¿Por qué case desapareceron as oliveiras de Galicia?

Pese a que apenas existe investigación ó respecto, Galicia foi noutro tempo terra de oliveiras. Tamén hai evidencias de elaboracións olivícolas como pon de manifesto o historiador Lourenzo Fernández que recompuxo as pezas do pasado dos oliveirais galegos para dar con algunhas das claves para que este cultivo pervivise

Publicidade
¿Por qué case desapareceron as oliveiras de Galicia?

Muíño tradicional de aceite de oliva

Hai pouco máis duns cinco anos, o cultivo de oliveiras e a produción de aceite en Galicia comezou a estar de actualidade, en parte polo novidoso que resulta a produción de aceite, un cultivo mediterráneo, nestas latitudes. Porén, pese ás limitacións dada a escasa documentación e investigación que existe, Galicia conta con vestixios que dan boa conta de que as oliveiras e a produción de aceite foron antano un cultivo destas terras. Así o puxo de manifesto o historiador da USC Lourenzo Fernández, durante as xornadas organizadas en Pontevedra pola Xunta e centradas nas oliveiras.

“Non hai investigación histórica, nin bibliografía específica que abordase a presenza de oliveiras en Galicia”

“Non hai investigación histórica, nin bibliografía específica que abordase a presenza de oliveiras en Galicia, é un tema descoñecido e pouco explorado. O que sabemos é pouco e fragmentario”, explica Lourenzo referindo o punto de partida á hora de afondar sobre as oliveiras en Galicia.

Porén, algunhas das publicacións recentes dan conta dende distintas prismas das oliveiras en Galicia. Así, o traballo fotográfico de Xurxo Lobato amosa algunhas das oliveiras centenarias como as do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, exemplares antigos ligados ás clase altas e ós pazos galegos. Por outra banda, dende un punto de vista arqueolóxico e etnográfico o traballo de Estanislao Fernández de la Cigoña e de Xoán Martínez de Tamuxe, dan mostra da elaboración de aceite en Galicia, coa recompilación de antigos lagares, muíños de aceite ou moas.

A toponimia, evidencia das oliveiras

Ante a falta de traballos de investigación previos, un dos puntos de partida para ratificar a presenza de oliveiras en Galicia é a toponimia. O reconto realizado polo historiador deixa uns 70 topónimos relacionados co mundo olivícola tales como a oliveira (44), olivares (12), aceite (10), olivar (3) e un topónimo de belotas, outro dos nomes para referirse ás olivas.

En Galicia existen uns 70 topónimos relacionados coas oliveiras repartidos en distintas zonas, sobre todo no val da Barcala

Se ben é certo, se se compara con outros topónimos cunha fonda tradición galega, como xunqueira, fraga, devesa ou carballeira, estes termos chegan a máis de varios centos de rexistros.

Estes topónimos referidos á oliveira localízanse na zona de Vigo e en vales como os do Ulla, do Xubia ou da Barcala, onde se concentra o maior número de rexistros sobre este tema. “Existe en Galicia esa zona máis mediterránea no medio dun espazo atlántico como é o galego, e ese claramente é o espazo das oliveiras”, matiza o historiador.

A desaparición das oliveiras

En Galicia os vestixios do cultivo de oliveiras que existen na actualidade atenden a dúas realidades diferentes que teñen que ver con intereses e formas de produción e manexo moi dispares. Por unha banda as oliveiras do val do Sil, onde segue habendo un aproveitamento labrego, e por outra, os exemplares singulares vinculados ós pazos.

Para abordar a suposta eliminación das oliveiras galegas, unha das explicacións que se leva dado ten que ver coa “doma e castración de Galicia”, unha expresión empregada por Castelao e que fai referencia ás políticas durante o reinado dos Reis Católicos. Despois do 1486, da derrota da nobreza partidaria de Xoana a Beltranexa, a situación en Galicia muda e isto tamén afectará a este cultivo, como apunta o historiador.

