Presentan o primeiro contrato homologado para o mel de Galicia

O documento foi promovido pola Agrupación Apícola de Galicia e está en fase de borrador. Agárdase que sexa aprobado pola Xunta para a próxima campaña. Dará estabilidade e seguridade ás relacións de compravenda dos apicultores e envasadores inscritos na IXP Mel de Galicia.

Presentan o primeiro contrato homologado para o mel de Galicia

Xornada da Agrupación Apícola de Galicia

A Agrupación Apícola de Galicia presentou este mércores en Barbadás (Ourense) o primeiro contrato homologado para o mel de Galicia. O documento, en fase de borrador, está neste momento sendo analizado pola Consellería do Medio Rural, e prevese que, trala publicación no Diario Oficial de Galicia, poda entrar en vigor para a próxima campaña.

Tratarase do primeiro contrato homologado para o mel non só en Galicia senón tamén en todo o Estado. A presidenta da IXP Mel de Galicia, Esther Ordóñez, salientou na presentación do mesmo que “o importante é que vai dar estabilidade e seguridade ás relacións de compravenda entre os apicultores e as empresas envasadoras inscritas na IXP”.

É dicir, os apicultores van ter unha garantía de que se lles vai comprar o mel nunhas condicións pactadas e ao longo dun período mínimo de tres anos, e as empresas envasadoras terán garantido o subministro e as calidades do mel, o que lles permitirá ampliar mercados para o Mel de Galicia, neste momento cunha crecente demanda no mercado. “A iniciativa partiu precisamente da Indicación Xeográfica pero ao non haber un consenso decidiu impulsar este contrato o propio sector a través da Agrupación Apícola”, engadiu.

Os servizos xurídicos da Xunta están estudando se se pode fixar un prezo mínimo

Entre os aspectos máis salientables do contrato, ao que tivo acceso Campo Galego, está o do prezo.
Neste sentido, Esther Ordóñez explicou que “aínda que pola Lei de Competencia non se poderían fixar prezos mínimos, sen embargo dende os servizos xurídicos da Consellería están mirando se o poderíamos facer, xa que se trata dun produto moi localizable, restrinxido ao mel amparado pola IXP Mel de Galicia”.

En canto á duración, o borrador do contrato fixa un período mínimo de 3 anos, pero que se podería modificar. Tamén se especifican as calidades esixidas para os distintos tipos de meles, o grao de humidade -máximo dun 18,5%- ou os niveis de resíduos máximos permitidos.

Establécense primas no prezo por calidades, limpeza ou monofloralidade e tamén se contempla a posibilidade de venda do mel en alzas.

En canto aos prazos de pago, o contrato fixa que o envasador deberá aboarlle o mel ao apicultor nun máximo de 60 días despois da recepción da mercadoría. Para os pagos ao contado, establécese unha rebaixa do 5% sobre o importe total.

Por último, crearase unha comisión de seguimento para controlar e dirimir posibles incumprimentos dos contratos. Estará composta de xeito paritario por representantes de produtores e envasadores da IXP asinantes da solicitude de homologación do contrato-tipo.

Prevese que o prezo do mel a granel siga baixando

A necesidade de xerar valor para o mel galego foi un dos aspectos nos que máis se incidiu na reunión, na que estiveron presentes apicultores que ata o de agora vendían o mel a granel para a exportación a Alemaña e que, ante a baixada de prezos do mercado, agora están interesados en vendelo baixo o amparo da IXP Mel de Galicia.

Neste sentido, Esther Ordóñez informou de que, “tal e como se puxo de manifesto no IV Congreso Ibérico de Apicultura que se ven de celebrar en Salamanca, o prezo do mel a granel vai seguir baixando, xa que China e Arxentina, os principais produtores mundiais, seguirán tirando os prezos”. Así, neste momento o prezo medio do mel chinés é de 2,1 euros o quilogramo, mentres que o de Arxentina chégase a vender a 1,5 euros.

Na mesma idea incidiu David Corral, propietario de Meles Anta, a maior empresa produtora e envasadora de mel de Galicia, quen subliñou que “poderíamos entrar en máis cadeas de distribución, pero o problema é que non temos suficiente produción”.

“O prezo do mel a granel vai seguir baixando, polo que temos que apostar pola IXP para darlle valor ao mel galego”

“O mel de Galicia é cada vez máis valorado e recoñecido polo consumidor, que está disposto a pagar un prezo superior polo noso produto, pero para iso temos que estar unidos en Galicia e ir co amparo da IXP Mel de Galicia”, asegurou.

Sobre a actual situación de pinchazo do que algúns xa chaman “a burbulla do mel”, David Corral coincidiu en que se debe a que “Alemaña ten neste momentos pechada a entrada de mel, porque se desmadrou o prezo, e está mercando mel parecido ao galego noutros países como Turquía, e tamén debido a que Arxentina está tirando cos prezos”.

O propietario de Meles Anta prognosticou que “en poucos anos o prezo do mel a granel pode acabar baixando ata os 2 euros”, polo que defendeu que “a única saída que temos é apostar pola IXP e porque o mel galego vaia etiquetado”.

Podes descargar o borrador do contrato neste enlace. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información