Posibilidades produtivas da sequoia en Galicia

Esta árbore, endémica do oeste norteamericano, estivo presente no pasado de xeito natural en Galicia, onde atoparía un solo e clima propicios para o seu cultivo. O secretario xeral de Asefoga, Jacobo Feijoo, aborda neste artigo as potencialidades da especie

Posibilidades produtivas da sequoia en Galicia

Bosque de sequoias en California. / Wikimedia.

O presente artigo adicarase a divulga-las posibilidades productivas na nosa terra da secoia roxa ou ‘Sequoia sempervirens’. En primeiro lugar, hai que sinalar que ainda que na actualidade é unha especie exótica en Europa, estivo moi distribuida polo hemisferio Norte, Galicia incluida, como amosa o pole atopado en turbeiras das Pontes de García Rodríguez.

En calquera caso, o feito de optarmos por unha especie exótica á hora de facer unha repoboación forestal que sexa á vez productiva non ten porque estar reñido con consideracións medioambientais. Por exemplo, aínda hoxe se discute entre os especialistas se árbores tan habituais entre nós como o castiñeiro ou a nogueira son autóctonos ou foron introducidos en Galicia polos romanos. De feito, os impactos ambientais negativos das especies exóticas non teñen que ver tanto coa especie en sí como cunha inaxeitada localización ou xeito en que son aproveitadas, influíndo especialmente o turno ou idade de corta.

Coidamos en todo caso que, no que respecta a secoia roxa, é unha polémica superada, sobre todo se temos en conta que en Galicia hai sitio para todas as árbores, autóctonas ou exóticas, en terreos de vocación protectora, conservacionista ou productiva.

Estamos a falar desas miles de hectáreas abandonadas ó mato que cómpre reforestar na nosa terra con especies que, estando adaptadas ás condicións do medio e tendo un impacto ambiental positivo, son á vez xeradoras de riqueza e fixadoras de poboación rural, ó iniciar toda unha cadea productiva ó redor da madeira, materia prima natural e renovable, que fai de sumidoiro de CO2 , consume na súa transformación baixas cantidades de enerxía e non presenta problemas de reciclaxe.

Características
Centrándonos pois na secoia roxa ou ‘Sequoia sempervirens’, diremos que é unha especie conífera da familia Taxodiaceae, endémica da costa oeste dos Estados Unidos, onde ocupa unha franxa alongada que vai dende o Estado de California ata o sur do Estado de Oregón. Lembremos tamén que, como xa indicamos, no Cuaternario, antes das glaciacións que provocaron extincións masivas, estivo amplamente presente en Europa.

É unha árbore de aspecto maxestuoso, co porte piramidal característico das coníferas, posuindo gran valor ornamental. Presenta conos de fructificación similares a pequenas piñas. As follas lembran ás do teixo e a cortiza é moi característica pola súa cor roxiza e por ser de textura febrosa, cedendo ó presiona-lo tronco coa man. A partires dos 20 anos de idade, a cortiza é tan grosa que protexe á árbore dos efectos do lume dun xeito moi eficaz, que lembra á capacidade do cortizo da sobreira para resistir ao lume. Os estróbilos masculinos e femininos están separados, ainda que sobre o mesmo pé.
 
O temperamento da especie é tolerante, polo que soporta a sombra nos primeiros anos de desenvolvemento, puidendo rexenerar baixo cuberta de árbores maduras. A diferencia da maioría das coníferas, brota de cepa trala corta, o que dá flexibilidade para tratamentos en monte baixo ou alto, turnos de corta longos ou curtos, e mesmo aproveitamentos de biomasa.
 
As secoias teñen sona de seren os maiores seres vivos do planeta. Tamén por seren as árbores máis altas, ainda que non é este un aspecto moi claro habendo quen argumenta que esta distinción corresponde a certas especies do xénero ‘Eucalyptus’. En California hai pes de máis de 100 metros de altura, ainda que o normal nas masas son pés dominantes de 50 m. Son tamén árbores de gran lonxevidade poidendo vivir ata 2.200 anos.

