Presentan máis de 200 alegacións contra a extracción de seixo en terras agrarias de Xanceda

Presentan máis de 200 alegacións contra a extracción de seixo en terras agrarias de Xanceda

Concentración trala entrega das alegacións na casa do Concello de Mesía. Foto: Slg

Unha comitiva en representación da veciñanza de Xanceda e do Sindicato Labrego Galego achegáronse este luns até a Casa do Concello de Mesía para presentar as alegacións contra o proxecto Xanceda 7138 co que a empresa Erimsa pretende extraer cuarzo metalúrxico nunha concesión de 781 hectáreas, a maioría en solo de especial protección agraria.

En total, e tralo acto de hoxe, lévanse rexistradas 217 alegacións; dado que o prazo de presentación remata aínda o vindeiro mércores, as estimacións apuntan a que se presentarán, finalmente, máis de 250 alegacións.

Ademais da veciñanza afectada, no acto de hoxe estiveron presentes a coordinadora do Slg na comarca de Ordes, María Vieites; e a coordinadora da loita contra a minaría destrutiva no sindicato, Margarida Prieto Ledo. Tamén houbo presenza da plataforma contraMINAcción, á que tamén pertence o Slg, con Guadalupe Rodríguez (Salva la Selva), Xoán Doldán (Véspera de Nada) ou Carlos Montero (Comisión contra as Minas na Terra Chá).

Entre os principais motivos para rexeitar a actividade de Erimsa na zona están que os terreos nos que se pretenden levar a cabo as escavacións pertencen, no meirande, ás concentracións parcelarias de Xanceda e Papucín, estando afectadas directamente un total de 26 granxas cuxa principal actividade é a produción de leite e que sosteñen 90 postos de traballo.

Outro feito denunciado polo Sindicato Labrego nas alegacións é a fragmentación de proxectos de Erimsa na comarca de Ordes “para non provocar alarma social, xa que ao Xanceda 7138 habería que sumar outros tres veciños en fase de investigación: Marís, Andrea 7137 e Lamosa”. “Se sumamos todos, estariamos a falar de 6.721 hectáreas, máis de 200 granxas e 500 postos de traballo directos afectados”, advirten dende o Slg.
Ademais, lembran que a actividade de Erimsa “entra en colisión coa declaración da comarca de Ordes, incluídos os concellos de Frades e Mesía, como de especial interese agrario”.

As alegacións tamén fan mención ao suposto impacto negativo que tería a actividade mineira sobre os acuíferos da zona, que se traduciría “nun incremento do arrastre do solo por erosión, nunha diminución ou impedimento para a recarga dos acuíferos (fontes, pozos traídas veciñais de auga, etc) e nun incremento do perigo de inundacións. Tamén hai un impacto sobre a calidade das augas, que supón un arrastre de partículas do solo, fertilizantes,nutrientes, herbicidas etc producindo a contaminación das augas”.

Outro dos supostos impactos máis notables sobre a actividade agropecuaria da zona que se denuncia nas alegacións sería o “deterioro irreversible da estrutura e da estabilidade dos agregados do solo”, o que “impide o desenvolvemento das raíces, polo que teñen menor capacidade de extraer os nutrientes así como a auga do solo. Por outra banda, atrásase a data de cultivo debido a que tarda máis en secar o terreo debido á pobre drenaxe e capacidade de infiltración da auga da choiva. Esta excesiva humidade do solo produce condicións anaeróbicas que orixinan a asfixia das sementes e prexudica ás raíces das plantas, o que implica un maior gasto en fertilizantes para compensar a perda de produtividade e un maior gasto en gasoil nos labores agrícolas pola compactación do solo”.

As alegacións presentadas conclúen que, coa actividade extractiva de Erimsa, “eliminaríase a funcionalidade actual e potencial dos solos e destruiría o medio de vida de meirande parte de poboadores/as do territorio, xerando desemprego e alentando o éxodo rural”.

Mesía Unida denuncia a presión que exercen os traballadores sobre os veciños

Pola súa parte, dende a Asociación Mesía Unida denuncian o que consideran “presión que se está exercendo sobre a veciñanza e parentes por parte dos traballadores de Erimsa na zona de Mesia e Frades, que está a ser unha ameaza para a convivencia na zona, ao romper certas relacións veciñais ou familiares”.

“Os traballadores da Mineira non paran de introducir propaganda falsa nas vivendas e recoller firmas en apoio da multinacional, creando tensión e mal estar entre familiares e veciños e enfrontamentos con gandeiros e propietarios da zona, xa que mesmo invaden a propiedade particular e zonas íntimas das familias, todo para introducir folletos a favor da mineira”, advirte a asociación.

“Parece que só son importantes os seus postos de traballo, esquecéndose do resto da poboación da zona e dos investimentos realizados nas explotacións gandeiras afectadas”, engaden.

Ante esta situación, dende Mesía Unida solicítanlle a Erimsa “que non siga usando aos seus traballadores como meros recadeiros de presión mediática para crear climas de tensión e mala convivencia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información