Produtivismo e abandono, as dúas caras da evolución do monte en Galicia

Dous investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñería analizaron a transición forestal experimentada na comunidade desde os anos 60. O proceso caracterizouse pola expansión do arborado, pola especialización produtiva do Eixo Atlántico e da costa norte galega, e polo abandono do interior

Produtivismo e abandono, as dúas caras da evolución do monte en Galicia

O eucalipto está a gañar espazo nos últimos anos no interior da provincia de Lugo. Na imaxe, unha plantación en Baralla, nun área entre prados e frondosas.

Como cambiou o monte galego no último medio século? Dous investigadores da Universidade de Santiago, Eduardo Corbelle e José María Tubío, ambos da Escola Politécnica Superior de Lugo, analizaron a evolución do arborado na comunidade desde o ano 1966 ata o 2009, tomando os datos dos sucesivos inventarios forestais. As conclusións do seu traballo revelan un aumento da superficie arborada dun 45%, así coma unha especialización de parte do territorio na produción de madeira, en tanto o resto do monte galego quedou cunha escasa xestión e aproveitamento económico.

En Galicia, igual que sucedeu na maior parte dos países industrializados, produciuse unha expansión do arborado ao longo do século XX, poñendo fin á deforestación característica de séculos anteriores. Esa evolución, coñecida co nome de ‘transición forestal’, queda clara nas cifras dos sucesivos inventarios forestais. No 1966, Galicia tiña 974.000 hectáreas arboradas, en tanto no último inventario realizado, no 2009, o dato de arborado era de 1.416.000 hectáreas, un 45% máis.

mapa galicia forestal

Especializacións produtivas comarcais
O proceso de aumento das masas forestais desenvolveuse en Galicia dun xeito desigual e por distintos motivos. A análise realizada por Eduardo Corbelle e José María Tubío identifica tres grandes grupos de municipios. Cada grupo amosa unha evolución distinta da superficie arborada e, sobre todo, da súa composición.

lenda mapa forestal

O Grupo 1 (en branco no mapa), aglutina principalmente a concellos do Eixo Atlántico nos que as coníferas representan a maior parte do terreo arborado. Esa superficie de piñeiros, que era do 48% nestes municipios no 1966, descendeu ata un 22% da superficie total no 2009, pero os piñeiros continuaban sendo entón a principal especie. Existía tamén nesa data outro 10% da superficie de masas mesturadas de coníferas e eucaliptos, e un 9% de eucaliptos.

O grupo no que maior foi a variación do arborado é o Grupo 3 (en escuro no mapa), que concentra principalmente a concellos da Mariña lucense e do entorno da factoría de Ence en Pontevedra. Se no 1966, as coníferas representaban tamén a súa principal especie, esa situación xa cambiara no 2009, cun 38% da superficie total plantada con eucalipto, que se convertiu na masa dominante.

En ámbolos grupos de municipios, a superficie de frondosas é residual, non superando o 6%.

Os concellos do interior galego, englobados no Grupo 2, amosan en cambio unha evolución moi diferente. A situación no 1966 amosa unha coexistencia das masas de coníferas (14% da superficie total) e das frondosas caducifolias (8% da superficie total), pero co paso do tempo esa situación decantouse a favor das frondosas caducifolias, ata ocupar o 20% da superficie total no 2009. A presenza de eucaliptos continuaba a ser moi reducida no 2009 nestes municipios, non superando o 3% da superficie total.

Evolución de poboación e explotacións agrarias
O estudo dos investigadores da USC, publicado recentemente nunha revista científica, analizou factores a ter en conta que se desenvolveron en paralelo ós cambios no monte. Se se valora a poboación presente en cada grupo de concellos, vese que os concellos dos grupos 1 e 3 (Eixo Atlántico e costa norte) aumentaron a poboación, en tanto os do grupo 2 (interior galego) reduciron o seu censo. Na evolución das explotacións agrarias, non se apreciaron diferenzas significativas na súa evolución nos tres grupos.

Demanda madeireira de Ence
A transición forestal experimentada en Galicia explícase por diversos factores. Nas áreas litorais, as demandas da industria madeireira, que precisaba unha maior produción, semellan ter sido o principal motor de cambio. De acordo con isto, as masas forestais do Eixo Atlántico e da costa norte están dominadas polas especies de maior demanda pola industria, eucalipto e piñeiro.

As demandas da industria, en especial de Ence, o maior abandono do interior e as políticas agrarias europeas son algúns dos factores que explican a evolución do monte

Os autores destacan que existe unha clara correspondencia espacial e temporal entre as necesidades da industria papeleira e a evolución das masas. Esta situación é observable nas proximidades das dúas factorías de Ence, a de Pontevedra, e a do occidente asturiano, en Navia, que se abastece das plantacións da Mariña lucense.

Interior galego
Fronte ás demandas de madeira nas zonas costeiras, aptas para o eucalipto, a situación do interior galego é ben diferente. A explicación da evolución do monte nas comarcas do interior hai que buscala nun desenvolvemento económico asociado ó abandono das actividades agrarias e a procesos de revexetación espontánea, con masas de nova aparición compostas sobre todo por frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, etc.), con escaso uso industrial.

Políticas europeas
Outro factor a ter en conta en todo o territorio galego é o das políticas de Estado, asociadas ás políticas europeas de reestruturación do sector agrario. A súa influencia é claramente apreciable no periodo 1989-1999, tras a entrada de España na UE e coincidindo coa aplicación do sistema de cotas lácteas. Políticas coma as limitacións produtivas, os apoios ó cese anticipado da actividade agraria ou as axudas para reforestar terras agrarias liberaron terras que contribuíron a potenciar a reforestación en toda a comunidade.

En todo o periodo 1966-2009, a década dos noventa é con claridade na que maior aumento da superficie forestal se produce. Só nesa década, o arborado aumentou en 300.000 hectáreas, a un ritmo de 30.000 hectáreas ano.

Cambios na estrutura agraria e especialización produtiva en leite e madeira

Arredor dos anos 60, a maior parte da superficie de Galicia estaba sendo utilizada de xeito máis ou menos intensivo pola actividade agraria. Iso incluía ás terras de monte, que se empregaban para pastoreo do gando e para produción da materia orgánica para estrume. A expansión do arborado está, por tanto, moi ligada a cambios sociais e tecnolóxicos que reduciron a superficie usada polas explotacións e o número das mesmas.

O monte pasou de xogar un papel na fertilidade dos cultivos a outro principal de provisión de madeira para uso industrial, sobre todo nas áreas costeiras de Galicia, en tanto no interior o crecemento do monte debeuse máis a procesos de revexetación espontánea, consecuencia da perda de actividade agraria e poboación.

En definitiva, a transición forestal en Galicia vai asociada á transformación agraria. Desde os anos 60, Galicia especializouse en dúas producións no contexto estatal, leite e madeira, producindo o 38% do leite do conxunto de España (polo 18% de 1960) e copando máis da metade da madeira cortada cada ano no país.

Artigo completo en: E. Corbelle Rico e J. M. Tubío Sánchez. Productivismo y abandono: dos caras de la transición forestal en Galicia (España), 1966-2009. Bosque 39 (3):457-467.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información