Prevén que a colleita de millo forraxeiro baixe un 10% pero con boa calidade

A colleita de millo forraxeiro leva este ano un atraso dunha media de 15 días. En canto a cantidade as previsións apuntan a que caerán entre un 10 e un 20%, segundo as zonas, aínda que a calidade prevese boa polo bo desenvolvemento da mazaroca. Falamos con distintos gandeiros para ver como está a situación

Prevén que a colleita de millo forraxeiro baixe un 10% pero con boa calidade

A colleita de millo forraxeiro leva este ano un atraso dunha media de 15 días debido á choiva e ás temperaturas inusualmente baixas de xuño, xullo e a primeira metade de agosto. En canto a cantidade, as previsións apuntan a que caerán entre un 10 e un 20%, segundo as zonas, aínda que a calidade prevese boa polo correcto desenvolvemento da mazaroca. A clave agora, segundo coinciden as fontes consultadas, é que caia algunha precipitación e que non se manteña durante demasiado tempo o vento do nordés, para que o millo siga engordando as espigas e non comece a secar. Se estas condicións se cumpren o groso da campaña de ensilado comezaría a partir de mediados deste mes.

Falamos con distintos gandeiros para ver como está a situación

Cooperativa CAP Coruña: “A planta ten menos altura pero as previsións son aceptables”

Dende o departamento técnico da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP Coruña), destacan que tanto nas parcelas que xestionan directamente como nas dos seus gandeiros socios “o millo non ten moita altura porque no mes de xuño e xullo o tempo estivo frío e tardou bastante en enraizar e en desenvolverse, pero coa suba de temperaturas e as choivas de agosto recuperou bastante e agora está desarrollando bastante ben a espiga”.

Neste sentido, avanzan que “se setembro non ven moi seco, e a planta se mantén verde e sá, as previsións de colleita son aceptables”. Nos concellos de San Sadurniño, Curtis, Aranga ou Monfero a previón é comezar a ensilar a finais deste mes.

Cobideza: “Este ano agardamos unha colleita entre un 10 e un 20% inferior”

Na comarca do Deza este ano o millo tamén acumula bastante retraso e un menor desenvolvemento. “Este ano prevemos que a colleita baixe entre un 10 e un 20%. O importante agora é que siga facendo sol, pero as noites están vindo moi frías e con vento do nordés, polo que ao final igual temos que adiantar o ensilado”, explica Sonia Martínez, técnica da cooperativa Cobideza .

Este ano a cooperativa volverá ofrecer aos gandeiros socios a posibilidade de ensilar o millo en bolas, una iniciativa que puxo en marcha o ano pasado e que deu moi bos resultados. “Foi un éxito, fixemos unhas 700 bolas e a comezos de agosto xa as acabamos. É algo máis caro que o silo de millo en trincheira ou en terra, pero garántese unha boa conservación e moitos menos desperdicios, sendo unha boa opción sobre todo para ganderías pequenas. Este ano imos repetilo e prevemos facer arredor dun 50% máis de bolas”, explica.

SAT Iglesias (A Baña): “O millo é máis baixo pero vense moitas plantas con dúas espigas”

Para Alonso Iglesias, da gandería SAT Iglesias, no concello coruñés da Baña, “as previsións son mellores que ao comezo da campaña. A nivel xeral a planta quedouse un pouco máis baixa do que é normal porque atrasou o desarrollo polo frío que fixo ao comezo, pero en principio vese ben, xa que está sá e verde”

Neste sentido, destaca que “vense moitas plantas con 2 mazarocas, polo que debería compensar a menor altura do millo e mellorar as calidades”.

Así, e se o vento do nordés amaina nos próximos días e non ven unha calor excesiva, Alonso prevé que cara finais de mes ou comezos de outubro piquen o millo. No seu caso, solen cortalo a unha altura duns 50 centímetros do chan, pero este ano prevén que se o millo se mantén verde baixen uns 15 centímetros a altura de corte.

millo_a baña

Millo na aldea de Cabanas, na Baña. Foto: Alonso Iglesias Tojo

Sat Lixeiro (Monforte de Lemos): “O noso gran problema é o xabarín”

Na gandería SAT Lixeiro, de Monforte de Lemos, prevén este ano unha baixa da colleita de millo forraxeiro en cantidade, pero non en calidades. “A espiga non ten dúbida, ten bo tamaño, polo que aínda que a cana é máis pequena, a calidade da colleita vai ser boa”, esegura Javier López, un dos socios da SAT. .

No caso desta gandería, como en xeral no rural galego, o principal problema que teñen para o cultivo de millo é o xabarín: “Na sementeira xa tivemos que repetila ata dúas veces porque nos comía a semente, e agora empezarán os ataques ás mazarocas, que se se mantén o ritmo de danos das últimas campañas, podería estragarnos ata o 20% das 80 hectáreas que sementamos”, lamenta.

SAT Sampérez (Santa Comba): “Leva uns 15 días de atraso pero está bastante bo”

No concello de Santa Comba, un dos máis gandeiros de Galicia, a evolución do millo forraxeiro tamén está sendo mellor do previsto.

“Vai ben, cuns 15 días de atraso, pero mantense bastante verde. De altura ten algo menos porque non tivo o sol e a calor que precisa, pero seguramente teña mellor formación de espiga, porque lle choveu en agosto, co que as calidades e os rendementos creo que van ser bos para o que se esperaba”, explica José Calvo, da gandería SAT Sampérez.

Odón Castro, gandeiro de Láncara: “Implantei nalgunhas parcelas de millo o sistema de visualización por satélite e os resultados son moi bos”

No caso de Odón Castro, gandeiro do concello lugués de Láncara, prevé que “aínda que o millo de altura é máis baixo, quizás haxa mellores mazarocas porque non sufriu estrés hídrico, co que as calidades serán boas”.

“O que si noto é que imos con moitos días de atraso, polo menos uns 15, polo que teño previsto empezar a ensilar a partir do 20 de setembro”, matiza.

Un novidade que Odón incorporou este ano foi o de seguimento por satélite da evolución dos cultivos, unha ferramenta que ofrecen de xeito gratuíto casas de sementes como Pioneer ou Dekalb, e que permite ver a nivel de parcela como evoluciona o cultivo, en que zonas hai seca ou déficits de fertilización…etc.

“Teño unhas 20 hectáreas de cultivo supervisadas por imaxe por satélite e os resultados son moi bos, porque che permite afinar na rega ou na fertlización de cada finca, e tamén no ciclo que debes botar en cada leira”, destaca este gandeiro.

AIRA Cooperativa: “Esta semana xa empezamos a ensilar”

Na cooperativa AIRA foron dos primeiros en iniciar o ensilado do millo en Galicia, en concreto en varias parcelas do concello lugués de Taboada. “Son fincas que están na ribeira do Miño, nas que as altas temperaturas e o sol inciden moito máis, e que incluso se teñen chegado a ensilar a finais de agosto”, explica Jorge Meiriño Novoa, técnico da cooperativa.

As súas previsións son que “tal e como se presentaba o ano, para esta zona vai ser unha colleita aceptable”. Sen embargo, a súa maior preocupación é que siga zoando o vento do nordés, o que obrigaría a adiantar a colleita e impediría que se forme ben a mazaroca. “En agosto choveu e iso axudou moito, pero xa empezamos a ver parcelas nas que o millo está secando, polo igual se nos adianta o ensilado”, recoñece.

Gandería Liste (Trazo): “Imos cortar o millo a 80 centímetros”

Javier Liste é un dos propietarios de Gandería Liste, no concello coruñés de Trazo. Considera que “a nivel xeral non vai ser un mal ano, pois se durante os primeiros meses de desenvolemento das plantas calculaba que ía haber ata un 30% menos de colleita, neste momento prevemos unha baixada de cantidade de arredor dun 10%, pero con maiores calidades de amidón e de dixestibilidade grazas a que o millo está facendo boa espiga, e iso compensa a menor altura”.

No caso desta gandería sementan ciclos longos (entre 350 e 450) e prevén ensilar na primeira semana de outubro.

Gandería Liste é ademais unha das que corta o millo máis alto en Galicia, a 80 centímetros do chan. “Levamos 8 anos cortándoo a esa altura, e aínda que aos maquinistas non lles gusta moito, estamos moi satisfeitos cos resultados. Desta forma consegimos silos de millo moi dixestibles, cun 40% de amidón, e iso permítenos sacar leite, e evitar ademais problemas sanitarios no silo”, destaca Javier.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información