“Precisamos un só consello regulador dos viños galegos e moitas máis denominacións”

Entrevista a Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño (INGAVI). Asegura que “os viños espumosos en Galicia son un erro, pero si podiamos apostar polos tintos de Rías Baixas” e considera que “Burdeos, Borgoña ou Champaña teñen que ser os nosos referentes”

Publicidade
“Precisamos un só consello regulador dos viños galegos e moitas máis denominacións”

Xoán Cannas, director do INGAVI

Xoán Cannas é un dos referentes en Galicia no emprendemento no sector primario. Fundador do restaurante Pepe Vieira, de Altantic Galicia Spirits (fabricante da famosa xenebra Nordés), Nariz de Ouro ao mellor sumiller de España en 2004 e fundador do Instituto Galego do Viño (INGAVI) hai máis dunha década.

Este último contribuíu nos últimos anos a prestixiar aos viños galegos, traendo a Galicia a expertos internacionais dentro do seu Curso Superior de Sumiller Profesional, que xa vai pola súa terceira edición.

E é que para Xoán Cannas estar abertos ao que sucede no resto do mundo no sector do viño é algo imprescindible, e tomar como referencia o que se fai nas denominacións de orixe máis prestixiosas debería ser unha obriga para as denominacións galegas.

¿Que te levou a achegarte ao mundo do viño?
A casualidade. De moi novo os meus pais enviáronme a Canadá a estudar inglés e alí empecei a traballar no restaurante de José Luis Pérez, un galego de Sober, que naquel momento tiña o mellor restaurante de Canadá. Empecei como axudante de sumiller e tiña acceso a unha adega na que se manexaban os grandes viños de todo o mundo. Para min foi un descubrimento e unha experiencia que me marcou.

Creo que a profesionalización é imprescindible. Seguín completando a miña formación e fundei o restaurante Pepe Vieira no ano 2000. E logo no 2004 recibín o premio ao mellor Sumiller de España, que para min supuxo unha obriga de seguir actualizándome e estar ao día do que sucede no sector do viño a nivel mundial.

¿Cales poderían ser os referentes dos viños galegos para poñelos en valor?
Esta é unha pregunta clave. Dende o Instituto Galego do Viño cremos que hai zonas das que podemos aprender moito. En todo o que ten que ver cunha imaxe de marca, para min o Champán, Borgoña ou Burdeos son un referente, con máis de 250 anos facendo viños de calidade.

 “Burdeos, Borgoña ou Champaña teñen que ser os nosos referentes”

Temos que aprender deles, do que fixeron para estar aí e quizás podamos adaptar moito do que fan á nosa realidade. Penso que calquera presidente dunha Denominación de Orixe ou os que teñen un posto de decisión no goberno deberían preguntarse cal vai ser o seu legado. E cando levan moitos anos no seu posto e vemos como o prezo da uva segue sendo miserable con respecto a outras zonas -este ano en Champaña vai a 6 euros o kilo-, deberían preguntarse en que se falla e que hai que cambiar.

Tendo eses referentes ¿En que debemos incidir tanto na produción como na comercialización para prestixiar aos viños galegos no exterior?
No INGAVI cremos que polo que temos que apostar é pola diferenciación dos viños galegos, e temos moitas cartas ao noso favor. Por exemplo, somos un país de minifundio, que pode ser un valor. De feito, hai zonas como a Borgoña ou a Mosela nas que existe minifundio na viña e souberon convertelo nunha virtude.

Por exemplo, a Mosela é unha zona moi escarpada, tamén con zonas de socalcos, e está tendo unha gran puxanza. De feito, creo que a Ribeira Sacra vai ser unha das zonas con máis futuro vitivinícola de Galicia se non a estragamos.

“Temos minifundio, variedades propias de vides e historia, e iso é unha base moi boa”

Tamén temos ao noso favor que contamos con moitas variedades autóctonas e isto ocorre en moi poucas partes do mundo. Temos 70 variedades propias, das que o público xeral como moito coñece 10.

Partimos, por tanto, dunha base moi boa: minifundio, historia e variedades propias, e só temos que adaptar o que están facendo noutras zonas que son referentes en viños de calidade a Galicia.

Dentro dese proceso de adaptación, ¿non se debería apostar máis polas subzonas dentro das distintas denominacións de Galicia….?
Desde logo. Penso que en Galicia ten que haber moitísimas denominacións de orixe, porque cada val, cada microclima, da lugar a un viño diferente, pero un só consello regulador. Ten que haber unha eficiencia absoluta no gasto público porque o pagamos todos.

