“Poñer no matadoiro un xato cústame máis de 1.000 euros e agora con sorte quédanme 20 euros por animal”

A crise do coronavirus repercute en baixadas de entre 10 e 40 céntimos por quilo nos cebadoiros galegos. Falamos con tres deles sobre a súa situación, Melenas SC (Mazaricos), Eliseo López (Cospeito) e Fonchave (Becerreá)

Xatos marcados de Ternera Gallega no cebadeiro Melenas SC en Mazaricos

Xatos marcados de Ternera Gallega no cebadeiro Melenas SC en Mazaricos

Pasado o pico de consumo inicial nos supermercados, que mantivo a demanda de carne malia ao peche da hostalaría e o turismo, o paso das semanas está xa a notarse nas explotacións e cebadeiros galegos, con baixadas entre 10 e 50 céntimos por quilo que están a minguar as reducidas marxes coas que traballan e mesmo a producir perdas nalgúns casos.

O descenso de prezos está a ser desigual nos becerros carniceiros e a afectar máis aos animais de máis valor, o mesmo que acontece tamén co vacún maior, onde as vacas gordas foron tamén as que máis notaron a baixada de prezos e a falta de saída.

A Ternera Gallega Suprema, que ten na restauración un dos seus principais mercados, sofre os maiores descensos, duns 50 céntimos por quilo, o que equivale a máis de 100 euros en xato, pero tamén está a haber baixadas nos becerros cebados dentro de Ternera Gallega de entre 10 e 15 céntimos, e que son maiores canto mellor é o animal.

Jonathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son titulares dun cebadeiro familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016 e o ano pasado, tras faceren os cursos de incorporación, consituíu coa súa muller Gandeiría Melenas SC. Ceban uns 300 becerros ao ano, a maioría animais selectos e de boa calidade marcados de Ternera Gallega.

A empresa que lle levaba os xatos, que outros anos lle subía o prezo 10 céntimos na Semana Santa polo aumento da demanda, baixou este ano en 15 días 40 céntimos

“Vendíalle a unha empresa da Coruña a 4,40 euros o quilo todo o ano, marcado e sen marcar, porque teño gando moi bo, culón e semi culón. Sempre que viña a Semana Santa mesmo me subían 10 céntimos e saía todo o gando, logo empatabamos coa ponte do primeiro de maio, co San Xoán e co verán. Febreiro e marzo eran sempre os meses máis baixos do ano e como este ano, desde o 1 de febreiro Ternera Gallega ampliou a idade de sacrificio dos 10 até os 12 meses, decidín aguantar os xatos de febreiro e marzo, que antes saían con 10 meses, para vendelos na Semana Santa cun ano”, explica.

Jonathan selecciona e merca directamente nas explotacións os seus mellores xatos

Jonathan selecciona e merca directamente nas explotacións os seus mellores xatos para cebar

Jonathan veríase así, en condicións normais, beneficiado pola suba de prezos habitual en Semana Santa e pola ganancia de peso, que nestes dous meses levaría aos seus xatos desde os 240 quilos até os 300. Pero o que parecía unha decisión intelixente tornouse contraproducente por culpa do coronavirus. O peche obrigado da hostalaría e o turismo en Semana Santa deixou sen mercado ao seu gando, ao que agora ten que dar saída como sexa porque ao pasar dos 12 meses sería considerado Añojo e caería de prezo máis dun euro o quilo.

Como Ternera Gallega ampliou o prazo de sacrificio a 12 meses aguantei o gando de febreiro e marzo esperando a Semana Santa, así que agora non poido quedarme máis con eles porque me pasarían do ano

“Cando empezou isto fai un mes e se decretou o estado de alarma houbo un boom de animais, a xente empezou a comprar coma tola nos supermercados e a primeira semana chamábante os matadoiros para que lles adiantaras o gando, na segunda semana houbo saída normal pero na terceira semana xa baixou 20 céntimos en quilo”, conta este mozo.

A empresa cárnica coa que traballaba levoulle esa semana 5 becerros a 4,20 os de Ternera Gallega e a 4 euros os que estaban sen marcar. Pero a seguinte semana, a semana pasada, ofrecéronlle 20 céntimos menos alegando menor demanda. Jonathan considerou aquilo unha desconsideración por parte da empresa cárnica á que levaba tantos anos subministrando (xa lle mandaba becerros o seu pai), así que decidiu cambiar o destino final dos seus animais e mandalos a Novafrigsa, a onde enviaba sacrificar os xatos pintos.

A cousa pinta mal, esta semana foron a 4 euros pero como a cousa siga así penso que baixarán aínda máis, porque empeza a haber saturación

“Pero Novafrigsa cólleme como peregrino, que é como lle chaman eles aos que non lles subministran habitualmente e penalízame cun prezo un pouco máis baixo. Os que mandei esta semana penso que virán a 4 euros o quilo pero como siga así a cousa penso que baixarán aínda máis porque comezan a estar saturados tamén. Eu mandei só os que me cumpren o ano”, explica.

