A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Presentan en España o primeiro fertilizante nitroxenado con selenio

Presentan en España o primeiro fertilizante nitroxenado con selenio

Luís Ángel López, director agronómico de Yara Iberian na presentación no Complexo Industrial de Delagro nas Pontes (A Coruña)

A multinacional Yara Iberian presentou este martes en España YARA Bela Nitrograss Se, o primeiro fertilizante nitroxenado que inclúe selenio, un micronutriente que resulta clave para a saúde do gando e tamén para a saúde humana.

A presentación realizouse no Complexo Industrial de Delagro nas Pontes (A Coruña), ante uns 50 técnicos de cooperativas de Galicia e da cornixa cantábrica. Precisamente, Delagro distribuirá en exclusiva no norte de España este innovador fertilizante, que xunto ao nitróxeno, tanto nítrico como amoniacal, incorpora xofre e, sobre todo, selenio en forma de selenato, por ser máis facilmente asimilable e eficiente para as plantas.

En concreto, YARA Bela Nitrograss está composto por un 24% de nitróxeno total, un 12,5% de nitróxeno nítrico, un 11,5% de nitróxeno amoniacal, un 18% de trióxido de xofre e 10 ppm ou 0,001% de Selenio.

Un proceso natural: do fertilizante á planta, da forraxe ás vacas e do leite aos consumidores

Na presentación de Yara Bela Nitrograss Se, Luís Ángel López, director agronómico de Yara Iberian, destacou que “este produto innovador, que xa o estamos comercializando nos países do norte de Europa, permite que as forraxes, fundamentalmente a herba e os pastos, incorporen de forma natural este microelemento e a vaca inxírao tamén de forma natural, reducindo o uso de suplementos químicos, mellorando así a sustentabilidade ambiental da actividade gandeira”.

Ademais, Luís Ángel López lembrou que do mesmo xeito que para a saúde humana “o selenio é clave para a saúde do gando, como vacas leiteiras e ovellas, xa que ao frear os radicais libres do organismo prevén problemas como a retención de placenta, mastites e a enfermidade do músculo branco en becerros”.

Os niveis recomendados de selenio

Diferentes estudos conclúen que o contido recomendado na ración alimenticia de vacas leiteiras é de 0,2 microgramos por quilogramo de materia seca e de 0,15 no caso de tenreiros.

En canto á concentración óptima en sangue do animal sitúase en 80 a 150 microgramos por litro en soro ou de 80 a 160 por litro en sangue.

A transferencia do selenio do fertilizante á planta comprobouse con distintos ensaios realizados tanto en Alemaña como en Galicia, en concreto nos feitos en Finca Mouriscade, centro dependente da Deputación de Pontevedra, o pasado ano. “Tomáronse 8 mostras ao azar tras utilizar este fertilizante no abonado e en análise da materia seca comprobamos que había 0,02 miligramos, co que se concluíu tamén que o selenio de YARA Bela Nitrograss Se si pasa á planta”, destacou Luís Ángel López.

En canto á aplicación, recoméndase aplicalo en pradaría tras os cortes da herba. A extracción de nutrientes medios cun rendemento de 30 toneladas de materia húmida (herba) por hectárea son de 12 kg de selenio por hectárea, que sobe a 18 kg para un rendemento de 44 toneladas e con 59 toneladas por hectárea a extracción de selenio é de 24 kg.

Por último, o responsable de Yara Iberian lembrou a importancia de que antes do abonado “débese realizar unha analítica de solo da parcela en cuestión, e se é posible tamén das forraxes e do sangue dos animais, para saber en que niveis estamos de selenio”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *