Preguntas e respostas sobre o carnet de fitosanitarios

Quen necesita ter o carnet de fitosanitarios? Que produtos podo mercar sen el? Que cursos oferta a Xunta? Podo mercar fitosanitarios por Internet? Aclaramos algunhas das dúbidas que xorden entre os agricultores dende que entrou en vigor a esixencia de sacar o carnet básico para adquirir fitosanitarios de uso profesional.

Publicidade
Publicidade
Preguntas e respostas sobre o carnet de fitosanitarios

Desde o pasado 25 de novembro, para comprar e aplicar pesticidas de uso profesional é preciso contar cun carné de aplicador de produtos fitosanitarios. Isto afecta sobre todo aos usuarios profesionais, xa que para os agricultores que dispoñen dunha pequena parcela para autoconsumo existen no mercado unha ampla oferta de produtos de uso doméstico, para os que non é necesario ter carnet de aplicador de produtos fitosanitarios para mercalos.

A continuación realizamos un repaso polos aspectos máis relevantes da nova situación:

Quen está obrigado a ter o carnet de aplicador de produtos fitosanitarios?

Todas aquelas persoas que queiran mercar un produto fitosanitario de uso profesional. Os vendedores só lle poderán vender este tipo de produtos ás persoas que presenten o carnet básico.

Non vale para mercar fitosanitarios de uso profesional o certificado de ter superado o exame, algo frecuente no caso das persoas que realizan o curso a distancia en Castela e León. De momento só é válida a presentación do carnet.

Que produtos fitosanitarios podo comprar sen necesidade de carnet?

Dende a Consellería do Medio Rural lembran que non todos os agricultores teñen que ter o carné de aplicador de produtos fitosanitarios. Para o coidado dunha pequena horta ou viña existen os chamados produtos de uso non profesional, que se venden sen necesidade de carnet.

A día de hoxe o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente ten rexistrados un total de 173 produtos para uso doméstico, e polo tanto sen a esixencia de carné. Véndense en envases de menor tamaño, e tamén máis caros xa que aplícaselles un IVE do 21% fronte ao 10% dos de uso profesional.

Consulta aquí a lista de produtos autorizados para uso non profesional, co nome do seu principio activo, o seu nome comercial, e as indicacións de uso e de cultivos e pragas para os que está indicado.

Onde podo realizar os cursos para a obtención ou renovación do carnet?

A Consellería de Medio Rural ten programados a día de hoxe 513 cursos gratuítos para 2016 para a obtención ou renovación do carnet básico ou profesional de aplicador de produtos fitosanitarios.

Ademáis,  as entidades que colaboran coa Consellería na formación programaron tamén unha ampla oferta de cursos para a obtención do carnet de fitosanitarios ou para a renovación.

Estes cursos presenciais teñen a seguinte duración:
-Obtención do carnet básico: 25 horas, das que 9 serán prácticas e o resto teóricas.
-Obtención do carnet profesional: 60 horas, das que 18 serán prácticas.
-Curso ponte do carnet básico ao profesional: 35 horas, das que 4 serán prácticas.
-Renovación do carnet básico: 5 horas, das que 2 serán prácticas.
-Renovación do carnet profesional: 7 horas, das que 4 serán de prácticas.

A renovación dos carnés de fitosanitarios será cando venzan e non de forma automática en 2016.

Unha vez superado o curso realizarase un exame. De superar a proba, a Xunta expedirá o carnet.

Podes descargar aquí un documento Excel cos 513 cursos programados pola Consellería a día de hoxe. Descarga aquí o mesmo documento en PDF

Descarga aquí a lista de entidades colaboradoras da Xunta de Galicia que teñen programados cursos de fitosanitarios para 2016. 

Que pasa cos cursos de fitosanitarios que se realizan online noutras Comunidades Autónomas?

Se unha persoa realiza o curso na modalidade a distancia noutra Comunidade Autónoma, sobre todo en Castela e León, e supera a proba, a documentación remítese á Xunta de Galicia que, unha vez revisado o expediente e comprobado que se realizou a formación, emite o carnet.

Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural negan que exista paralización destes expedientes que proveñen de Castela e León. Con todo, recoñecen que o proceso para expedir os carnets se está atrasando máis do habitual debido á comprobación dos mesmos e á espera dos resultados da investigación do Seprona de León por unha denuncia de suposta fraude por parte dunha destas academias que imparten a formación online.

A Consellería do Medio Rural anunciou que este ano porá en marcha unha plataforma para poder realizar tamén en Galicia os cursos online, en concreto para a renovación do carnet de aplicador de produtos fitosanitarios. Ademais, autorizou a dúas entidades colaboradoras para que podan tamén impartir a distancia os cursos para sacar o devandito carnet. Pero de momento ningunha das dúas alternativas de formación a distancia están disponibles para os agricultores.

E se quero mercar produtos por internet?

As normas que rexen para a venda de produtos fitosanitarios por Internet son, de momento, as mesmas que para a venda nun establecemento físico. É dicir, para mercar produtos de uso profesional precísase o carnet e para os de uso doméstico non.

Se se merca en páxinas webs de empresas coa súa sede en España, a compra de fitosanitarios de uso profesional por internet é legal sempre e cando se pida ao cliente o seu número de carnet de aplicador que a empresa que vende estea inscrita e dada de alta no ROPO ou Registro oficial de productores y operadores de medios de defensa fitosanitaria. Para a venda de produtos fitosanitarios de uso doméstico non é preciso o carnet, igual que nunha tenda física.

En canto á compra de produtos fitosanitarios en páxinas webs doutros países, é ilegal adquirir produtos non autorizados en España.

Listado de produtos fitosanitarios autorizados en España.

Onde podo obter máis información sobre os cursos que se organizan na miña localidade?

Na páxina web da Consellería do Medio Rural

Nas seguintes Oficinas Agrarias Comarcais:

PROVINCIA

LOCALIDADE

TELÉFONO

A CORUÑA Arzúa 981 500 062
Baio 981 718 086
Betanzos 981 774 137
Cambre 981 675 090
Carballo 981 700 495
Corcubión 981 745 490
Ferrol 981 337 048
Negreira 981 881 729
Ordes 981 680 227
Santiago de Compostela 981 546 171
Santa Comba 981 880 240
LUGO Becerreá 982 360 243
Chantada 982 441 757
Foz 982 140 612
Lugo 982 294 535
Meira 982 330 097
Mondoñedo 982 521 757
Monforte de Lemos 982 402 652
Quiroga 982 428 023
Sarria 982 530 457
Vilalba 982 510 768
OURENSE Allariz 988 440 827
A Gudiña 988 421 017
A Rúa 988 310 339
Bande 988 443 066
O Barco de Valdeorras 988 320 083
O Carballiño 988 270 538
Celanova 988 431 650
Maceda 988 463 011
Ourense 988 386 535
Ribadavia 988 470 963
Verín 988 410 828
Viana do Bolo 988 340 220
Xinzo da Limia 988 460 024
PONTEVEDRA A Cañiza 986 651 120
Porriño 986 330 173
O Rosal 986 625 166
Vilagarcía de Arousa 986 509 054

2 ideas sobre “Preguntas e respostas sobre o carnet de fitosanitarios

  1. José Antonio Piñeiro

    Ya me gustaría saber como se puede combatir un ataque de mildiu utilizando oxicloruro de cobre, en un clima como el gallego, sobre todo en las rías baixas.
    Como los agricultores se vean obligados a utilizar solo los productos autorizados para “Jardinería Exterior Doméstica”, pocas patatas, cebollas o tomates de su huerta van a poder comer.
    ¿Alguien me puede decir para que sirve un gobierno de una comunidad autónoma, si no es para adaptar la normativa general, a las peculiaridades e idiosincrasia de la comunidad que gobierna?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información