Prezo medio de 2.166 euros para as xovencas de Rubia Galega poxadas en Adai

Un dos exemplares do Centro de Recría Gayoso Castro. adxudicouse por 2.750 euros. Os machos de Acruga, procedentes da nave de testaxe, acadaron un prezo medio de 2.225 euros

Prezo medio de 2.166 euros para as xovencas de Rubia Galega poxadas en Adai

Xovencas poxadas este sábado en Adai.

O mercado gandeiro de Adai, no municipio lucense do Corgo, volveu converterse este sábado no referente da rubia galega con poxar nacional dos mellores exemplares desta raza.

As xovencas preñadas do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, lograron un prezo medio elevado, situado en 2.166 euros, e protagonizaron as poxas máis disputadas nun recinto feiral con numeroso público e con preto de 50 gandeiros con cartón para participar nalgunha das poxas. Pola súa banda, os machos procedentes da nave de testaxe, que posúe a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) no Corgo, alcanzaron un prezo medio de 2.225 euros, aínda que neste apartado hai que matizar que dos seis animais presentados, dous exemplares quedaron desertos.

Desigual sorte correron os exemplares presentados polos gandeiros particulares. Das sete femias presentadas á poxa, unicamente adxudicáronse dúas, aínda que foron vendidas en 2.500 e 2.300 euros. Mentres, dos dous touros que foron á poxa, un quedou deserto e no outro se cubriu a poxa.

2.750 euros por unha xovenca preñada, a cotización máis alta

As cotizacións máis altas foron para unha xovenca preñada do centro de recría da granxa Gayoso Castro que foi adquirida por unha gandería de Friol por un prezo de 2.750 euros, é dicir 950 euros por encima do prezo de saída. Mentres, un macho da nave de testaxe, tamén propiedade de Acruga, adxudicouse en 2.600 euros e foi parar a unha gandería de Castroverde. En xeral incrementouse bastante o prezo de saída dos exemplares, con dúas vendas en 2.500 euros, e ata 10 animais dos 16 vendidos en total, con prezos finais por encima dos 2.000 euros.

Ademais das mencionadas ganderías de Friol e Castroverde, os exemplares participantes na poxa nacional de Adai foron adquiridos por gandeiros do Corgo, Láncara e Sober, pero tamén de fóra da provincia lucense, principalmente do Pino ( A Coruña) e de Silleda e de Gondomar (Pontevedra).

A gandería de Áurea Quiroga Maseda, de Samos, a máis premiada no Concurso Nacional

Aínda que a poxa nacional, que este ano alcanzou a edición número 88, é un dos pratos fortes da xornada, o concurso que premia aos mellores exemplares de rubia galega tamén levanta expectación entre os asistentes ao mercado gandeiro de Adai.

Este ano, na súa trixésima edición, destacou a gandería de Áurea Quiroga Maseda, de Samos, quen foi a gañadora dos primeiros premios en catro das sete categorías do concurso. Os seus exemplares foron os seleccionados polos xuíces para alzarse coa vitoria nas categorías de sementais de máis de 26 meses; vacas paridas; xovencas de 18 a 24 meses; e becerras de 8 a 18 meses.

Tamén a gandería Santalla, do municipio do Corgo, foi destacada con varios premios, entre eles os gañadores nas categorías de becerros de 8 a 14 meses, e na de machos e femias ata 8 meses de idade. Ademais, na categoría de xatos de 14 a 26 meses, o primeiro premio foi para Gandería Homenovo, de Lugo.

Este ano a feira de Adai contou ademais coa presenza de numerosas autoridades, que se achegaron ao Corgo para vivir a poxa máis importante de cantas organiza Acruga. Entre outros estiveron o presidente da Deputación, Darío Campos; o delegado de Medio Rural da Deputación, Lino Rodríguez Ónega; o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro; o portavoz do grupo En Marea no Parlamento, Luís Villares, e a presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo, Ana López Pombo, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información