Por que se demonizou a graxa do leite de vaca?

A graxa do leite foi, durante anos, a contrapartida deste alimento. Agora novos estudos reivindican o papel da graxa láctea para lograr unha dieta equilibrada. O investigador Javier Fontecha achega algunhas das claves sobre os beneficios desta graxa

Por que se demonizou a graxa do leite de vaca?

Novas investigacións revelan o papel que pode ter a graxa láctea nunha dieta equilibrada.

Desde hai anos as graxas son uns dos nutrientes máis desprezados na alimentación e desta percepción tampouco se salvou a graxa láctea, que se foi suprimindo da dieta. Primeiro foron as variedades máis lixeiras, os lácteos baixos en graxa e desgraxados, e ao pouco, mesmo se foron substituíndo por outro tipo de bebidas vexetais, o que contribuíu tamén a unha caída do consumo do leite. Pero, é realmente prexudicial a graxa do leite como para eliminala da dieta?

“Non hai evidencias científicas para recomendar o consumo de leite baixo en graxa ou desnatada na poboación xeral”

O leite e os lácteos teñen sido e seguen sendo motivo de investigacións continuas, e esta pregunta estivo no centro do debate durante moito tempo, inclinando a balanza a favor dos seus detractores. Con todo, novas investigacións revelan agora o papel que pode desenvolver a graxa láctea para lograr unha dieta sa e equilibrada. “Actualmente non hai evidencias científicas para recomendar o consumo de leite e produtos lácteos baixos en graxa ou desgraxados na poboación xeral”, concreta Javier Fontecha, investigador científico do CIAL-CSIC.

A graxa láctea, un inimigo?

O elevado contido en ácidos graxos saturados (AGS) e colesterol foi o argumento utilizado indiscriminadamente para asociar o consumo de leite e produtos lácteos enteiros con enfermidades cardiovasculares e obesidade. Esta foi a principal razón pola que se tentou suprimir a graxa do leite da dieta.

O alto contido en ácidos graxos saturados do leite asociouse durante anos a doenzas cardiovasculares e obesidade

Así é que, durante décadas, as guías alimentarias recomendaron evitar as graxas saturadas e colesterol co obxectivo de reducir o risco cardiovascular, que é unha das principais causas de morte tanto en Europa como no mundo, sobre todo nos países máis desenvolvidos e con mellor aceso da poboación ós alimentos.

Nos últimos tempos, novas investigacións revisaron esa relación entre o consumo de lácteos e a saúde cardiovascular e os seus resultados evidencian que a graxa láctea non é tan prexudicial como se cría. “Estudos recentes de metanálise e epidemiolóxicos de longo prazo, indican que o consumo moderado de lácteos enteiros (con graxa) ten un efecto neutro ou inversamente asociado ao risco cardiovascular, diabetes de tipo 2 e o aumento de peso en individuos sans”, concreta Fontecha.

Recomendan valorar o aporte dos lácteos no seu conxunto e evitar descartalos porque conteñan graxas saturadas

Estes estudos, como no que traballou Fontecha e que afonda no consumo de lácteos e os riscos cardiovasculares, inciden en que a graxa láctea é máis complexa do que se cría, co que é preciso valorar o seu aporte en conxunto e non limitarse a descartala por conter ácidos graxos saturados. “Estamos a asistir a un cambio no paradigma do leite, xa que estas evidencias científicas demostran que o consumo da graxa láctea non incrementa o risco de padecer enfermidades cardiovasculares en persoas novas ou adultos sans”, concreta Fontecha.

Así é que estes traballos revelan que non todos os ácidos graxos saturados do leite enteiro teñen o mesmo efecto sobre o colesterol. De feito, a graxa láctea contén os chamados ácidos graxos de cadea media e curta que teñen outras vantaxes para o organismo. Por iso, estes estudos inciden en que “as graxas non deben clasificarse só pola súa estrutura senón tamén pola súa función biolóxica. Débese valorar o efecto que teñen para a saúde os alimentos no seu conxunto, xa que analizalos por separado podería simplificar o potencial efecto biolóxico”, puntualizan os expertos nestes estudos.

Beneficios da graxa láctea

Chegados a este punto, os expertos xa non só non atopan evidencias para justificar a eliminación da graxa láctea da dieta senón que inciden nas vantaxes que a graxa láctea pode ter na alimentación. Deste xeito, o consumo de leite, queixo e iogurt, segundo estes últimos estudos, podería ser mesmo beneficiosa, ou polo menos non prexudicial fronte ás enfermidades cardiovasculares e as patoloxías metabólicas crónicas.

Ademais, o feito de contar con ácidos grasos saturados de cadea curta e media é unha das claves xa que incrementan a masa muscular e reducen a porcentaxe de graxa corporal. Tanto é así que algúns destes traballos apuntan a que o consumo de produtos lácteos, e en especial de leites fermentadas, aínda que estes conteñan graxa, pode evitar que se gañe peso. “O consumo frecuente de iogurt, independentemente do seu contido en graxa, leva parello un menor risco de obesidade”, especifican algúns destes estudos.

O consumo de leite, iogurt e queixo pode incrementar a masa muscular e reducir a porcentaxe de graxa corporal

Por outra banda, a graxa láctea tamén parece contribuír a mellorar a saúde gastrointestinal e o desenvolvemento cognitivo. “Os compoñentes lipídicos como os fosfo- e esfingolípidos presentes nas membranas dos glóbulos de graxa están implicados nestes beneficios para a saúde”, detalla Fontecha.

Aínda que estes estudos evidencian as vantaxes que pode proporcionar o consumo de lácteos enteiros, tamén puntualizan que se centran no leite, os iogures e os queixos xa que o aporte de graxa doutros produtos lácteos pode variar. É o caso, por exemplo, da nata, o queixo para untar, a manteiga, as sobremesas lácteas, os xeados e batidos lácteos que teñen unha composición moi diferente e que non se incluirían nestas recomendacións.

Expertos animan a cambiar as recomendacións nutricionais fronte aos lácteos, reivindicando a importancia do leite enteiro e da graxa láctea

Estes novos datos sobre a función da graxa láctea levan a que os expertos responsables das investigacións animen a cambiar as recomendacións nutricionais fronte aos lácteos, de maneira que se teña en conta a súa contribución a un estilo de vida saudable e se evíte asociar as variedades sen graxa como as máis efectivas para logralo.

Ademais da función que pode desempeñar a graxa láctea nunha alimentación sa e equilibrada, Fontecha, incide tamén na importancia tanto do leite como dos lácteos debido ó seu alto aporte de nutrientes de elevado valor biolóxico e moi facilmente dixeribles e biodispoñibles en comparación co contido en calorías. “Cómpre non esquecer que nestes alimentos existe un equilibrio entre os nutrientes maioritarios (graxa, proteínas e carbohidratos) cun bo balance en minerais e vitaminas”, explica o experto. Por iso, o investigador reivindica que os lácteos cubren tanto distintos hábitos de consumo como diferentes necesidades nutricionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información