Preocupación nas cooperativas pola perda de media ducia de contratos coas industrias lácteas

As empresas trasládanlle ó sector unha situación de excedentes, pero cooperativas e organizacións agrarias cuestionan os motivos da reducción da recollida

Preocupación nas cooperativas pola perda de media ducia de contratos coas industrias lácteas

O sector produtor dubida da magnitude dos excedentes que hai no mercado.

A decisión de Leche Celta de abandonar esta primavera a recollida das cooperativas lucenses Mopán e Tierra Llana, así como de parte da recollida doutra cooperativa de Guitiriz, preocupa no sector. Outras industrias xa lle comunicaron a posibilidade dunha decisión na mesma liña a algúns dos seus proveedores, caso dunha cooperativa de Meira (Lugo) que viña traballando con Logística Alimentaria. O motivo que as empresas lles trasladan ós gandeiros é unha situación de excedentes, aínda que desde o sector produtor dubídase da entidade de tal problema.

As cooperativas entenden que a situación de produción é a mesma de todas as primaveras, caracterizada por unha suba estacional. O fin das cotas lácteas, que se fixo efectivo o pasado 31 de marzo, a penas repercutiu polo de agora nunha suba da produción, segundo o sector, polo que cooperativas e organizacións agrarias pregúntanse a que se debe a decisión das industrias de cancelar a recollida a partir de maio en media ducia de cooperativas.

Leche Celta, a preguntas desta redacción, renunciou a valorar a situación; en tanto non foi posible obter polo de agora a opinión de Reny Picot, outra das industrias sinaladas polo sector pola súa intención de reducir a recollida entre as cooperativas. Logística Alimentaria, pola súa parte, nega que estea tomada a decisión de abandonar a recollida dunha cooperativa de Meira, se ben precisa que outra cousa distinta será o que poida pasar en vindeiras semanas.

Falta de estabilidade
Entre o sector produtor, as distintas valoracións recabadas coinciden en cuestionar os motivos de que as industrias reduzan a recollida entre as cooperativas. “Están deixando a recollida en cooperativas, pero ó mesmo tempo cónstanos que están aumentando as compras entre primeiros compradores privados que actúan como intermediarios”, asegura unha fonte do sector cooperativo que prefire manter o anonimato.

“Non vai quedar leite sen recoller, pero a cuestión de fondo é a que prezo se vai levar” (Javier Iglesias, Unións Agrarias)

Desde as cooperativas cuestiónase a falta de estabilidade que teñen nas relacións coas industrias lácteas, xa que a normativa do Paquete lácteo esixe un contrato dun ano entre gandeiro e industria, pero non incorpora obrigas de estabilidade na relación entre industrias e cooperativas que actúan como primeiras compradoras.

Leite sen recoller e prezos
As organizacións agrarias dubidan tamén dos motivos de mercado aducidos polas industrias. “Máis que un problema de excedentes, pensamos que hai unha estratexia para baixar os prezos en orixe”, asegura o responsable de Gandaría de leite de Unións Agrarias, Javier Iglesias. “Non temos dúbida de que non vai quedar leite sen recoller, máis alá de que poida haber un problema puntual, pero a cuestión de fondo é a que prezo se vai recoller o leite”.

“É certo que nos últimos anos baixou o consumo, pero non hai grandes novidades no mercado” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, tamén considera que o marco de mercado é similar ó da pasada campaña e critica o que entende como falta de claridade por parte das industrias lácteas. “Hai unhas semanas, escoitei nun foro ás industrias animar ós gandeiros a aumentar a súa produción e agora resulta que din que hai excedentes”, cuestiona. “É certo que nos últimos anos está rexistrándose unha baixada de consumo, en parte pola saída de xente moza ó estranxeiro, pero non vemos grandes novidades no mercado, a non ser que haxa unha maior entrada de excedentes doutros países”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego.

Primeiros compradores
O Sindicato Labrego critica ademais a proliferación de primeiros compradores privados, que xa intermedian na compra-venda de arredor dun terzo da produción de leite de Galicia. “É unha intermediación que reduce as obrigas das industrias cos gandeiros –caso do contrato dun ano-, e que para o produtor presenta un risco de impagos, como xa sucedeu no pasado”, critica Vilalba. Desde Unións Agrarias tamén teñen pedido unha normativa que obrigue ós primeiros compradores ó depósito dun aval para cubrir posibles impagos.

En Galicia, os primeiros compradores teñen contribuido a un alza dos prezos en orixe en periodos de alta demanda, pero nas épocas baixas de mercado, como a actual, o seu papel é cuestionado polo sector, que entende que non contribúen a xerar valor engadido na cadea.

Información actualizada a 23 de abril

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información