Preguntas e respostas sobre a PAC 2016

A asignación definitiva de dereitos de pago básico, as novas axudas para zonas con limitacións naturais ou pequenas modificacións no pago verde aportan algunhas novidades a ter en conta esta campaña

Preguntas e respostas sobre a PAC 2016

O Fega realizou recentemente a asignación definitiva de dereitos de pago básico.

Os principais cambios das axudas da PAC producíronse xa no 2015, no inicio do novo ciclo da Política Agraria Común. Para esta campaña, sen embargo, hai que ter en conta tamén algunhas novidades, derivadas da asignación definitiva de dereitos de pago básico e de cambios nalgunha liña de axudas. Explicamos algunhas das cuestións a considerar este ano coa axuda de Fernando López, xefe de servizo en Lugo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Que cómpre ter en conta cando se ceden os dereitos de pago básico?
Este é o primeiro ano no que se poden arrendar ou vender os dereitos de pago básico con ou sen transmisión de terras. No caso do arrendamento de dereitos, se a persoa que cede os dereitos de pago básico é agricultor activo, non terá problemas para recuperalos cando conclúa a cesión. Se a persoa está xubilada, ten que saber que cando conclúa a cesión por arrendamento non poderá volver a ceder eses dereitos nin a vendelos por non ser agricultor activo.

Por tanto, para un agricultor xubilado, as opcións máis convintes pasarían pola venda dos dereitos, a pesar de que o 20% dos mesmos pasaría á Reserva Nacional, ou por unha cesión por arrendamento a longo prazo. Debe lembrarse tamén que os dereitos de pago básico non poden cambiar de rexión.

Vai haber algún problema para coller e deixar terras dunha campaña a outra?
A maioría dos agricultores adoita utilizar unha superficie similar cada ano. Aqueles beneficiarios da PAC que estean a empregar terras en máis dunha das distintas rexións que configuran o réxime de pago básico, definidas no Real Decreto 1076/2014, teñen que ter en conta que deben manter hectáreas suficientes en cada rexión, de cara a xustificar os dereitos asignados.

Por exemplo, se un agricultor que vive nunha zona limítrofe entre Lugo e Ourense, ten un 80% dos dereitos asignados en Lugo e outro 20% en Ourense, terá que manter terras nas dúas provincias, posto que pertencen a rexións diferentes, de cara a xustificar eses dereitos

Pódese modificar o uso das parcelas a partir de agora?

Non hai ningún problema, cada parcela declarada no ano 2015 quedou encadrada nunha determinada rexión e, o feito de cambiar o uso desa parcela non fará variar a rexión á que pertence. Os solicitantes obrigados a respectar a diversificación de cultivos e o mantemento de superficies de interese ecolóxico para o cumprimento do pago verde terán que telo en conta á hora de decidir os posibles cambios de uso a realizar.

Como van evolucionar os importes dos dereitos de pago básico?
O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) xa publicou os importes medios dos dereitos en cada unha das 50 rexións que configuran o réxime de pago básico. Do 2016 ó 2019, todos os dereitos de pago básico das explotacións de cada rexión irán converxendo ano a ano cara ese valor de referencia. Pódense consultar os importes medios de cada rexión nesta nota do Fega.

En que período se pode facer un cambio da titularidade da explotación?
De cara a non perder as axudas asociadas ao gando, os cambios de titularidade deben evitarse entre xaneiro e o fin do período de solicitude das axudas, salvo nos casos de xubilacións, incapacidades, falecementos e cambios de denominación. Haberá que facelos, por tanto, a partir da conclusión do período de solicitude da PAC, que este ano se prevé que sexa o 15 de maio.

Que cambia nas indemnizacións compensatorias, agora denominadas axudas para zonas con limitacións naturais?
O cobro das indemnizacións compensatorias (ICs) estaba limitado a explotacións cunha carga gandeira inferior a 2 UGM/hectárea. As novas axudas para zonas con limitacións naturais eliminan as restricións en canto a carga gandeira máxima. Isto suporá un beneficio importante para moitas explotacións de leite que, ata o de agora, non cobraban a IC por pasarse da carga gandeira.

Tamén se suprimen os topes de axuda a cobrar por explotación. Nas ICs percibíase un máximo de 2.500 euros, en tanto que as novas axudas establecen un importe por hectárea e un límite de 100 hectáreas subvencionables por liña de axuda.

Os pagos previstos para as zonas con limitacións naturais son, nas primeiras 5 hectáreas, de 280 euros en zonas de montaña e de 210 euros en zonas desfavorecidas. Entre as 5 e 25 hectáreas, abonarase por hectárea un 75% desta cantidade, e entre as 25 e as 100 un 50%.

Non se establecen criterios de priorización polo que todos os solicitantes que cumpran as condicións terán dereito á axuda.

Cómpre ter en conta tamén que no caso das sociedades, as axudas para zonas con limitacións naturais cobraraas a sociedade. Anteriormente, as ICs eran cobradas de xeito particular por cada socio.

Hai modificacións no pago verde esta campaña?

As obrigas de diversificación de cultivos para as explotacións lácteas mantéñense igual que na anterior campaña. Si cambian os criterios das Superficies de Interese Ecolóxico (SIE), que deben respectar aqueles produtores que superen as 15 hectáreas de terras de cultivo.

A SIE ten que ocupar un 5% da superficie de terras de cultivo, ben con barbeito, ben cun cultivo fixador de nitróxeno. Este ano, como novidade, permítese declarar a SIE como cultivo secundario no outono, co que durante o verán podería estar sementada a millo. Entre os cultivos fixadores de nitróxeno, incluíuse tamén no 2016 o trevo.

Será obrigatorio aportar o NIF dos titulares das parcelas arrendadas?
Desde este ano xa non haberá que aportar o NIF dos titulares das parcelas arrendadas. De cara a evitar fraudes, Medio Rural creou un rexistro para que os titulares que non queiran arrendar as súas terras poidan inscribilas e evitar o seu uso fraudulento para a percepción de subvencións da PAC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información