A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Presentados no II Fórum Bayer de vacún de leite os últimos avances no sector

Presentados no II Fórum Bayer de vacún de leite os últimos avances no sector

Foto de familia do II Fórum Bayer de vacún de leite celebrado na Coruña

Uns 50 veterinarios participaron no II Fórum Bayer de vacún de leite celebrado recentemente na Coruña (Galicia), no que se abordaron os retos de futuro do sector, entre eles o benestar animal, a saúde intestinal dos animais, o secado selectivo ou as esixencias e motivacións dos novos consumidores. Ademais, os profesionais visitaron “ Ganxabar”, unha granxa pioneira de recría de becerras.

O benestar animal ocupou un espazo fundamental neste II Fórum, no que o Dr. Xavier Manteca, catedrático do departamento de ciencia animal e dos alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona, presentou o programa de Bayer e FAWEC (siglas en inglés de Centro de Eduación en Benestar de Animais de Produción). O programa, que engloba 25 explotacións de vacas de leite, pretende promover o benestar animal en bovino leiteiro como unha ferramenta para mellorar a produción e a sustentabilidade. Para iso, seleccionáronse as explotacións e fíxose unha primeira visita aplicando o protocolo de benestar animal; agora, na segunda visita, farase un seguimento das recomendacións e, se a granxa aplicounas, daráselle un recoñecemento á explotación.

O protocolo inclúe 32 puntos distribuídos en 4 seccións, a maioría deles relacionados co manexo dos animais. Segundo o Prof. Manteca, os problemas máis frecuentes que se atoparon son os relacionados coa conduta de repouso das vacas (o nivel óptimo é que estean botadas entre 12 e 14 horas ao día, aínda que 11 horas é un obxectivo razoable), os problemas podais, os relacionados cos bebedoiros –un dos máis fáciles de resolver con pouco investimento-, os problemas relacionados co manexo, aloxamento e alimentación de tenreiros, e outros como o estrés por calor ou as dúbidas sobre o descornado dos animais.

O Prof. Manteca tamén abordou o benestar animal en tenreiros lactantes, e apuntou algunhas recomendacións, como a importancia de que os tenreiros teñan subministración de auga ad libitum, porque está demostrado que favorece o desenvolvemento do rumen, así como tamén aumentar a inxesta de leite, entre 10 e 12 litros ao día, porque ten efectos positivos no crecemento, a función inmunitaria e asóciase cun incremento de ata o 10% da produción de leite na primeira lactación.

Así mesmo, lembrou que nas dúas primeiras semanas de vida as becerras son sensibles ao frío, polo que a temperatura non debe ser inferior a 15º (o ideal é entre 16º e 24º, sen correntes de aire e nun chan seco), xa que o estrés por frío reduce a absorción de inmunoglobulinas e aumenta o risco de pneumonía e diarrea –que, á súa vez, teñen un impacto no proceso produtivo-.

Por outra banda, incidiu na necesidade de utilizar anestesia local e analxesia sistémica para reducir a dor do desmochado, xa que está demostrado que a experiencia da dor en etapas temperás do desenvolvemento sensibiliza para sempre ao animal e ten un custo na produción.

Diarreas en tenreiros lactantes

O Dr. Pablo Díaz, profesor e investigador do departamento de patoloxía animal da Universidade de Santiago de Compostela, abordou no seu relatorio as diarreas en tenreiros lactantes, e comentou que algunhas das enfermidades que afectan os animais son zoonóticas cuxa transmisión é fecal-oral, polo que é importante manter unha hixiene de mans adecuada.

O Prof. Díaz lembrou que hai máis de 11 especies de coccidios que poden afectar o gando bovino, algunhas con alta patoxenicidade como E. bovis e E. zuerinii, así como tamén existe unha relación estreita entre as especies infectantes e a idade. En tenreiros lactantes, o máis frecuente é Cryptosporidium parvum; en destecados en becerros, C. bovis e C. ryanae; e en animais adultos, C. andersoni. Así mesmo, apuntou que nun estudo da Universidade de Lugo, no 65 % das mostras recollidas aparecía cryptosporidium; rotavirus, no 35 %: E. coli, en 1 de cada 3, e norovirus en 1 de cada 4 animais.

