Presentan un novo método para rematar cos niños de Vespa Velutina

A Agrupación Apícola de Galicia realizou unha demostración do novo método ideado polo portugués Marcos Portocarrero. Non necesita que se retiren os niños e elimina todos os exemplares de Vespa Velutina.

Presentan un novo método para rematar cos niños de Vespa Velutina

Marco Portocarrero con niños de Vespa Velutina. Autor: MÁRCIO SILVA/JN

A Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra realizaron onte en Gondomar unha demostración dun novo método para eliminar os niños de Vespa Velutina ou avespa asiática, unha especie invasora que se está a expandir polo territorio galego e que provoca importantes perdas aos apicultores ou aos fruticultores.

O método foi desenvolvido por Marco Portocarrero, un portugués veciño de Caminha, onde tamén están a padecer os ataques da Vespa Velutina. A súa principal novidade é que non fai necesaria a retirada dos niños, algo custoso e arriscado, xa que adoitan estar nas copas das árbores a alturas de ata 30 metros.

En declaracións a Campo Galego, Marco Portocarrero explica que omodus operandi deste novo método. Empeza durante o día localizando os niños e realizando unha gravación en vídeo para asegurarse de que se trata dun niño de Vespa Velutina e non de Vespa Crabro, unha especie autóctona que ás veces se confunde coa asiática.

Xa pola noite, cando toda a colonia de Velutinas está no niño, é cando o equipo entra en acción. Para iso, Marco Portocarrero sérvese dunha cana de pescar telescópica á que se lle coloca un tubo de poliamida de 3 milímetros de grosor. As extremidades recórtanse e adaptan para que unha se crave no niño e dende a outra se poida botar un insecticida. O dispositivo conta cun orificio lateral para propagar o insecticida. Afirma que o método é «fulminante». Asegura que o composto ” non é demasiado tóxico para o usuario, aínda que hai que levar protección, e é aceptable ambientalmente”.

“Desta forma mátanse a todos os exemplares de Vespa Velutina, incluídas as larvas, e impídese que o niño se reactive”, destaca Marcos Portocarrero.

Un colorante para indicar que o niño está desactivado

Ademais, este método incorpora un repelente contra as aves, para evitar calquera problema posterior co produto. O niño tamén é marcado cun colorante que indica que está desactivado, o que facilita o traballo de control da praga así como o dos traballadores do sector forestal.

Marco Portocarrero espera estender este método de loita contra a Vespa Velutina ao Norte de Portugal e tamén a Galicia. Asegura que “a día de hoxe o problema da loita contra a praga da Vespa Velutina non é tanto de medios técnicos coma de organización, de ter un sistema de vixilancia eficaz a nivel rexional dos niños de avespa asiática para poder loitar de forma efectiva contra ela, porque de pouco importa que nunha bisbarra estean a traballar de forma correcta se nas bisbarras próximas non é así”.

Os interesados en coñecer máis deste método poden poñerse en contacto coa Agrupación Apícola de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información