Posición de España sobre a reforma da PAC post-2020

O ministro de Agricultura, Luis Planas, informa tras o último Consello de Ministros das liñas xerais que defende o Goberno para a Política Agraria Común, pero elude concrecións, que posterga para un futuro Plan Estratéxico Nacional

Posición de España sobre a reforma da PAC post-2020

Luis Planas, ministro de Agricultura.

A posición española sobre a futura PAC post-2020 está aínda por concretar. O ministro de Agricultura, o andaluz Luis Planas, ofreceu unhas liñas xerais sobre a posición española tras o último Consello de Ministros, pero eludiu entrar en concrecións e incluso se permitiu peticións pouco realistas, coma a solicitude do mantemento dos fondos comunitarios destinados á PAC, que é un feito xa que van reducirse para o próximo periodo de axudas, a partir do 2021.

O responsable de Agricultura posterga as concrecións sobre a PAC a un Plan Estratéxico Nacional, que anuncia que se elaborará conxuntamente coas comunidades autónomas. Ese Plan, que deberá ser aprobado por Bruxelas, permitirá que o Goberno adapte ó caso español a aplicación dos pagos directos e das axudas de desenvolvemento rural.

No marco das liñas xerais para a futura PAC enunciadas pola Comisión Europea, Planas sinala tamén que a futura PAC aumentará a súa ambición medioambiental e que apoiará o relevo xeneracional e o papel da muller no agro.

Sobre as grandes cuestións pendentes de concretar, Planas pasa polo de agora de refilón.

Agricultores xenuinos
Como se vai definir en España a figura do agricultor xenuino?. O ministro sinala só que as axudas orientaranse a aqueles que realizan unha actividade agraria real, unha cuestión que se podería comprobar en base a criterios como a renda agraria ou a actividade agraria, sen maiores especificacións por parte do Ministerio polo de agora.

Coa figura do agricultor xenuino, a intención da Comisión Europea é que os fondos da PAC vaian dirixidos ós verdadeiros agricultores e gandeiros, eliminando a perceptores xubilados. A cuestión é que en España un 38% dos beneficiarios da PAC son xubilados e en conxunto perciben un 26% das axudas. Especialmente significativo é o caso de Andalucia, onde o 38% dos perceptores son xubilados e reciben tamén un 38% das axudas. En Galicia, en cambio, só hai un 21% de beneficiarios xubilados e cobran un 6,5% dos apoios.

Van eliminarse tódolos perceptores xubilados? E en caso de que así se faga, como se van redistribuir eses fondos?

Relevo xeneracional e papel da muller
Para impulsar o relevo xeneracional, o ministro sinala que se apoiará o mantemento do pago complementario ós agricultores mozos, e que se pode adicar ata un 2% do presuposto de pagos directos para intervencións que atraian a xente nova e faciliten o seu desenvolvemento empresarial.

Para facilitar o relevo xeneracional, España aboga polo aumento do apoio adicado a agricultores mozos e pide que sexan os Estados Membros os que poidan definir a idade e o periodo durante o cal as persoas que se incorporan van recibir apoios.

Planas tamén aposta por programar intervencións a favor das mulleres en zonas rurais.

Pequenas e medianas explotacións
Coas pequenas e medianas explotacións, Planas sinala que apoiarase a aplicación dun pago redistributivo a modo dunha porcentaxe adicional de axuda básica á renda.

A Comisión Europea abriu a porta a establecer pagos decrecentes por hectárea, como xeito de apoiar ás explotacións máis pequenas. Desde Galicia demándase precisamente un maior pago ás primeiras hectáreas de cada beneficiario, pero polo de agora o Ministerio non se pronuncia sobre esta posibilidade.

Axudas medioambientais
O Ministerio apoia a obrigatoriedade para os Estados Membros de dispoñer de pagos a xeito de Eco Esquemas, de forma que se poida incentivar ós agricultores e gandeiros que desexen voluntariamente adoptar prácticas que beneficien ó clima e ó medioambiente.

Calendario
Nun inicio, estaba previsto que a nova PAC se aplicase a partir da solicitude do 2021, pero previsiblemente retrasarase ata o 2022 ou 2023, polo que España xa pediu ante a Comisión un periodo de transitoriedade durante o que continuaría a actual liña de apoios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información