Preséntase Progacun para fortalecer aos produtores galegos de coello

Preséntase Progacun para fortalecer aos produtores galegos de coello

Roberto García, Antonia Ramos e Belén do Campo

A praza de Abastos de Santiago de Compostela acolleu este venres a presentación de Progacun, a asociación de produtores de coello de Galicia, que nace co obxectivo de sumar esforzos e mellorar a capacidade de negociación dos produtores cos matadoiros e provedores.

O acto de presentación consistiu nunha xornada técnica que comezou cunha ponencia sobre “A importancia na Dieta Atlántica da carne de coello”, a cargo de Xabier Freire, conselleiro delegado de Airas Cátering; e unha mesa redonda sobre os retos e as demandas da cunicultura en Galicia, na que interviron Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias; Antonia Ramos Almansa, presidenta de Progacun, e Belén do Campo, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural.

A xornada rematou cunha degustación de propostas gastronómicas con base na carne de coello producido en Galicia.

A Xunta anuncia que vai aumentar a súa achega aos seguros agrarios para a retirada de cadáveres

Pola súa parte, Belén do Campo, fixo un repaso polas medidas que ten tomado a Consellería do Medio Rural para apoiar ás 262 explotacións cunícolas que hai en Galicia e as novas liñas de apoio nas que está a traballar.

Entre as medidas xa adoptadas destacou a orde de subvencións para a liquidez das explotacións, que a día de hoxe, co prazo de solicitudes aínda aberto, xa conta con 40 presentadas. Tamén recordou que está aberto ata o 20 de setembro o período para a demanda de avais para todas as explotacións gandeiras a través da Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca).

Unha das reclamacións máis reiteradas era a redución dos gastos para a retirada de cadáveres. Neste senso, Belén do Campo asegurou que “a Xunta de Galicia incrementará a súa contribución dentro do plan de seguros agrarios”. Ademais, co fin de favorecer o consumo desta carne, e tamén a petición do sector, salientou a inclusión do coello nunha campaña publicitaria para o fomento da carne galega.

Labor mediadora para os matadoiros de proximidade

Doutra banda, Belén do Campo tamén informou de que a Consellería do Medio Rural tamén está exercendo de mediadora naquelas peticións que dependen do Goberno central. É o caso do sacrificio de animais dentro das explotacións, o que se coñece como matadoiros de proximidade. A directora xeral de Gandaría explicou na súa intervención que dende este departamento estase á espera de que comece o período de consultas do Real Decreto, aínda en fase de borrador por parte do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, para estudialo xunto ao sector cunícola.

Entre os obxectivos xa conseguidos destacou está a redución de módulos do IRPF nos que, debido a caída dos prezos no sector do coello, logrouse que o Ministerio de Facenda aplicase unha diminución do 0,13 ao 0,07.

Por último, Belén do Campo lembrou tamén que aínda quedan retos por diante, como o de crear unha organización de produtores cunícola, iniciativa que xa foi trasladada ao Ministerio e que depende da aprobación do Real Decreto polo que se regula o coñecemento das organizacións de produtores e as súas asociacións no sector cunícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información