Pradarías en Francia altamente produtivas e resistentes á seca

En Francia están a lograr pradarías altamente produtivas e máis resistentes ao cambio climático grazas ao pastoreo intensivo e a mestura de varias especies. Coñecemos unha delas, a da Escola Secundaria Agrícola Saint Valentin, no departamento de Drôme

Pradarías en Francia altamente produtivas e resistentes á seca

A granxa da escola agrícola Saint Valentin, no departamento francés de Drôme, comezou a pensar na necesidade de lograr unhas pradarías máis resistentes ao cambio climático despois da vaga de calor do ano 2003.

Situada en Bourg-les-Valence, nunha rexión onde o verán é mediterráneo esta granxa en ecolóxico logrou un sistema de alimentación do gando vacún de leite en base ao pastoreo que á vez é orixinal e económico, e foi gradualmente substituíndo a clásica rotación “rygrass italiano /millo ” desde o ano 2007. Por iso non é casualidade que hoxe asesores doutros departamentos franceses estean interesados na evolución de mesturas de pasteiros probadas na granxa.

“Lograr unha pradaría multiespecies lógrase co tempo dependendo das condicións edafoclimáticas e do manexo que se fai do prado”, avanza Jean-Pierre Coats, da Cámara de agricultura Drôme. “Copiar a nosa mestura de especies que empregamos na pradaría non sería relevante. O importante é reproducir localmente o noso enfoque; que se pode transpoñer tanto a gandaría en ecolóxico como en convencional”, engade.

As fincas da granxa de San Valentín están en chans arenoso-limoso-arcilloso, profundos pero moi filtrantes. Os prados réganse con cantidades moderadas de auga, uns 30 mm, con entre tres e seis regas segundo os anos.

“De media, de 2011 a 2019, os nosos prados multi-especies produciron 13.3 toneladas de materia seca por hectárea e ano”, salienta o conselleiro. Ou o que é o mesmo, ao redor de 50 kg de materia seca por hectárea e día e na primavera e parte do verán alcanzado unha produción máxima de 70 kg MS/ ha por dia, baixando no outono a 40 kg de MS por día. (A modo de referencia, a produción media en Galicia da rotación millo forraxeiro no verán e raigrás italiano no inverno rolda as 16 toneladas, pero cuns custos de produción moito maiores).

Pradarías resistentes á seca

O primeiro paso para lograr estas pradarías de alto rendemento foi atopar unha mestura de especies pratenses que resistise ben as condicións de seca, e moi perenne para que poida ser pazida durante un longo período de tempo. Eses obxectivos cumpriunos a mestura Saint Marcellin, sementada a unha dose de 30 kg / ha.

Por peso, consiste nun 44% festuca alta, 24% de dactylo, 6% trevo, 10% trevo branco (dúas variedades: anano e follas grandes) e 16% de raigrás inglés (un tetraploide e un diploide) intermedio e semitardio. Non se elixiu un dactylo precoz para que non espigue demasiado rápido e sexa menos agresivo coas demais especies da mestura. “Baixo condicións de seca o trevo é un activo. A festuca alta e / ou o dactylo son esenciais pero requiren manter unha forte presión de pastoreo”, insiste Jean-Pierre Coats.

Para iso, nesta escola agrícola dividiron as pradarías en 34 pequenas parcelas de 3.300 m2 cada unha onde os animais realizan un pastoreo intensivo en curtos períodos de tempo. “Para ter éxito, tes que atopar unha mestura multiespecies de pratenses adaptadas ás condicións de cada parcela, pero tamén tes que adaptar o manexo do pastoreo a cada mestura”, subliña o conselleiro agrícola.