“Custa máis un paquete de tabaco que un quilo de carne de tenreira”

Algúns dos xatos que Jonathan manda ao matadoiro con case un ano

Algúns dos xatos que Jonathan manda ao matadoiro con case un ano

A caída de prezos, de 50 euros por quilo con respecto ás previsións que Jonathan tiña para a Semana Santa, e a ralentización da demanda (“se tes 10 para mandar pídenche 6”, di) está a reducir as marxes coas que traballaban en explotacións como a súa. “A min poñer no matadoiro un xato dun ano cústame entre 1.000 e 1.100 euros. Son cartos que estás adiantando todo un ano para gañarlle ao mellor 100 ou 150 euros. Os cebadeiros máis grandes traballan con marxes de 50-60 euros por animal porque teñen máis volume pero a min faime falta esa marxe porque nun cebadeiro pequeno coma o meu os custos son máis elevados, o obreiro que teño cústame 18.000 euros ao ano e o seguro meu e da muller outros 6.000. Agora coa caída de prezos esa marxe coa que xogabamos desaparece, con sorte gáñaslle 20 euros en animal despois de telo todo un ano e con iso pouco fas”, explica Jonathan.

Con 20 euros en animal despois de telo todo un ano pouco fas. A min cústame entre 1.000 e 1.100 euros poñelo no matadoiro desde que o traio. Son cartos que estás adiantando

Pero aínda que a saída se ralentice, “tampouco podemos parar”, advirte este mozo gandeiro. “Que fago co silo que está aberto, déixoo podrecer?”, pregunta.  Jonathan prevé unha redución das vendas de carne de tenreira xa a curto prazo nos supermercados e carnicerías “porque cando a xente non ten cartos deixa de mercar tenreira para pasarse a outras carnes máis baratas como o porco ou o polo”, o que acaba provocando unha sobreoferta de carne de xato e unha baixada de prezos xeralizada. “Novafrigsa empeza xa a estar saturada, esta semana tiña unha oferta de costeletas de tenreira a 5 euros, custa máis un paquete de tabaco que un quilo de costeletas de tenreira, é lamentable”, di.

Proxectos de futuro que se ven truncados

Jonathan e Silvia están a traballar na nave que o seu pai, José, puxo en marcha no ano 2000. “O establo ten 20 anos e foi feito a cachiños”, explican. Por iso, tiñan previsto construir unha nave nova na que traballar máis cómodos, poder ampliar o número de animais e telos máis amplos.

“Compramos unha finca e iamos facer unha nave nova para 600 animais. Queremos aguantar a instalación que temos e ampliar alí. Son 400.000 euros de investimento. Temos solicitado un Plan de Mellora con 23 puntos e agora temos un empregado e colleriamos outro máis para a nave nova”, contan.

Se isto me colle dentro de dous anos coa nave nova feita con 600 animais e pagando as instalacións, arruíname

Pero agora eses plans están en risco debido á incertidume. “A baixada de prezos estanos arruinando nas explotacións pero menos mal que isto me colleu sen ese investimento feito. O establo que temos está pagado pero se isto nos chega a ter collido dentro de dous anos coa nave nova con 600 animais e pagando as instalacións, arruíname”, recoñece. Jonathan fixo o curso de incorporación fai 2 anos. Acabou o ano pasado no mes de maio e en setembro creou a empresa xunto a Silvia, pero aínda non cobraron a axuda de incorporación. A baixada dos prezos en orixe empeora a situación e failles repensar os seus proxectos de futuro.

“Isto é unha cadea, o gando pequeno tamén vai baixar”

Xatos pintos no cebadeiro de Jonathan e Silvia en Mazaricos

Xatos pintos no cebadeiro de Jonathan e Silvia en Mazaricos

Jonathan evidencia que “se os cebadeiros perdemos cartos isto vai repercutir nas explotacións” e advirte: “o gando pequeno vai baixar moito tamén porque isto é unha cadea, eu vendía 5 xatos cebados e mercaba outros 5 pequenos. Teño explotacións ás que compraba directamente todo o ano e gañabamos todos, pero se antes podía chegar a pagar 500 euros por un xato bo de 3 meses, agora vou ter que ofrecer 100 euros menos porque son os que eu perdo na carne ao vendela”, di.

Se nós os cebadeiros perdemos cartos iso vai repercutir nas explotacións, porque se eu perdo nun animal o que vou facer é deixar de comprar ou comprar a máis baixo custo

A baixada vai ser xeralizada, pensa, pero onde máis se vai notar é nos becerros lactantes procedentes das explotacións leiteiras. “Os cebadeiros que compran para fóra de Galicia e que antes ao mellor levaban 200 animais cada semana agora levan 100 e escollidos, así que os tratantes están levando os xatos pintos sen prezo das gandeirías”, conta.