Madeira
A secoia produce unha madeira de samo claro e cerna parda roxiza. Ten febra recta e textura fina, é lixeira e duradeira e trabállase ben. Admite ben o acabado en pintura. Utilízase en ebanistería, carpintería e con finalidade estructural en construccíón, a xeito de viguetas de forxados, tabiquería, cerchas, ou mesmo pezas de gran escuadría, como trabes e pilares.

Estes usos orixinan un interesante mercado de madeira de serra nos Estados Unidos. Polas súas características de resistencia á podremia, que lembra á do ciprés, é moi utilizada en exteriores como revestimento e a xeito de tellas en tellados de madeira, aproveitándose por ese motivo os pes das claras para postes e estacas en cerramentos,.

Repoboación e selvicultura

As condicións ambientais axeitadas na nosa terra á secoia, serían as da Galicia de clima con influencias oceánicas, que corresponden ás seguintes rexións fitoclimáticas da clasificación de Allué: Mediterránea subhúmida de tendencia atlántica, e Atlántica centroeuropea. Na Galicia continental, existen pés de secoia notables en pazos e xardíns como árbores ornamentais, que atestiguan que poden resistir condicións bastante rigurosas.

En canto ás condicións edáficas, a secoia precisa solos profundos, húmidos todo o ano pero ben drenados, e pH de neutro a ácido. Admite pendentes, sempre que haxa solo profundo. Prefire o avesedo máis que a solaina, é dicir, mellor exposicións en ladeiras ó  norte que en ladeiras ó sur, máis expostas ó sol de meiodía e, por tanto, con solos máis secos. En todo caso, sempre se plantará en lugares protexidos de fríos extremos e de fortes ventos.

Nas boas localizacións, pode acadar medras de ata 30 m3 por hectárea e ano, crecemento que lembra ó do eucalipto en boas estacións, non sendo en ningún caso inferior a outras especies forestais como o piñeiro do país, o piñeiro insigne ou o piñeiro de Oregón.

Marcos de plantación e destinos
Á hora da plantación, recoméndanse densidades altas non inferiores a 1.100 pés/ hectárea. É moi importante empregar planta de viveiro, debidamente seleccionada e con todas as garantías fitosanitarias, dunha ou dúas saibas. Nos tratamentos en monte alto, faríanse claras sucesivas ó longo do turno ate deixar 150-200 pes/ ha para a curta final.

A madeira das claras poderíase destinar á industria de trituración ou ben ó devandito uso de postes e estacas. Como sempre, haberá que controla-lo desenvolvemento de herba e mato os primeiros anos da plantación, evitando que compitan pola auga e nutrintes e afoguen as pequenas plantas. Dado que a secoia ten temperamento tolerante, poderíase introducir á sombra de pes adultos, xa que unha vez cortados permitiríana medrar sen problemas de adaptación.

Dado que a poda natural é mala, convén podar os pés mellor conformados, que se aproveitarán na corta final. Cunha xestión axeitada do mato, poderá resistir o paso do lume, recuperándose a copa tralo paso do mesmo.

*Jacobo Feijoo

Jacobo Feijoo é secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e responsable de Desenvolvemento Rural en Unións Agrarias.

Una idea sobre “Posibilidades produtivas da sequoia en Galicia

  1. tomas

    hola, saiba o redactor da artigo, que hai restos arqueolóxicos que indican a presencia do castiñeiro anterior os romanos nas comarcas do interior, asi pois é autóctona, non quita que os romanos axudaron a espallalo.
    A utilización dunha especie ou outra si que é importante si, aínda que eu fose un ignorante de todo o notaría pois cambiaria a paisaxe ademáis que traer especes exoticas como seria a secuoia non se sabe o seu comportamento podería pois adaptarse demasiado ben e empezar a reproducirse.
    E sumaría outra invasora máis como as mimosas, eucaliptos, herba da pampa, etc etc,

    Reintroducir unha especie como vostede defende, tampouco é unha broma para os ecosistemas, calquera biologo o diría, por ultimo que obxeto tería, sustituir a que especie? por que onde se plante hai algo …..

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información