizárraga Farfán, deseñou na súa tese de doutoramento un novo protocolo que aplica a terapia de calor, con gradiente de temperatura, seguida de illamento de ápices meristamáticos a gromos de maceira e pereira cultivados in vitro. En opinión da investigadora é unha técnica que podería ser utilizada con outros cultivos froiteiros ou con outro tipo de plantas.

A investigación achega novas solucións nun ámbito de grande importancia xa que, como lembra a investigadora, as enfermidades por virus atópanse entre as máis dañinas que afectan ás froiteiras e as que producen máis perdas. Para o desenvolvemento da investigación Analí Lizárraga tivo acceso á colección conservada no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) formada por 330 e 131 diferentes cultivos de maceira e pereira, respectivamente, infectadas por ambos tipos de virus.

Un importante avance no estudo da xenómica destas froiteiras

Ademais, no ámbito fitosanitario é preciso cumprir coa normativa da European Plant Protection Organization (EPPO) segundo a que ambos cultivos deberán estar certificados como libres de virus para ser propagados, comercializados e almacenados como xermoplasma para a conservación do mesmo e a da biodiversidade.

Por vez primeira, a investigadora da USC realizou un estudo de metaxenómica nestes cultivos froiteiros chegando a identificar o microbioma bacteriano interno de cada un deles. A extracción e análise do ADN de xeito global contou coa colaboración da profesora da Microbioloxía Ana Otero. O coñecemento do microbioma interno “abre novas vías de investigación para comprender mellor a relación existente entre o hóspede e os microorganismos e o papel que desempeñan na vida da planta” detalle a doutora Lizárraga Farfán. Na súa opinión “a presenza de bacterias endófitas nas plantas cultivadas in vitro xoga un papel que ata agora non é coñecido nin suficientemente estudado”.

A investigación dirixiuna a profesora María Luz González Caamaño no contexto dos grupo de Biotecnoloxía e no de Biotecnoloxía da Conservación da USC. A tese foi cualificada coa máxima cualificación de sobresaliente cum laude. O tribunal que a avaliou presidiuno o catedrático de Fisioloxía Vexetal da Universidade de Valencia, Juan Segura García del Río; e integrábano ademais a investigadora do CSIC Nieves Vidal Álvarez e o catedrático de Fisioloxía Vexetal da USC Ignacio Zarra Cameselle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información