Primeiros pasos para aproveitar o gran potencial de mercado do cordeiro e o cabrito de Galicia

Ovica organizou este xoves en Castro de Rei unha xornada sobre comercialización e clasificación de canais. Os expertos destacan o gran potencial de mercado do cordeiro e cabritos de Galicia criados en réxime semiextensivo.

Primeiros pasos para aproveitar o gran potencial de mercado do cordeiro e o cabrito de Galicia

Rufino Jesús Gil Guerra impartindo en Frilea o obradoiro sobre clasificación de canais de cordeiro

Os gandeiros galegos de ovino e caprino están a dar os primeiros pasos para organizarse e profesionalizarse de cara a aproveitar o seu gran potencial de mercado. Así se puxo de manifesto nas xornadas sobre comercialización organizadas este luns na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, pola Asociación de Criadores de Ovino e Cabrún de Galicia (Ovica).

A xornada reuniu a representantes da distribución, do mundo cooperativo e tamén expertos a nivel europeo en clasificación de canais. Neste sentido, todos coincidiron na necesidade de colaboración entre os gandeiros para ter máis volume de cordeiros e cabritos cos que garantir un subministro regular ao mercado; a diferenciación do produto e a estandarización das canais; e na importancia de realizar campañas de publicidade e de busca activa de novos mercados, incluso no exterior.

Actualmente Ovica, que agrupa ás explotacións de maior tamaño e máis profesionalizadas da Comunidade, xa deu pasos importantes nese sentido, sobre todo coa creación dunha marca, “Pastores de Galicia”, que diferencia ao cordeiro e ao cabrito galegos polo seu sistema de crianza: alimentados con leite das nais e con ovellas que fan pastoreo en réxime semiextensivo. Iso dálle á carne un sabor e un valor nutricional moi distinto ao doutros cordeiros de fóra, criados en grandes cebadoiros en base a lactoremplazantes.

“Galicia ten un gran futuro en cordeiros lechales de arredor de 6 kilos e cun nivel de engraxamento adecuado”

“Tedes os gandeiros de ovino e caprino de Galicia moito por facer, pero se traballades unidos e facedes as cousas ben tedes unha gran oportunidade por diante”, subliñou Rufino Jesús Gil Guerra, experto nacional e representante español no Comité de Inspección de Clasificación e Prezos de Vacún e Ovino da Unión Europa.

Neste sentido, este experto destacou que “Galicia ten un gran futuro en cordeiros lechales de arredor de entre 5 e 6 kilos de peso canal e cun nivel de engraxamento adecuado de entre 2 e 3”, para o que aconsellou que os cordeiros estean no establo mentres as nais van ao pasto.

“O Brexit abre unha oportunidade para abastecer o mercado europeo de cordeiros pesados”

Igualmente, incidiu na importancia de etiquetar a carne, para que o consumidor coñeza a súa orixe, e de formar a profesionais nos matadoiros para a clasificación das canais de ovino e caprino. “O meu consello sería traballar cun ou con dous matadoiros e formar a clasificadores que sexan independentes, o que non exclúe tampouco o traballo de veedores”, incidiu.

Ademais, destacou o potencial que existe tamén para a exportación de canais máis pesadas, de máis de 13 kilos. “En Italia, Francia ou Grecia hai un mercado moi interesante para este tipo de cordeiros, sobre todo se son un produto diferenciado, porque hai consumidores dispostos a pagalos”, explicou.

Un mercado que co Brexit aínda podería presentar máis oportunidades para os gandeiros españois. “O Reino Unido é o primeiro produtor de cordeiro da Unión Europea, e se se marcha vai deixar un mercado moi importante de canais de ovino pesadas, que poderíamos aproveitar en España se os gandeiros se organizan e gañan volume”, valorou Rufino Gil. “E o mesmo sucede cos países árabes, que demandan un tipo de canal que se non lla subministramos nós farano outros”, engadiu.

“Os gandeiros de ovino e caprino de Galicia tedes unha boa base, pero tedes que lograr ter unhas canais homoxéneas e uniformes, facer publicidade real da vosa marca e ser serios nas vosas explotacións. Así chegaredes a bo porto”, concluíu Rufino Jesús Gil Guerra.

Hixinio Mougán: “É clave que o sector ovino e caprino galega diferencie o seu produto, como se fixo co viño”

Pola súa parte, Hixinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), puxo como exemplo o sector do viño galego: “Co 2% da produción de España conseguimos o 8% do valor”.

Para iso, recomendou aos gandeiros de ovino e caprino que traballen en catro aspectos básicos: asociarse para comercializar en conxunto e poder chegar a novos mercados -algo que xa está a facer Ovica a través da súa cooperativa O Vélaro-; asociarse para negociar condicións de entrega e servizo coa distribución; calidade como punto de partida irrenunciable e diferenciar o produto cunha marca ou selo de garantía.

“Os produtores temos que estar ligados ao mercado e ao que o consumidor demanda”, subliñou o xerente de Agaca.

¿Que pide a gran distribución para apostar polo cordeiro e o cabrito galegos?

E que pide a gran distribución para apostar polo cordeiro e polo cabrito galegos?  Jorge Eiroa. responsable de vendas do grupo Vegalsa Eroski, líder en Galicia en distribución xunto con Gadisa, detallou a situación actual da carne de cordeiro e de cabrito nos supermercados da súa cadea:

-O cordeiro supón arredor do 2% das vendas das carnicerías do grupo en Galicia, cunha demanda especialmente alta en Nadal.

-O tipo de cordeiro que demandan os consumidores é de entre 6 e 11 quilos. Canto máis grande, máis costa vendelo. Pola contra, en Italia ou en Francia si teñen saída cordeiros de máis 15 kilos.

Jorge Eiroa (Vegalsa-Eroski): “É clave que os gandeiros teñades unha marca e que fagades promoción dela”

-É cada vez máis difícil vender cordeiros enteiros, sendo as partes que teñen mellor saída as chuletas e as paletillas. É preciso traballar en novos cortes, novos produtos (hamburguesas…etc) e platos precociñados para o resto (perna, pescozo, falda…etc).

-Vegalsa Eroski, ao igual que o resto da distribución, demanda que os cordeiros sexan o máis uniformes posibles e que o subministro por parte do gandeiro estea garantido.

-É clave que os produtores teñen unha marca -neste caso Pastores de Galicia- que sexa recoñecida e valorada polo consumidor. Para iso, é fundamental que os produtores se unan para realizan campañas de promoción.

Por último, Jorge Eiroa destacou tres tendencias de consumo da sociedade actual que veñen para quedarse e que tamén deben ser tidas en conta polos gandeiros: os produtos ecolóxicos -”pero a prezos razoables, de arredor dun 25% máis caros que os convencionais”-, a venda por internet e os pratos precociñados e de cuarta gama (ensaladas envasadas…etc).

Á esquerda, cordeiro cun engraxamento deficiente, e á dereita unha canal cun engraxamento 2: 

OVICA_COMERCIALIZACION_3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información