O Prof. Díaz indicou que para previr e controlar as diarreas nos tenreiros lactantes hai que vacinar ás nais, manexar correctamente aos tenreiros (cun encalostrado adecuado e evitando situacións inmunosupresoras) e reducir a presión de infección na sala de partos e os cubículos.

Estrés e permeabilidade intestinal

Outro dos temas que se abordaron no II Fórum Bayer de Vacún de Leite foi a relación que existe entre o estrés e a permeabilidade intestinal e a produción animal. O Dr. Ignacio R. Ipharraguerre, científico senior no Instituto de nutrición humana e ciencia dos alimentos da Universidade de Kiel (Alemaña), abordou as disfuncións da barreira intestinal, xa que existe un aumento patolóxico da permeabilidade intestinal causado por estrés, xa sexa físico ou psicolóxico, agudo ou crónico. Isto provoca a liberación central e/ou local de FLC, o aumento da expresión local de CRF, unha maior produción de mocos (deficiencia, en casos crónicos), e o aumento das secreccións e a permeabilidade.

En gando leiteiro, as disfuncións da barreira intestinal máis frecuentes son, en tenreiras, as diarreas neonatais non infecciosas e o estrés posdestete e, en vacas adultas, as enfermidades metabólicas posparto ( acetonemia, fígado graxo e hipocalcemia puerperal), a acidosis ruminal aguda e subaguda, o estrés calórico e o consumo restrinxido.

O Dr. Ipharraguerre lembrou que a permeabilidade intestinal ruminal está determinada pola barreira intestinal, e regula o balance entre a absorción, a protección e a tolerancia, á vez que a disfunción da barreira intestinal provoca un aumento patolóxico da permeabilidade, ten múltiples causas ou estresores, pode deberse a unha progresión de patoloxías intestinais e metabólicas e, ao ter un custo nutricional, diminúe a produción.

Experiencias co secado selectivo en Países Baixos

O secado selectivo e os retos e consecuencias para a saúde do ubre e o microbioma tamén tiveron o seu espazo no II Fórum Bayer, co relatorio do Dr. Christian Scherpenzeel, que fixo fincapé na necesidade de non utilizar os antibióticos de forma preventiva nas vacas secas, senón que hai que facer un secado selectivo, escollendo as vacas do rabaño que van recibir o antibiótico.

Ademais, puxo de exemplo os Países Baixos, onde o secado selectivo é obrigatorio desde 2013 e teñen que reducir o uso de antibióticos nun 50 %. Por outra banda, o Dr. Scherpenzeel explicou que é o micriobioma do ubre, e apuntou que todas as poboacións microbianas pódense atopar utilizando técnicas de secuenciación de nova xeración.

B- Mast: o que nos contan as células

Pola súa banda, o Dr. Jesús Redondo, veterinario en Monge Veterinarios SLP e profesor da Universidade Alfonso X El Sabio (Madrid), contou en detalle a súa experiencia nunha granxa madrileña, e comentou que os consumidores cada vez están máis preocupados pola seguridade alimentaria.

O Dr. Redondo indicou que os problemas de calidade de leite máis frecuentes débense ao reconto de células somáticas, a mastite, a bacterioloxía, os valores de graxa e proteína, os inhibidores e o punto crioscópico. Así mesmo, apuntou como recomendación establecer un bo plan de bioseguridade e un plan vacinal fronte a BVC para xestionar a enfermidade de maneira adecuada, á vez que mencionou a necesidade de atopar un equilibrio para lograr unha produción rendible e unha óptima inmunidade da granxa.