Pero para comprender porque son tan poucas as oliveiras que quedan nestas terras entran en xogo diferentes fitos históricos non todos eles acontecidos en Galicia pero que tiveron repercusións nesta zona. Un dos feitos a ter en conta é a construción do imperio americano no 1500. Tamén a Revolta Irmandiña que ten lugar en Galicia e que fará reducir a presión dos nobres sobre os labregos. Estes dous feitos son determinantes, así como a importante crise demográfica que se dá nese tempo. Todos estes acontecementos orixinan que no 1650 se produza unha reconfiguración de cultivos.

A reconfiguración de cultivos que se produce no 1650 provoca que a oliveira quede relegada fronte a pataca ou o millo

A partir do s. XVIII confórmase o sistema de policultivos, que implica a rotación complexa de plantas nas que xa se introducen especies de procedencia americana, como o millo e a pataca. Os gandeiros galegos contan tamén cunha cabana conformada por distintos animais, o que lles proporciona esterco e lles permite obter alimentos con maior facilidade. Esta situación implica o abandono dalgúns cultivos, entre os que a oliveira resulta na lista dos desbotados. “Nese cambio de cultivos, a oliveira vai quedando relegada coa introdución doutros como o millo ou a pataca”, apunta Fernández.

Unha escasa e puntual documentación do s. XVIII da conta da presenza de oliveiras en Galicia. Entre as referencias destaca o Catastro de Ensenada de 1752, un dos documentos máis fidedignos, segundo o historiador, que recolle xa a existencia dunha plantación de 3.000 ferrados de oliveiras na provincia de Ourense.

Antiguo Muíño de aceite en Quiroga.

Antiguo muíño de aceite en Quiroga.

“O feito de que o cultivo das oliveiras non se expandise cando o fixeron noutras zonas de España demostra que en Galicia non se daban nin as condicións meteorolóxicas, nin sociais, nin mercantís para que se producise tal expansión”, ratifica Fernández. “Podemos botarlle a culpa ós Reis Católicos, á castración de Galicia, ou ó clima atlántico pero trátase dunha realidade máis complexa a que motivou que non se expandira”, sentencia o experto. Nesta ecuación entra tamén outro factor: a agricultura atlántica europea. Galicia especialízase neste tipo de agricultura onde apenas existen os cultivos arbustivos, a diferenza do toxo, e a oliveira queda de novo fóra.

¿Para que se empregaban as oliveiras en Galicia?

Aínda que quedan por responder preguntas claves sobre o pasado da oliveira en Galicia, outro dos aspectos fundamentais para debullar a presenza deste cultivo nestes lares son os usos para os que se destinaban estas árbores, segundo explica o historiador. O aceite procedente das oliveiras galegas redúcese no 1880 ós mercados locais, un momento que podía ter sido clave posto que é cando as conserveiras do sur de Galicia comezan a demandar aceite. Porén, esa demanda cóbrese xa co aceite que provén das plantacións do sur de España. “Non había produción abondo en Galicia para cubrir a demanda das conserveiras”, explica Fernández.

O uso do aceite galego relégase á iluminación e unha parte mínima a usos culinarios, xa que na cociña nesa época ese oco enchíano as graxas animais ou a manteiga. Xa no século XIX, coa ampliación dos mercados, “cada vez máis redúcese a capacidade do aceite galego de competir, xa que nestas grandes feiras comeza a aparecer o aceite traído doutras zonas ligado ó pementón, ó sal e ó polbo ou á carne ó caldeiro, que perviven ata os nosos días”, conclúe o historiador.

Todos estes factores dan forma ó pasado das oliveiras en Galicia, pero como apunta o historiador tamén deixan entrever que a produción de aceite de oliva en terras galegas debería estar ligada á orixinalidade, á calidade e á diferenciación para poder asentarse no mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información