A importancia das leguminosas

Esta mestura, chamada Saint Marcellin, demostrou ser equilibrada e resistente en condicións de seca. Nos anos posteriores fóiselle engadindo á mestura outras leguminosas para mellorar o compoñente proteico do pasto (7 kg de alfalfa, 20 kg de esparceta e 2.5 kg de trevo encarnado). “A idea é favorecer as grandes leguminosas cun tempo de rebrote da pradaría longo (32 días) e poder manter así os prados sen renovar durante polo menos catro anos”, destaca o técnico francés. O chan moi drenante da zona e un pH 7.5 préstanse ben a iso.

Tras engadir á mestura estas leguminosas o rendemento das pradarías aumentou en 4 tMS / ha, logrando algo máis de 17 toneladas de materia seca por hectárea e ano. O crecemento é regular. A alfalfa, o dactylo e a festuca responden ben ao regadío. As vacas consomen ben a alfalfa, que está moi presente no verán e a partir do cuarto ano grazas a dividir as fincas en pequenas parcelas de pastoreo. “Para mantelo a longo prazo, sobre todo hai que evitar o sobrepastoreo», subliña Jean-Pierre Coats. Non meteorizado e moi rico en taninos, a esparceta tamén é moi resistente á seca. “Estamos a sementar esparceta simple, máis axeitada para pastoreo que a dobre, ademais de ser perenne e tamén convive mellor coas outras especies”, engade.

Outras innovacións que se realizaron sobre a mestura orixinal foron introducir achicoria (0.5 kg / ha), planta bioactiva e trevos anuais. “A achicoria estimula o apetito das vacas e contribúe tamén a dominar ao dactylo”, asegura Jean-Pierre Manteaux, responsable de gandaría da Cámara de Agricultura do departamento de Drôme. Pero a achicoria require realizar un corte de limpeza en inverno, dado o seu longo tempo de rebrote.

En canto aos trevos anuais, impulsan o rebrote da pradaría e aseguran unha produción a finais de inverno. “Usamos unha mestura con trevo persa (35% de peso), trevo Micheli (20%), trevo resupinatum (20%), trevo squarrosum (20%) e de trevo istmocarpio (5%)”, explica.

Durante o último seguimento as pradarías do centro de formación agraria de San Valentín contaban con 14 especies (9 plantas perennes e 5 anuais). “Grazas a nosas pequenas parcelas de pastoreo e a deixar un tempo de rebrote de polo menos 30 días, logramos o obxectivo de que a pradaría conteña un 50% de leguminosas, á vez que conseguimos prados con moita biodiversidade e convivencia entre especies. Despois de 4 anos, o dactylo é abundante, pero todas as especies coexisten ben”, destaca o conselleiro agrícola.

Adaptar o manexo do pastoreo

As 40 vacas están a rotar polas 34 microparcelas de 0,33 hectáreas. As vacas en lactación pacen cada día unha parcela diferente, que ao día seguinte é repasada polas vacas secas e as xovencas.

O tempo da rexeneración de 32 días permite que as grandes leguminosas poidan producir durante o verán. Hai nove ciclos de pastoreo. Cando os animais saen dun paddock, a herba está pacida a unha altura (4-5 cm), o que permite manter un equilibrio entre todas as especies. O propósito é manter unha herba 100% frondosa con moita folla e obrigar ás vacas a comer as vainas coas sementes espigadas.

A altura de entrada ao pasto está cando a herba mide entre 8 e 12 cm, se é a principios de abril. O risco de erosión está baixo control (a ración non é 100% a base de pasto …). Así, desde principios de novembro só pastan as xovencas. O pastoreo raso (deixando a pradaría a 3,7 cm) promove o crecemento dos pastos de outono, facilita ao trevo o acceso á luz e evita os montículos de esparceta e festuca. As pradarías son resementadas cada 4 anos.

Para lembrar:

Introducir o trevo persa e trevo squarrosum na mestura resultou particularmente interesante para cubrir o chan, estimular o crecemento da pradaría no primeiro ano e dar máis palatabilidade á herba.

Artigo publicado na revista francesa https://www.reussir.fr/lait/ e cedido a www.campogalego.com grazas a un acordo de intercambio de contidos entre as dúas publicacións

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información