Debate sectorial: presente e futuro do sector leiteiro

No II Fórum Bayer de Vacún de Leite tamén houbo tempo para o debate na mesa redonda “Esixencias e motivacións dun novo consumidor: presente e futuro do sector do vacún de leite”, na que participaron o Dr. Raúl Vázquez, Senior Global Manager en Servizo Técnico para gañado leiteiro na unidade Animal Health de Bayer, en Monheim (Alemaña); Antoni Ferro, director técnico e de desenvolvemento de negocio internacional de TechMix Europe; Francisco Sesto, veterinario do Servizo de Calidade de Leite de Seragro S. C. G; a Dra. Eva Mainau, investigadora do departamento de ciencia animal e de tecnoloxía dos alimentos da Facultade de Veterinaria da Universidade Autónoma de Barcelona en temas de comportamento e benestar en animais de granxa; e Joaquín Lorenzo, director de Compras Agro de Calidad Pascual. A mesa estivo moderada por César Marcos, responsable de Comunicación da Red Rural Nacional.

No debate abordáronse, entre outros temas, a innovación no sector, os requirimentos do consumidor, a etiquetaxe no país de orixe, o benestar animal ou o uso de antibióticos. Neste último punto, os expertos lembraron que, desde o punto de vista do benestar animal, non se pode deixar que o animal sufra se é necesario utilizar un antibiótico; é responsabilidade do veterinario aplicalo correctamente e utilizalo cando sexa necesario, pero non como tratamento preventivo. Así mesmo, apuntaron que a concienciación sobre o uso racional dos antimicrobianos é cada vez maior e o secado selectivo é un paso máis, xa que ademais redúcese o risco de detección de antibióticos en leite, que hoxe en día son anecdóticos.

En canto a innovación, os expertos sinalaron que varía dun país a outro, e mesmo dentro das propias rexións de cada país, e en España está a innovarse ao mesmo nivel que noutros países de Europa, onde destaca a robotización como unha das áreas máis punteiras, aínda que lembraron que a innovación non é só dixital, senón tamén en temas de xenética ou nutrición, por exemplo, ou no uso e manexo dos datos.

Así mesmo, en benestar animal, os relatores estiveron de acordo en que as granxas cuns estándares elevados de benestar animal son máis rendibles, porque as vacas están mellor e enferman menos e, como consecuencia, produce

Visita a Ganxabar

Os veterinarios tamén visitaron “Ganxabar”, unha cooperativa de gandeiros das comarcas coruñesas de Xallas e Barcala, un centro pioneiro de recría de becerras para as explotacións da propia cooperativa. Ganxabar conta, entre outras cousas, con 1.200 xatas en recría, 1.500 vacas en muxido diario, máis de 1.000 hectáreas en produción de forraxes e máis de 2.500 m3 de silos para forraxe.

Coa celebración do II Fórum Bayer Vacún de Leite, Bayer demostra unha vez máis o seu compromiso cos gandeiros e veterinarios do sector leiteiro, ofrecéndolles non só produtos e servizos para a mellora da saúde e o benestar dos animais, senón tamén formación para que a xestión das explotacións sexa rendible e eficiente.

Os vídeos do II Fórum Bayer Vacún de Leite están dispoñibles na páxina BayerVetConecta.

Sobre Bayer

Bayer é unha empresa multinacional con competencias clave no ámbito de ciencias da vida relacionadas coa saúde e a agricultura. Cos seus produtos e servizos, a empresa quere ser útil á humanidade e contribuír a mellorar a calidade de vida. Ao mesmo tempo, o Grupo aspira a crear valor a través da innovación, o crecemento e unha elevada rendibilidade. Bayer adhírese aos principios da sustentabilidade e, como empresa cívica, actúa de maneira social e eticamente responsable. No exercicio 2017, o Grupo, con ao redor de 99.800 empregados, obtivo unha facturación de 35.000 millóns de euros, realizou investimentos por valor de 2.400 millóns de euros e destinou 4.500 millóns de euros a investigación e desenvolvemento. Para máis información, visite a web www.bayer.es.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *