Potencialidade dos cogumelos nas comunidades de montes veciñais

O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo chama a atención nun artigo sobre as posibilidades dos fungos en Galicia. Detalla experiencias xa en marcha en Friol, Mondoñedo e Guitiriz

Potencialidade dos cogumelos nas comunidades de montes veciñais

Cartel que advirte dun couto micolóxico en Friol. / Arquivo.

O aproveitamento dos fungos que xurden nos montes galegos constitúe un potencial de rendas para as comunidades rurais. De feito, xa están comezando a desenvolverse iniciativas de aproveitamento do recurso micolóxico en montes veciñais en man común. O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo analiza nun artigo as posibilidades dos cogumelos en Galicia, así como as experiencias que están a agromar.

Desde antigo, téñense consumido en Galicia algunhas especies de cogumelos, como a ‘Macrolepiota procera’, pero o aproveitamento económico dos fungos é unha oportunidade relativamente recente. As principais posibilidades sitúanse nos montes veciñais, dada a súa superficie media, superior ás 200 hectáreas, fronte ó minifundio do monte privado. En Galicia, arredor dun terzo da superficie forestal, unhas 670.000 hectáreas, é monte veciñal.

Normativa
O decreto 50/2014, e anteriormente a Lei de Montes de Galicia (2012), establecen que a persoa propietaria dos terreos é tamén a titular de todos os seus recursos forestais. O propietario pode, por tanto, restrinxir a recollida de cogumelos mediante a sinalización dun recinto coutado no que comunique a prohibición do aproveitamento sen autorización previa.

Na comunidade de montes de Figueiras (Mondoñedo), cada persoa comuneira pode obter un mínimo de 2.000 euros por campaña

O acoutamento pode ser aberto, xestionado a través da concesión de permisos, ou pechado, só utilizable polas persoas comuneiras. Ambas opcións están a desenvolverse nos montes galegos. Tamén existe a alternativa de adxudicarlle o aproveitamento a unha empresa que pague unha renda.

Experiencias
En montes veciñais do interior galego, como en Abadín, Guitiriz, Mondoñedo ou Riós hai exemplos de comunidades que decidiron en asemblea acoutar o seu monte para o aproveitamento dos cogumelos e que xa levan, nalgúns casos, máis dunha década de percorrido, antes da aparición da actual normativa.

Un exemplo é o acoutamento da comunidade de montes de Figueiras (Mondoñedo), que conta con 23 persoas comuneiras e cunha superficie superior ás 1.000 hectáreas.

Comunidades de montes do interior galego optan desde hai xa dez anos polo acoutamento do recurso para evitar o seu deterioro

A comunidade decidiu crear un couto pechado no 2006, vendo que cada vez ía máis xente ó monte recoller fungos e que o recurso se estaba resentindo pola sobreexplotación e polas malas prácticas dalgunhas persoas. En Figueiras, a meirande parte das casas da parroquia xa viñan apañando cogumelos para a súa venda durante a tempada, principalmente no outono.

A necesidade de manter esa posibilidade de obter recursos adicionais fixo que o monte veciñal optase por crear un couto pechado, no que cada persoa comuneira pode realizar o aproveitamento de forma particular. Só coa recollida de níscalos e de ‘Boletus edulis’, que poden sumar os 400-500 quilos por persoa e ano, cada comuneiro que traballa na recollida de fungos pode obter un mínimo de 2.000-2.500 euros anuais.

Desde o grupo de investigación da Universidade de Vigo salientan que en Figueiras (Mondoñedo), igual que noutras comunidades, non se fai unha comercialización en común, o que entenden que en teoría pode repercutir en menores prezos polos fungos recolleitados.

As Negradas, en Guitiriz, e Carballo, en Friol, certificadas na agricultura ecolóxica

Existen dúas comunidades en Galicia, As Negradas (Guitiriz) e Carballo (Friol) que contan con parte do seu monte certificado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega), o que lles permite recoller e comercializar determinadas especies de fungos cunha certificación ecolóxica.

A comunidade de montes do Carballo está ademais a experimentar desde o 2015 coa venda directa dos fungos a establecementos ecolóxicos da cidade de Lugo, co que obtén maiores prezos que a través da venda a intermediarios.

A comunidade de Carballo (Friol) experimenta desde o 2015 coa venda directa a establecementos de Lugo, co que obtén mellores prezos

En Friol, tamén optaron por crear un couto micolóxico aberto, de xeito que persoas alleas á comunidade poden acceder ó monte para apañar fungos mediante o pago dunha cota de 10 euros / ano, no caso de recollida para autoconsumo, e de 50 euros / ano, se se lle vai dar ós cogumelos un uso comercial.

Plantacións micorrizadas
Outra alternativa con vistas ó futuro pola que están optando algunhas comunidades é pola plantación de árbores micorrizadas, principalmente castiñeiros e piñeiros, na idea de crear un entorno no que a medio prazo haxa unha produción importante de fungos. É o caso, por exemplo, das comunidades de Vincios ou Couso, no Valmiñor, segundo detalla o artigo da Universidade de Vigo.

O cultivo dalgunhas especies de fungos é outra opción que están a valorar determinados montes veciñais.

Prevención de lumes
Desde a Universidade de Vigo lémbrase tamén que a posta en valor do recurso micolóxico pode ser ademais importante na xestión do monte, pois se se fan traballos de roza de mato para fomentar a obtención de cogumelos, promóvense indirectamente medidas preventivas contra os lumes forestais, segundo destacan desde a Universidade de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información