Presentan o programa da Semana Gandeira de Mazaricos

Publicidade
Presentan o programa da Semana Gandeira de Mazaricos
Data inicio: 25/11/2019
Data fin: 01/12/2019
Lugar:

O alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, o presidente da Asociación de Gandeiros, Óscar Blanco, o presidente de Africor, Manuel Antelo e Marcos Costoya, tamén de Africor presentaron a edición 2019 da semana grande en Mazaricos: a Semana Gandeira.

Blanco Riveiro explicou que se trata dunha “semana chea de actividades”. “Coma sempre, apostamos pola formación”, explicou, “por iso haberá un obradoiro de elaboración de produtos lácteos de balde con Lidia Ferreras do Laboratorio Lácteo Gallego”.

O mandatario resaltou a “implicación” dos hostaleiros que ofrecerán unha ruta de tapas o venres 29 e o sábado 30 baseadas en produtos lácteos e cárnicos. As persoas participantes deben selar en, polo menos, 3 locais de 3 parroquias para entrar no sorteo de 2 cheques de 50€ para gastar nos locais da vila. Por outra banda, o rexedor destacou tamén as actividades que se van desenvolver o sábado pola tarde no recinto feiral polivalente para nenos e nenas, con “obradoiros de estampado de roupa, trenzado de palla, touro mecánico, degustación gratuita de Bico de Xeado e merenda”. O alcalde resaltou o compromiso do concello co sector porque “se non somos gandeiros, non somos nada”.

Xornadas técnicas centradas en temas de interese para os gandeiros

Tras o alcalde tomou a palabra o presidente da Asociación de Gandeiros, Óscar Blanco que sinalou que as xornadas técnicas que se desenvolverán o sábado de dez e media da mañá a dúas e media da tarde na Casa da Cultura, “pivotan sobre temas de total actualidade”. “Desde a Asociación de Gandeiros organizamos catro charlas: a primeira tratará sobre as novidades no programa de selección da Raza Frisona e estará a cargo de José Antonio Jiménez Montero, doutor enxeñeiro Agrónomo, xefe do departamento técnico de CONAFE”. Tras iso as e os gandeiros coñecerán a aposta de Abanca pola sustentabilidade do sector con Jesús Combarro Pereira, Director Banca Agro de Abanca. Blanco resaltou que na parada de media mañá haberá “unha mesa de degustación de produtos lácteos da Casa Grande de Xanceda á que se pode sumar toda a veciñanza”.

A terceira charla é, para Blanco, moi importante porque “unha das cuestións de fututo para as granxas van ser os aforros enerxéticos e esta charla versará sobre a enerxía fotovoltaica nas granxas a cargo dos compañeiros de Nortesla”. A derradeira charla será sobre a mellora de eficiencia no uso do xurro como fertilizante e impartiraa Juan Castro Insua, enxeñeiro agrónomo do CIAM.

A poxa de gando frisón: un referente en toda Galicia

O último en intervir foi Manuel Antelo, de Africor que felicitou á Asociación de Gandeiros por traer “unhas xornadas técnicas de temas moi candentes no sector”. Sobre a poxa de gando frisón, Antelo sinalou que houbo unha “gran aceptación por parte dos gandeiros, temos 17 explotacións inscritas e preseleccionados 50 animais de 10 concellos dos que quedaremos con 20-25”. Para Antelo estes números “indican a prevalencia desta poxa, os gandeiros apostan por ela porque é un referente a nivel Galicia”. Antelo incidiu en que a maioría dos exemplares son “animais en lactación, tal e como demanda agora o sector”. “Vai ser un éxito rotundo”, sostivo.

Tanto Antelo como Blanco Riveiro quixeron lembrar que a poxa será Memorial José Moreira, o impulsor desta poxa e que faleceu o pasado ano. “É unha das poucas persoas das que eu afirmo que o sector lle debe moitísimo e Mazaricos é un bo exemplo disto”, concluíu Antelo.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES SEMANA GANDEIRA DE MAZARICOS: A PICOTA, DO 25 DE NOVEMBRO AO 1 DE DECEMBRO

Durante a semana:

Obradoiro de elaboración de produtos lácteos de balde con Lidia Ferreras, do Laboratorio Lácteo Galego (LIGAL)

Venres, 29 e Sábado, 30 de novembro: Ruta de tapas polos locais da vila.

Locais participantes:

  • Restaurante Barallas (Pino de Val)
  • Bar Rial (San Fins)
  • Asador Manduca (A Picota)
  • Albergue Virxe da O (Quintáns)
  • Campamento Corzón (Corzón)
  • Pizzería Vinculeiro (A Picota)
  • Casa Jurjo (A Picota)
  • Casa Senra (A Picota)
  • Casa Pego (San Cosme de Antes)
  • Bar O Pallote (A Picota)
  • Bar EFE EME (A Picota)

Sorteo de vale de 50€ entre as persoas que completen o pasaporte de tapas con, polo menos, 3 locais de 3 parroquias distintas. As e os participantes valorarán as tapas dos locais. Ao gañador entregaráselle un premio conmemorativo.

Sábado, 30 e domingo, 1 todo o día: feira de maquinaria agrícola

Sábado, 30 de novembro pola mañá:

Xornadas técnicas de 10.30AM a 14.00PM

  • 10.30h: Novidades no programa de selección da Raza Frisona. José Antonio Jiménez Montero, doutor enxeñeiro Agrónomo, xefe do departamento técnico de CONAFE
  • 11.15h: A aposta de Abanca pola sustentabilidade do sector. Jesús Combarro Pereira, Director Banca Agro de Abanca

12.00h PARADA CAFÉ

12.00h MESA DE DEGUSTACIÓN PRODUTOS CASA GRANDE DE XANCEDA

  • 12.30h: : Enerxía Fotovoltaica nas granxas. Ismael Vilacoba e Antonio Pérez, Nortesla
  • 13.15: Mellora da eficiencia no uso do xurro como fertilizante. Juan Castro Insua, enxeñeiro agrónomo do CIAM

Lugar: Casa da Cultura

Sábado, 30 de novembro pola tarde: no Recinto feiral polivalente actividade para nenos e nenas ás 16.30h:

– Obradoiro de estampado de camisetas

– Obradoiro de trenzado de Sancosmeiros

– Touro mecánico

– Degustación de balde Bico de Xeado e merendola

Domingo, 1 de decembro pola mañá, no recinto feiral polivalente: Gran poxa de xovencas frisonas, Memorial José Moreira. Máis de 2000€ en premios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información