Non pode ser que nun mercado global, a xente confunda que a competencia de Rías Baixas sexa Ribeiro, ou de Ribeiro Valdeorras. Isto é minifundio mental. Non pode ser que unha Denominación de Orixe galega traia con cartos públicos a dez xornalistas de Londres e que ao cabo dun mes outra denominación de orixe galega que está a cen quilómetros pague outra viaxe deses mesmos xornalistas para promocionar os seus viños. E o mesmo sucede coas feiras no exterior: cada denominación leva o seu stand, a Xunta o seu, algunha deputación tamén e mesmo hai adegas que van por libre.

Debemos darlle un replanteamento a promoción dos viños galegos.

¿Cal é a percepción exterior dos viños galegos?
No Instituto Galego do Viño cremos que hai que traballar cara a excelencia. A nosa única baza nos mercados, e agora que China empeza a producir tamén viño, é a diferenciación. Non podemos competir en prezo nin en cantidade.

E xa temos viticultores e adegas en Galicia que son un espello no que mirarnos. A clave é comprometerse coa calidade e ser coherentes, porque na calidade non vale todo.

Case todas as DO galegas empezan a facer espumosos, viños de garda…¿Non cres que se está diversificando demasiado?
A clave, como xa dixen, é a formación e debe estar presente en todo o sector. Dende o noso punto de vista os espumosos en Galicia son un erro. Paréceme estupendo que aquel produtor que lle apeteza facelo o faga. Agora ben, que as DO fagan unha campaña dedicada á promoción do espumoso isto non me parece interesante. Porque o mercado dos espumosos en termos globais é moi complicado: ¿con quen vas a competir en tenda a dez euros botella ou por riba? ¿Con Champaña? ¿Con Freixenet e Codorniu? Non é a nosa guerra.

“Os viños espumosos en Galicia son un erro, pero si podíamos apostar polos tintos de Rías Baixas”

En cambio, si que podíamos explorar con éxito, e non se está facendo, o mercado dos viños tintos en Rías Baixas. E si me parece moi enriquecedor toda a innovación no que son os viños en ánfora, oxalá houbera máis en Galicia e se fixese antes. E tamén hai un mercado moi interesante con todo o que ten que ver coas técnicas de elaboración (traballar con pastas, viños un pouco oxidados). Iso fala de que estamos vivos, de que hai xente que está experimentando o lado máis vertical do mundo do viño e somos un referente para o resto de España.

Polo tanto, todo o que ten que ver coa innovación ben entendida e focalizada paréceme fantástico. Polo demais, boto en falta máis comunicación entre o sector do viño en Galicia.

premios_INGAVI_2015_02_STANDAR

Entrega dos premios Magnum do Viño Galego 2015, organizados polos INGAVI

¿A viticultura ecolóxica vai ser algo obrigado polos consumidores nos próximos anos ou seguirá coexistindo, como algo minoritario, coa viticultura convencional?
Todo o que ten que ver cos viños ecolóxicos, biodinámicos e cos viños naturais é algo que está en boga nos mercados e que debemos explorar. Por exemplo, na tendencia dos viños naturais si que temos que ter representantes en Galicia. Nada malo pode saír de aí, todo o contrario.

Temos que estar abertos ao que sucede na viticultura do resto do mundo e estar dispostos a adaptalo se lle podemos sacar algo de positivo.

A transmisión xeracional do consumo do viño rompeuse en España nos últimos anos. ¿Que podemos facer para recuperar á xente moza?
Xa entre os gregos e entre os romanos o viño sempre foi dunha minoría. O problema está en que na actualidade o consumo per cápita en España é historicamente moi baixo: de 15 a 16 litros por habitante e ano, cando noutros países, como nos nórdicos, está entre 50 e 60 litros.

En Galicia os Rioja e os Ribera del Duero séguenlle gañando a partida aos viños da casa. ¿Que nos falta aos galegos para convencernos de que temos uns bos viños tintos?
Sobre todo fáltanos fé en nós mesmos. As tendencias no consumo de viños é algo que non se cambia a curto prazo, leva o seu tempo.

De todas formas, creo que as preguntas que se deberían facer dende o goberno da Xunta e dende o propio sector son: Quen queremos ser dentro de vinte anos? Como queremos que cobren as uvas os nosos miles de viticultores? A que prezo queremos vender as nosas botellas de viño? Son preguntas que non se fan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información