Poucas solicitudes da axuda europea para reducir a produción láctea

O temor das explotacións lácteas a que a industria lles penalice o próximo ano no caso de que reduzan agora a produción e a previsión de repunte de prezos frean as solicitudes. As organizacións agrarias aseguran que soamente a están pedindo aquelas ganderías que xa tiñan previsto abandonar a produción.

Poucas solicitudes da axuda europea para reducir a produción láctea

Protesta en Bruxelas dos gandeiros

A axuda europea de 14 céntimos por quilo para reducir a produción láctea está a ter, de momento, escasas solicitudes en Galicia. Así, o confirman as organizacións agrarias, que apuntan como principal motivo ao temor de moitas ganderías de que se reducen as entregas de leite agora, as industrias lácteas penalizaranas nas cantidades que lles recollan o próximo ano, ao tomar o 2016 como referencia.

Así, Francisco Bello, vicepresidente de Asaja, asegura que “a maior parte da xente que pasa polas nosas oficinas é para informarse da axuda, pero de momento estamos a ter moi poucas solicitudes”. Atribúe esta escasa demanda a que “a maioría ten medo a que se reducen agora, a industria baixaralles a cantidade nos contratos para o próximo ano”. A isto únese que “os mercados internacionais están repuntando, as industrias xa lle están ofrecendo a algúns gandeiros subas de dous céntimos e todo isto fai que a gran maioría non se acolla á axuda de redución da produción”, asegura o representante de Asaja.

Pola súa banda, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), critica que “é unha axuda que xera bastantes dúbidas, a xente é bastante escéptica sobre a súa efectividade e pregúntase se pode ter un efecto negativo de cara ao futuro”. En concreto, advirte de que “non hai garantías de que se se reduce a produción aquí, non aumenten as importacións doutros países que están a aumentar a súa produción, e tampouco non se garante que as industrias para o próximo ano poidan aplicar descontos nos volumes de entregas”.

 Isabel Vilalba: “Esta axuda xera bastantes dúbidas sobre a súa efectividade”

Desta forma, a secretaria xeral do Sindicato Labrego asegura que “as poucas solicitudes de axudas que estamos a tramitar son de persoas que xa tiñan previsto abandonar a produción, e tamén algunha cooperativa que está a animar aos seus socios a que metan parte da produción por esta vía para aliviar os problemas que está a ter de venda do leite”.

Na mesma liña pronúnciase Óscar Pose, responsable de Servizos de Unións Agrarias (UUAA), quen considera que esta medida de Bruxelas “non ten moito sentido e non vai solucionar nada”. “Quen ten que reducir produción son os países do Norte de Europa, que son os que máis a aumentaron, e non os gandeiros de España, onde somos deficitarios para abastecer o noso consumo”, subliña. Neste sentido, Pose informa de que “de momento nas nosas oficinas os gandeiros están a solicitar moita información pero de momento estamos a realizar poucas tramitacións, e tampouco esperamos que haxa moitas máis”.

O prazo para solicitar o primeiro período finaliza este mércores.

Esta axuda extraordinaria da Comisión Europea concederase a aquelas explotacións que reduzan as súas entregas de leite durante un período de 3 meses consecutivos (período de redución) en comparación con ese mesmo período no ano anterior (período de referencia). A subvención por beneficiario será como mínimo para unha redución de 1.500 quilos e como máximo para unha rebaixa do 50% da súa produción no período de referencia. O prazo de solicitude para o primeiro tramo finaliza este mércores, 21 de setembro, ás 12:00 horas.

UPA considera esta axuda unha “medida trampa”

A nivel estatal, a Unión de Pequeños Agricultores (UPA) considera que a medida de redución temporal de produción de leite exposto pola Unión Europea “chega tarde” porque o control de produción xa se fixo de forma natural e desordenada co peche de numerosas explotacións familiares en España e noutros países da Unión Europea. É por iso que esta medida pon de manifesto, segundo a organización agraria, “a falta de axilidade e de resposta ante a crise que está a mostrar a maquinaria europea e dos propios estados”.

Ademais, esta medida de redución temporal é voluntaria e non establece unha cota de redución obrigatorio por países en función da súa contribución ao exceso realizado. Desta maneira, “a medida convértese nunha trampa para os países deficitarios como España cun déficit próximo ao 30% entre o que producimos e a cantidade que consumimos”, explican desde UPA.

¡“Esta axuda fortalece aos países máis excedentarios en produción”

“A Comisión Europea e os países non tiveron o arroxo e a valentía hai uns meses de controlar a produción de maneira obrigatoria e proporcionada ao exceso de produción de cada país”, advirte o responsable de Gandería de UPA, Román Santalla. Deste xeito, “adoptáronse medidas trampa que fortalecen aos países que historicamente tiveron máis produción que necesidades para o consumo interno”, explica Santalla .

Desde UPA esperan que a outra axuda destinada a achegar liquidez ás explotacións, e que ten que ser implementada proximamente, sexa máis xusta e contribúa a apoiar ás explotacións que “realmente pasárono mal na crise”.

Por todo iso, a organización agraria UPA exporá ao Magrama medidas encamiñadas a fortalecer a produción e o mercado interno. “É preciso duplicar o orzamento con fondos nacionais e destinalo a impedir que en España síganse abandonando dúas ganderías de leite ao día”, urxiu Santalla.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información