Preocupación entre os gandeiros da comarca de Ordes polo proxecto mineiro de Erimsa

Preocupación entre os gandeiros da comarca de Ordes polo proxecto mineiro de Erimsa

Asemblea informativa do Slg o pasado xoves en Xanceda

O proxecto de explotación mineira de Erimsa para a comarca de Ordes esperta preocupación entre os propietarios dos terreos agrícolas, boa parte deles de uso gandeiro, sobre os que a multinacional prevé extraer seixo mediante o cribado das parcelas.

Así se puxo de manifesto na asemblea informativa convocada celebrada o pasado xoves no centro sociocultural de Xanceda, ao que acudiron máis de cen persoas. Ao acto, organizado polo Sindicato Labrego Galego, tamén acudiron, sen que estivese previsto, dous representantes de Erimsa, que defenderon o proxecto ante as preguntas dos asistentes. A empresa galega, pero de propiedade norueguesa e chinesa, actuaría sobre 781 hectáreas nunha primeira fase, xa en proceso de autorización, con posibilidade de amplialas ata un total de 6.721 hectáreas, principalmente leiras de concentración parcelaria en chan agrario de especial protección.

Margarida Prieto Ledo, representante do Sindicato Labrego Galego na plataforma contraMINAcción, valora “moi positivamente a asistencia” á reunión e asegura que “todos os asistentes coincidiron en que os danos da extracción mineira para o terreo agrario son importantes”. “Non é só que se perda a axuda da PAC para ese ano por penalización na inspección, ao comprobar que non ten ningún cultivo, senón que se tardan moitos anos en recuperar os niveis de fertilidade da parcela e por tanto de rendemento dos cultivos -incluídas as plantacións de eucaliptos-, por non falar dos problemas de drenaxe que se producen nalgunhas ao retirar todas as pedras”, asegura a representante do Slg, que está a traballar na presentación de alegacións á primeira fase do proxecto mineiro, denominada Xanceda.

Ademais, Margarida Prieto Ledo lembra que “no caso das ganderías en ecolóxico, perderían as certificación do Craega para as parcelas explotadas por Erimsa”.

Ante o gran interese dos veciños e veciñas dos concellos afectados (Frades e Mesía, principalmente, pero tamén Oroso e Ordes) o Sindicato Labrego ten previsto organizar outra charla informativa nas próximas semanas.

Erimsa destaca que leva traballando 30 anos na comarca “sen expropiacións e con acordos voluntarios de aluguer cos propietarios”

Pola súa banda, Erimsa destaca a través dun comunicado que “pactacamos previamente as condicións económicas do aluguer cos propietarios, aos que devolvemos o terreo para o seu uso anterior no tempo acordado: 30 días por cada hectárea e media”.

Ademais, a empresa defende que “realizamos o noso labor de extracción de seixo en 1.600 hectáreas de terreo de Frades, Mesía, Ordes e Oroso durante 30 anos sen recorrer á expropiación, respectando e convivindo coas explotacións agrícolas e gandeiras nestes concellos e pactando previamente as condicións mediante acordos voluntarios cos propietarios”.

Os alugueres realízanse por períodos de 2 anos, con independencia da superficie da leira e “os propietarios poden facer uso dela ata o momento en que se inicien os labores de extracción”, que se realizan en campañas de 6 a7 meses durante a época máis seca do ano.

En canto ao Proxecto de Xanceda, na actualidade en exposición pública, Erimsa asegura que “planéase unicamente a extracción de mineral en 210,22 hectáreas de terreo nos concellos de Frades e Mesía; o que supón un cuarto da superficie total da concesión, que abrangue 875 hectáreas”.

En canto aos permisos de investigación solicitados pola empresa para outras case 6.000 hectáreas, Erimsa recoñece que “aínda non podemos determinar a superficie que abranguerá a área de extracción no resto dos permisos de investigación, posto que esta información só se pode obter unha vez que se realicen as prospeccións oportunas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información