¿Por que é tan importante controlar as moscas nas ganderías de vacún de leite?

As moscas provocan estrés e importantes perdas de produción nas ganderías de vacún de leite. María Veiga, responsable de vendas para ruminantes de Elanco en Galicia, ofrece unhas recomendacións sobre como controlar estes insectos.

¿Por que é tan importante controlar as moscas nas ganderías de vacún de leite?

Moscas picadoras no fuciño

As moscas son uns insectos que, en caso de non controlarse, poden supoñer un problema para o gando vacún estabulado. E é que este insecto non só xera molestias e estrés tanto nos animais como nos gandeiros, senón que tamén é o responsable de propagación de enfermidades (Stevenson e Cocke, 1995). Ademais, pode provocar perdas de produción de leite que, nos casos máis graves, poden chegar ao 25% (Bruce e Decker,1958)

Para axudar aos gandeiros para combater estes insectos, a responsable de vendas para ruminantes de Elanco en Galicia, María Veiga, impartiu recentemente uns talleres prácticos en colaboración coa cooperativa Delagro. O seu obxectivo foi que gandeiros e veterinarios realicen un control integral destes insectos, especialmente no verán, cando a poboación de moscas alcanza o seu pico nos establos.

A continuación, ofrecemos os aspectos clave que explicou a responsable de vendas de Elanco, unha das compañías con máis experiencia en desenvolvemento de insecticidas específicos para explotacións de vacún.

Por que se recomenda controlar as moscas nos establos?

É moi importante controlar a poboación de moscas picadoras ou moscas das cortes (Stomoxys calcitrans) non só porque supoñen un factor de estrés -tamén para o gandeiro- e porque son potenciais transmisores de enfermidades, senón porque afectan directamente á produción de leite e á ganancia de peso dos animais.

Así o confirma os resultados de diversos estudos, sendo un dos máis reputados o realizado por Campbell en 1977 na Universidade de Nebraska (Estados Unidos) sobre o impacto económico da infestación por Stomoxys calcitrans sobre a produción de leite. Este estudo ratifica o que xa Bruce e Decker estableceron no seu dia: que a media de produción de leite perdido por cada mosca da especie Stomoxys calcitrans presente nunha vaca é de 0,7%. A partir do número de moscas contadas na pata dianteira establécese a perda media de produción de leite:

Moscas por vaca Produción de leite perdido

4

3%

12

9%

20

14%

28

19%

36

25%

É certo que no verán a produción das vacas de leite tende a diminuír debido ao estrés por calor, pero a presenza de moscas agrava esa perda.

Que tipos de moscas temos nas cortes?

Principalmente temos dous: a mosca doméstica ou mosca chupadora e a mosca dos cortellos ou mosca picadora. Distínguense tanto pola forma de pousarse (a primeira a catro patas e non ten pico, mentres que a picadora póusase en posición de despegamento) como pola súa fonte de alimentación (azucres, principalmente no primeiro caso, e sangue no segundo).

As picadoras son as que provocan máis perdas de produción e son nas que temos que centrar os métodos de control, cun tratamento específico, e realizado de forma integral. Debemos tamén ter en conta que moitos dos adulticidas non actúan fronte a elas, xa que, ao alimentarse de sangue, este tipo de moscas non irán comer o azucre que conteñen normalmente os cebos que se preparan con estes produtos.

En que condicións empezan a aparecer máis moscas?

O ciclo biolóxico das moscas depende da temperatura existente. Desde que se alcanzan os 16 graos no interior dun establo podemos ter desenvolvemento de moscas.

Porén, o punto álxido de propagación destes insectos, cando dura 7 días o ciclo, rexístrase cando se alcanzan os 35 graos de temperatura.

Outro factor que favorece o desenvolvemento das moscas é a humidade, polo que poderiamos concluír que en Galicia durante o verán danse as condicións perfectas para este insecto.

En todo caso, poderíase dicir que as moscas son un problema estacional para o gando entre os meses de marzo-abril e outubro. Con todo, existen establos con este problema todo o ano, especialmente nas cortes das becerras, menos ventiladas e con máis calor.

O ciclo biolóxico da mosca:

Temperatura ambiente (ºC)

Posta

Eclosión ovos (horas)

Desarrollo larvario (días)

Eclosión pupa (días)

Duración ciclo

completo (días)

16

49

11 – 26

18 – 21

44,8 (40 – 49)

18

33

10 – 14

12 – 15

26,7 (23 – 30)

20

23

8 – 10

10 – 11

20,5 (19 – 22)

25

14

7 – 8

7 – 9

16,1 (14 – 18)

30

10

5 – 6

4 – 5

10,4 (9 – 11)

35

8

3 – 4

3 – 4

7 (6 – 8)

T min (°C)

15

11

9

45

T max (°C)

42

45 – 47

(Stafford, 2008)

Que pode facer o gandeiro para reducir a presenza de moscas nos establos?

