Principio de acordo entre produtores de coello e matadoiros en Intercun

A repartición da extensión de norma sería de 0,002 euros por quilogramo tanto para produtores como para matadoiros. Intercún reunirase coa distribución o día 28

Principio de acordo entre produtores de coello e matadoiros en Intercun

Protesta dos produtores de coello o pasado novembro en Santiago.

Os produtores de coello e os matadoiros chegaron a un principio de acordo no seo de Intercun, a interprofesional do sector, que ata desde hai meses permanecía bloqueada debido ao enfrontamento entre as dúas partes. Este achegamento de posturas permitiralles encarar as negociacións coa distribución para mellorar a remuneración da carne de coello que, nestes momentos non cobre os custos de produción dos gandeiros.

O acordo interno de Intercun tivo lugar o pasado xoves 7 de xaneiro, na reunión celebrada en Madrid. O principal punto de acordo foi o relativo a unha nova repartición da extensión de norma, a principal vía de financiamento de Intercun a través dunha achega por quilogramos de coello, que ata agora era de 0,01 por quilo para o produtores pero de só 0,002 € para os matadoiros. O acordo ao que se chegou é o dunha repartición paritaria: 0,002 € por quilogramo tanto para produtores como para matadoiros.

Pendentes da decisión de ASSOCAT e AEFACE

Soamente quedan pendentes de ratificar esta nova repartición ASSOCAT e AEFACE, dúas asociacións de matadoiros de Cataluña e do Levante que pediron un prazo de 15 días para dar unha resposta. A próxima reunión de Intercun está prevista para o 4 de febreiro. Se a resposta de ASSOCAT e de AEFACE é positiva, Intercun enviaríalle ao Magrama unha solicitude para cambiar ou aprobar unha nova extensión de norma. Se se cumpren os prazos no mes de marzo podería entrar en vigor a nova repartición.

Intercun reunirase coa distribución o día 28

Para Xosé Luís Santaclara, representante do Sindicato Labrego Galego e de COAG en Intercun, “o importante é que houbo un achegamento de posturas entre produtores e matadoiros, e a partir de aquí podemos empezar a negociar coa distribución con máis forza”.

Precisamente, o día 28 deste mes está prevista a primeira reunión en Madrid: Intercún reunirase por separado coas distintas asociacións da distribución. Segundo Xosé Luís Santaclara, “ata agora a única cadea disposta a negociar cos produtores para chegar a acordos é Mercadona e esperemos que as demais tamén se sumen”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información