Baixadas de 30 a 40 euros nos becerros mamóns

No cebadeiro de Eliseo López entraron esta semana 94 xatos

No cebadeiro de Eliseo López entraron esta semana 94 xatos

A caída dos prezos dos xatos pequenos en orixe tamén é algo que constatan no cebadeiro de Eliseo López, no concello lugués de Cospeito, un dos máis grandes da provincia cuns 3.000 animais ao ano. “Esta semana metemos 94 xatos, penso que desde as vacas tolas non meteramos tantos animais xuntos, porque a semana anterior non meteramos. Moitos tratantes están recollendo cada dúas semanas. Os azul belga chegaron máis grandes e de máis peso, incluso algúns de Asturias e a 40 euros menos, e os pintos baixaron aínda máis. Viñeron pintos bos a 80 euros, que antes valían 110”, recoñecen.

Viñeron pintos bos a 80 euros que antes valían 110 e os azul belga chegaron máis grandes e de máis peso, incluso desde Asturias, e a 40 euros menos

Este cebadeiro ubicado no Arneiro conta con dous terzos dos seus animais marcados como Ternera Gallega e o outro terzo é azul belga. Venden todo o ano a Novafrigsa, que lles baixou uns 15 céntimos en quilo. “Somos proveedores habituais de Novafrigsa, mandamos todo o ano para alí. Antes desta crise do coronavirus, o prezo podía estar de media en 4,35 euros o quilo e agora anda entre 4,10 e 4,20 dependendo de como sexa o animal”, explican.

O cebo de menos valor está substituíndo á carne de vaca

A carne amparada baixo a IXP Ternera Gallega está a notar máis a baixada de prezos que a que non conta con este distintivo, mais aínda mantén prezos superiores ao resto. “O azul belga -que non entra na IXP- baixou menos comparativamente, arredor duns 7 céntimos e está agora a 3,80 ou 3,90 o quilo”, indica Elio López, o fillo de Eliseo.

“A Suprema baixou moito, porque é un produto máis gourmet e as vacas boas valen o mesmo que as flacas de todo porque van para o mesmo sitio ao non haber hostelería. Para os animais de menos valor segue habendo saída”, explica.

Serán os cebadeiros de Cataluña e Castela e León os que se beneficien maioritariamente da suba de prezos dos becerros carniceiros pintos mentres os cebadeiros galegos sofren a caída de cotización da Ternera Gallega

É algo que tamén constatan no resto de cebadeiros. “Os pintos ían a 3 euros e seguen a 3 euros, eses non baixaron”, conta Jonathan. Pero é fóra de Galicia, en cebadeiros de Cataluña ou Castela e León a onde marchan todas as semanas a maioría dos xatos pintos das explotacións leiteiras galegas, mentres que os becerros de cruces cárnicos que poden ser marcados como Ternera Gallega son os que quedan nos cebadeiros galegos.

En Fonchave fan agrupación de partos para o gando de Ternera Gallega Suprema

En Fonchave fan agrupación de partos para o gando de Ternera Gallega Suprema

“A vaca nada, está todo paradísimo, e a tenreira convencional de cebadeiro din que mesmo vai subir dentro de 15 días 10 ou 15 céntimos, porque das vacas que se mataban, o que tiña valor era o lombo para chuletóns e a pata para cecina, pero o resto ía todo para picar para salchichas e hamburguesas e esa carne vai ser agora substituida pola tenreira de menos valor, que vai suplir ao que entraba de vaca, polo que ao tirar dela pode que suba”, razoa Félix Fernández, da Gandaría Fonchave de Becerreá, na que ceban uns 850 animais de Ternera Gallega cada ano. O pai de Félix, Amable, é tamén o presidente da cooperativa Proterga, que agrupa a varias explotacións de produtores de Ternera Gallega da provincia de Lugo.

A Suprema si que baixou moito, case se puxo a prezo de cebadeiro. Antes andaba entre 4,70 e 5 euros o quilo pero agora baixou 50 céntimos

En Fonchave tamén tiñan previsto ampliar. “Queriamos aumentar un pouco, imos facer unha nave para 200 xatos máis”, conta Félix. Constata que o mes pasado houbo “moito tirón”, que agora hai “algo menos” e que o prezo na Ternera Gallega normal baixou uns 10 céntimos. “Dicían que esta semana ía baixar máis pero de momento segue a 4,15 os xatos normais de cebadeiro e a 4,20 se é algo mellor. O prezo quererán baixalo, pero saída para eles hai”, di este mozo.

Nesta explotación da montaña de Lugo sacaron o mes pasado uns 150 animais e ao adiantar o gando teñen menos para sacar este mes, uns 30. Ademais do cebadeiro de xatos, contan tamén con vacas coas que producen Ternera Gallega Suprema e nas que fan agrupación de partos. “Nestes meses non mandamos nada de Suprema, veñen todos para xullo e agosto. A Suprema si que baixou moito, case se puxo a prezo de cebadeiro. Antes andaba entre 4,70 e 5 euros o quilo e agora baixou 50 céntimos”, explica.

Máis información:
Baixada de prezos en Ternera Gallega. Petición de medidas de Provacuno e das organizacións agrarias (6-IV-2020)

NOTA ACLARATORIA: O día 14 de abril de 2020 publicouse erroneamente asociado a esta información o nome de Alimentos Brogán, cando desde o ano 2016 Alimentos Breogán S.A.U non pertence ao sector cárnico, adicándose na actualidade a outras actividades. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información