As moscas teñen dous grandes inimigos: a limpeza e a ventilación. Nas cortes de recente construción polo xeral están moi limpas, contan con altura suficiente e con boa ventilación, polo que rexistran moita menor incidencia de moscas. En canto á limpeza, o razoamento é simple: as moscas poñen os ovos na materia orgánica, como dexeccións, polo que canta maior limpeza menor cantidade destes insectos.

Neste sentido, é necesario limpar moi ben os boxes dos becerros e becerras. E é que nestes espazos as larvas de todo tipo de moscas distribúense por todo o box, xa que estes animais pesan moi pouco e a larva ten osixeno suficiente para desenvolverse en calquera lugar. E o mesmo sucede nas esquinas das parideiras.

Ademais, as moscas adoitan pousarse en paredes quentes e pouco ventiladas e con calor. Por tanto, canta maior ventilación mellor.

Son as fosas de xurro o principal foco de larvas de moscas picadoras?

Non. Nas fosas de xurro das explotacións de vacún de leite críanse principalmente larvas da especie Eristalis, non da mosca picadora. A estas larvas, coñecidas como de cola de rato, é certo que se recomenda aplicarlles un larvicida.

Non obstante, non en todos os establos é preciso tratar as fosas de xurro, xa que a mosca que dá lugar a esta larva (a Eristalis, unha mosca parecida a unha abella), non adoita quedar na corte e por iso non molesta ao noso gando.

Pola contra, as larvas de mosca picadora (Stomoxys calcitrans) e chupadora (Musca domestica), o principal problema para o gando de vacún de leite, crían sobre todo nas zonas con palla e materia orgánica, como parideiras e box de tenreiros. É nesas zonas onde por regra xeral debemos aplicar os larvicidas.

Cando empezar a tratar contra as moscas?

O tratamento débese adecuar á situación concreta de cada granxa. Por regra xeral, debemos empezar a tratar con larvicidas cando vexamos voar a primeira mosca na corte. Débese ir ás zonas onde se cre que están as larvas (entre a palla da cama das vacas en parto ou das tenreiras…etc.), buscalas e cando se estime que hai suficientes larvas empezar a tratar.

En canto aos adulticidas, deberíase tratar sobre todo no verán, na época de calor cando hai maior número de moscas.

Para a fase intermedia entre larva e mosca adulta, é dicir, a de pupa, non existe tratamento polo momento. De aí a importancia de tratar con larvicidas no momento oportuno, cando hai larvas na palla ou na materia orgánica, pois se nos atrasamos e xa están no estado de pupa estariamos a tirar o diñeiro pois os insecticidas ou larvicidas non serían efectivos.

A importancia de realizar un control integral das moscas

O tratamento ten que ser xeral na granxa, pois non é suficiente con utilizar un adulticida ou un larvicida, senón que tamén son imprescindibles medidas como a ventilación, a limpeza, e tamén utilizar barreiras físicas como cortinas para parar a entrada de moscas, sobre todo nas zonas menos ventiladas e con paredes quentes. Tamén é aconsellable aplicar nas vacas produtos repelentes para as moscas.

En definitiva, é necesario realizar un control integral das moscas no establo, que inclúa a parte química pero tamén a parte física de limpeza, boa ventilación e barreiras físicas.

Galería de fotos sobre o control das moscas nas cortes:

O ciclo biolóxico da mosca

Referencias:

1. Stevenson, D.E. and Cocke, J. 1995. Integrated pest management of flies in Texas Dairies. ENT 5M-12-95. Texas Agricultural Extension Service, Texas A&M University System, Zerle Carpenter, Director, College Station, Texas.

2. Bruce, W.N., and Decker, G.C. 1958. The Relationship of Stable Fly Abundance to Milk Production in Dairy Cattle. Journal of Economic Entomology, 51(3): 269-274.

3. Stafford, K.C. 2008. Fly Management Handbook. A Guide to Biology, Dispersal, and Management of the House Fly and Related  Flies for Farmers, Municipalities, and Public Health Officials. The Connecticut Agricultural Experiment Station, New Haven, USA.

 

Una idea sobre “¿Por que é tan importante controlar as moscas nas ganderías de vacún de leite?

  1. Fran Espinosa

    Que dano teñen os insecticidas para o medio ambiente? son compatibles e que danos pode haber para as abellas, insectos polinizadores, tal como se recolle nos regulamentos europeos como prioridades recollidas no pago vede ou Greening? Os SIES, a implementación de medidasagroambientais, etc serven para que a fauna útil (paxaros, morcegos, anfibios etc) poden facer ese traballo gratis, unido ás boas prácticas agrarias de limpeza.
    Para evitar que os vermens do xurro pechen o seu ciclo, basta com poñer un resalte perimetral nas fosas de xurro, para evitar que saian da fosa. En outros paises cobran os gandeiros por poñer caixas niños para a fauna útil e outras medidas agroambientais.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información