Produción de carne de vacún maior en Galicia (parte I)

As vacas, en xeral, destínanse ó sacrificio nun estado de carnes pouco axeitado para acadar canais e carne de calidade. A próxima posta en marcha da IXP Vaca e Boi de Galicia, coa que se quere valorizar esta produción, fará precisos bos acabados, que repercutirán en mellores prezos de venda. [Artigo de Santiago Crecente, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo]

Produción de carne de vacún maior en Galicia (parte I)

Bois de 5 anos nos pastos. / Imaxes: CIAM.

En Galicia hai, segundo datos do 2015, unhas 560.000 vacas, das cales unhas 360.000 son de leite e unhas 200.000 de carne. Cando as vacas rematan a súa vida útil, ben sexa por desvelle, problemas reprodutivos ou doutra índole, son sacrificadas para aproveitar a súa carne.

Nos rabaños de leite ten lugar unha elevada reposición, pois o sistema intensivo que predomina fai que as vacas teñan unha vida útil moi curta, sendo moi frecuente o sacrificio de animais a partir de 5-6 anos de idade. Pola contra, nos rabaños de carne a vida útil das vacas é notablemente máis longa, podendo superar sen problema os 10 anos de vida útil. Isto fai que a maior parte dos sacrificios procedan do rabaño leiteiro.

O prezo por kg. canal pode chegar a triplicarse, se comparamos vacas cun estado de carnes moi deficiente con outras cun acabado óptimo

As vacas, como norma xeral, destínanse a sacrificio nun estado de carnes inadecuado para conseguir canais e carne de calidade, polo que acadan baixas cotizacións no mercado. Para mellorar estas canais necesítase facer un acabado, conseguindo así carne de mellor calidade, canais de máis peso e mellor prezo de venda.

Variación nos prezos de venda
O prezo de venda é un parámetro ligado á clasificación do canal no matadoiro (sistema SEUROP) e ó peso canal. Os canais máis deficientes irán destinados a transformados cárnicos, como os da carne picada, mentres que nos canais de máis calidade xa se realizará un despece para venda directa, e os mellores canais serán destinados para venda como pezas de moi alto valor, onde o máis recoñecido é a peza do lombo para vender como ‘chuletón’.

Cada unha destas categorías ten un prezo por kg canal notablemente diferente, podendo chegar a triplicarse se comparamos vacas cun estado de carnes moi deficiente respecto de vacas que recibiron un acabado óptimo. Así, como cifras orientativas, poderíanse dar os seguintes prezos (que poden flutuar bastante dun ano para outro):

Taboa dia 1 boa

Situación e posibilidades
Nun estudo realizado no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) (Carballo e Moreno, 2006), analizando as vacas sacrificadas en dous matadoiros da provincia de A Coruña, determinouse que arredor dun 30% das vacas presentaron un estado de carnes deficiente, e que en torno a un 50% presentaron un estado de carnes intermedio. Isto vén a dicir que a gran maioría das vacas que se sacrifican son susceptibles dalgún tipo de mellora.

O 80% das vacas que se sacrifican son susceptibles dalgún tipo de mellora, segundo conclúen investigacións feitas por Mabegondo en matadoiros

Cómpre salientar que, cando se realiza o acabado dunha vaca, é importante dar o salto dunha categoría comercial a outra, pois é cando ten lugar o maior aumento no prezo de venda. Deste xeito, as estratexias de acabado poderían ter dúas finalidades, por unha banda mellorar a condición corporal de vacas nun estado deficiente e levalas a un estado de carnes intermedio, ou partindo de vacas nun estado de carnes deficiente ou intermedio levalas a un estado de carnes bo ou moi bo.

Engorde de animais en base a pasto

Unha das opcións para mellorar a condición corporal de animais nun estado de carnes deficiente é o engorde en base a pasto. No CIAM téñense desenvolvido algunhas experiencias deste tipo. Nunha delas (Cabrero e col., 1983), estudouse o efecto do acabado en base a pasto de primavera de vacas de descarte de raza rubia e frisona, facendo acabados de 0, 60 e 120 días de duración.

O engorde exclusivamente en base a pastos ten sentido cando se parte de animais cun estado corporal baixo

Comprobouse que as vacas experimentaron ganancias de peso superiores a 1 kg/día nos dous acabados, que o rendemento canal aumentou significativamente só con 60 días de acabado e que o contido de graxa aumentou de forma paralela á duración do acabado.

Separando por raza, observouse unha maior ganancia de peso nas vacas de raza rubia, e un maior contido graxo na raza frisona. Tendo en conta o aumento de peso dos animais e a mellora da canal, o importe de venda podería incrementarse en torno ós 350 euros por vaca despois de 120 días de acabado exclusivamente con pasto.

Canais de animais de 5 anos.

Canais de animais de 5 anos.

Noutro estudo (Cabrero, 1984), comparando duracións de acabado en base a pasto de primavera de 50 e 85 días, con vacas rubias e frisonas de 500 kg de peso vivo medio, obtivéronse resultados semellantes. Elevadas ganancias de peso, rápida mellora do rendemento canal (só con 50 días) e aumento progresivo do contido en graxa da canal. O importe estimado por vaca incrementaríase de novo en torno ós 300-350 euros despois de 85 días de pastoreo.

Estratexias
O engorde de animais exclusivamente en base a pasto ten sentido cando se parte de animais cun estado corporal baixo ou moi baixo, xa que son capaces de experimentar elevadas ganancias de peso debido ó efecto do ‘crecemento compensador’. Este efecto ten lugar cando un animal que atravesou unha fase de alimentación subóptima pasa a ter unha alimentación de calidade a libre disposición, sendo capaz de experimentar unha ganancia de peso máis elevada do habitual que ‘compensa’ a falta de crecemento do período anterior.

O engorde en base a pasto tamén tería sentido como fase previa a un acabado máis intensivo, pois permitiría mellorar a condición corporal do animal cun custo de ración máis reducido ca utilizando concentrados.

* Santiago Crecente

Investigador do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo). Desenvolve o seu traballo na Finca Marco da Curra (Monfero), orientada a investigar a produción de carne en extensivo, e na sede central do CIAM, en Mabegondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información