Principais patóxenos causantes de mamite en vacún de leite en Galicia

Un estudo realizado polo LIGAL en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela confirma a evolución desigual dos principais microorganismos patóxenos causantes de mamites en vacún de leite.

Principais patóxenos causantes de mamite en vacún de leite en Galicia

A hixiene no muxido é clave para previr mamites

Un estudo realizado polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) e polo equipo de investigación Invesaga da Universidade de Santiago de Compostela, indica que, durante o período de estudo, produciuse un descenso do reconto de células somáticas (RCS) en tanque de leite, o que confirma a mellora da calidade sanitaria da cabana leiteira galega.

O estudo, realizado entre os anos 2005 e 2011, analizou o comportamento epidemiolóxico e a capacidade patóxena dos microorganismos illados en 240.232 mostras de leite, obténdose diferenzas importantes tanto na frecuencia de illamento, como en grao de patoxenicidade.

As conclusións deste estudo foron presentadas pola directora técnica do LIGAL, María Luísa Barreal López, dentro das IV Xornadas Técnicas sobre Calidade do Leite, organizadas por FarmVet en Ribadeo.

Os resultados mostran unha tendencia á baixa dalgúns dos patóxenos causantes de mamite máis comúns. En concreto, diminuíu a tendencia da frecuencia de illamento do Corynecbacterium spp., que representa o 17,14% dos microorganismos illados en cultivos positivos de mostras de leite. Tamén se reduciu a presenza doutros patóxenos causantes de mamite, como o Streptococcus agalactiae e o Staphylococcus epidermidis. Isto deu lugar a unha diminución da media do RCS en tanque debido á mellora da calidade sanitaria das explotacións leiteiras.

Con todo, María Luísa Barreal indica que outros microorganismos causantes de mamite no gando mantiveron a súa tendencia na frecuencia de illamento e mesmo a incrementaron, como é o caso do Streptococcus uberis, lévedos, Prototheca spp. e todos os estafilococos coagulasa negativos (ECN), excepto o Staph. epidermidis.

Neste sentido, incidiu na necesidade de adaptar as medidas de prevención e control de mamite específicas para cada tipo de patóxeno.

mamites_ligal_CADRO_1

Melloras na hixiene do muxido

Tamén nos aspectos para mellorar, María Luísa Barreal destacou a necesidade de que os gandeiros estean atentos a patóxenos considerados menores, como os ECN. En concreto, referiuse ao Staphylococcus epidermidis, un patóxeno que pode provocar mamite nas vacas e cuxa fonte principal de contaxio son as mans dos muxidores, polo que incidiu na necesidade de extremar a hixiene durante o munguido.

“Así mesmo, o Staph. epidermidis é o patóxeno con maior porcentaxe de illamentos onde se detecta resistencias á meticilina, mesmo de forma máis frecuente que no Staph. aureus”, advertiu a autora. Neste sentido, defendeu que as infeccións causadas nas vacas por este patóxeno “deben ser identificadas para establecer medidas de control e tratamento específicos”.

Os ECN son un grupo de patóxenos illados con pouca frecuencia a nivel individual que, con todo, no seu conxunto representan aproximadamente un 30% dos patóxenos illados en mamites bovinas en Galicia. Ademais, en moitos deles está a aumentar a súa frecuencia de illamento, o que indica a baixa efectividade das medidas de control para estes casos.

 “Detectouse Staph. aureus ou o Strep. Agalactiae en mostras de leite cun RCS inferior a 100.000”

En relación á capacidade patóxena, os ECN considéranse a nivel de grupo como patóxenos menores. Con todo, hai dúas especies que, aínda que a frecuencia de illamento é inferior ao 3%, presentan características de maior patoxenicidade: Staph. intermedius que provoca mamites subclínicas con RCS similares a un patóxeno maior como Staph. aureus; e Staph. hyicus que se asocia con mamites clínicas de forma máis frecuente que o resto de ECN.

Lévedos e Prototheca spp.: dous patóxenos ata agora pouco frecuentes, pero cuxa presenza está a aumentar

Como xa se indicou, o estudo demostra un incremento na tendencia da frecuencia de illamento nestes microorganismos, tal como pódese observar no gráfico correspondente.

“No caso dos lévedos, os nosos resultados indican que non presentan un comportamento epidemiolóxico tipicamente contaxioso ou ambiental. Un feito importante que constatamos é a clara diferenza na capacidade patóxena das distintas especies. En concreto, asociáronse a RCS altos -similares a E. coli- no caso de Candida krusei e Candida rugosa; a RCS medios -similares ao Staph. aureus- en Candida famata e Candida tropicalis, mentres que ningunha especia de fermentos asociouse a RCS baixos”, asegura María Luísa Barreal.

 “Os lévedos teñen unha elevada capacidade patóxena”

“Tamén se asociaron a mamites clínicas especialmente C. krusei en maiores porcentaxes que, por exemplo, Staph. aureus, e mesmo próximos á Klebsiella spp.”, engade a autora. “Estes resultados contradín a idea moi común de asocialos a unha baixa capacidade patóxena”, advirte.

Igualmente, chama a atención sobre o incremento de presenza de Prototheca spp. “o que é preocupante, dada a imposibilidade de realizar un tratamento específico e a posibilidade de contaxio entre animais”.

Ademais, María Luísa Barreal subliña que este patóxeno, con dobre comportamento ambiental e contaxioso, “en contra do que afirman moitos autores, este estudo indica que se asocia con mamites clínicas e altos RCS en mamites subclínicas, similares a patóxenos maiores como Strep. uberis”.

Ante esta situación, a autora defende a necesidade de “coñecer as características epidemiolóxicas e patolóxicas de lévedos e Prototheca spp., en relación ás mamites bovinas, pois soamente cun adecuado diagnóstico que inclúa a identificación das devanditas especies poderase establecer un adecuado prognóstico e medidas de control específicas”.

Os recontos de células somáticas baixas non sempre son indicativos de non infección

Doutra banda, María Luísa Barreal advertiu que se detectaron patóxenos mamarios como o Staph. aureus ou o Strep. agalactiae en mostras de leite con recontos de células somáticas/ml. inferiores a 100.000.

“Este feito confirma que, para o control rigoroso destas infeccións, para evitar contaxios e, especialmente, en protocolos de erradicación de Strep. agalactiae, deberase considerar como indicativos de mamites a límites de células somáticas cada vez máis baixos”, conclúe a autora.

Outra das conclusións do estudo é que o comportamento patolóxico dos diferentes microorganismos é máis complexo que a simple clasificación en patóxenos maiores ou menores, dado que dentro dos considerados clasicamente patóxenos maiores establecéronse tres niveles estatisticamente diferentes, polo que sería máis adecuado clasificar os microorganismos en catro grupos.

mamites_ligal_CADRO_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información