Primeiros días de ensilado do millo en Galicia

Primeiros días de ensilado do millo en Galicia

Ensilando o millo

Dende a semana pasada, centos de explotacións gandeiras de vacún están a ensilar o millo forraxeiro en Galicia, especialmente aquel que se sementou máis cedo e as leiras máis afectadas pola seca.

As primeiras avaliacións coinciden nun descenso xeneralizado tanto das calidades como dos rendementos, en arredor dun 25%, debido á total ausencia de precipitacións durante os meses de xullo e agosto.

Sen embargo, as valoracións varían moito por comarcas e segundo a calidade agronómica das fincas. Así, dende Unións Agrarias, Román Santalla asegura que “se nun ano normal tirando a bo a produción estaría entre 38 e 40 toneladas de materia húmida por hectárea, neste ano calculamos uns rendementos de entre 25 e 28 toneladas de media no norte da Coruña e de Lugo, e menos no sur de Lugo e en Pontevedra, con fincas nas que hai entre 13 e 15 toneladas e nas que non paga a pena a colleita”. En canto ás calidades, Santalla asegura que “as primeiras análises son malas, con pouca porcentaxe de almidón e pouca materia forraxeira”.

No Xallas, a Cooperativa Ganxabar informa de que “por agora ensilamos menos da metade da superficie, e estimamos unha baixada de entre un 15 e un 25% no rendemento con respecto a un ano normal”. En canto ao resto que lles queda por recoller, dende a cooperativa aseguran que “parécenos que o rendemento será o dun ano normal”.

No sur de Lugo e norte da provincia de Pontevedra, o técnico agronómico de Icos, Jorge Labandeira, recoñece que “está a ser un ano malo para o millo forraxeiro cuns rendementos no entorno das 30 toneladas de media por hectárea, que, contodo, é superior ao do ano pasado”.

Na Mariña e na Terra Chá a Cooperativa Irmandiños está empezando a ensilar. O director da Área de Cultivos e Mecanización da Cooperativa, Santiago Sousa, informa de que “aínda estamos empezando a ensilar e de momento os rendementos están a ser bos en xeral”.

Sen embargo, a maioría dos gandeiros consultados por Campo Galego informan de que ata a vindeira semana non empezarán a ensilar.

Galería fotográfica do inicio do ensilado do millo forraxeiro 2016 en Galicia:

Ensilando o millo en Ganxabar (Santa Comba)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información