Polémica por unha carta de Medio Rural a beneficiarios de axudas agroambientais

Unións Agrarias considera que se trata dunha misiva electoralista pagada con fondos públicos. Sostén que a Consellería conta “falacias e medias verdades”, ocultando a “incertidume que hai sobre as axudas nos anos 2021 e 2022”

Polémica por unha carta de Medio Rural a beneficiarios de axudas agroambientais

As máis de 4.000 ganderías beneficiarias de axudas agroambientais, principalmente granxas de zonas de montaña, están a recibir unha carta da Consellería de Medio Rural para comunicarlles que poderán solicitar a axuda agroambiental no ano 2020. A Xunta aproveita a carta para criticar a información divulgada por “algúns medios de comunicación e organizacións”, pois entende que houbo informacións non veraces que advertían sobre a posibilidade de desaparición das axudas no 2020.

A misiva está a suscitar polémica no sector, pois Unións Agrarias considera que se trata dunha “carta electoralista, pagada con fondos públicos, e que conta falacias e medias verdades”. A organización agraria lembra que o director do Fondo Galego de Garantía Agraria asegurou en setembro do 2019 nun acto público en Meira (Lugo) que non habería axudas agroambientais no 2020.

“O conselleiro tamén esqueceu explicar na carta que estas axudas desapareceran do anteproxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2020”, continúa Unións en nota de prensa. “Só a presión de Unións Agrarias e doutras organizacións que participan no comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia levaron a que a Xunta cambiara de criterio e prorrogara as axudas”, conclúe.

Unións cuestiona asimesmo que a “carta propagandística” agoche a reducción de axudas para as granxas de montaña e de zonas desfavorecidas. Outra cuestión que a organización cre que se oculta é a incertidume existente sobre a continuidade das axudas agroambientais para os anos 2021 e 2022, pois “a Xunta confía nunha solución da Comisión Europea e a última vez que a Xunta aplicou esa fórmula de fiar a prórroga de axudas á UE resultou na imposibilidade do pago das agroambientais nos anos 2015 e 2016”.

Por último, a organización critica que a Consellería lle pida ás granxas un correo electrónico e un teléfono, pois entende que se está vulnerando “a normativa europea de protección de datos” con fins propagandísticos.

“Resulta completamente intolerable tanto o fondo como as formas empregadas na carta dirixida aos produtores desde a Consellería. Emprega cartos públicos para unha campaña de propaganda que esparexe medias verdades, co ánimo de pór en cuestión o papel constitucional das organizacións agrarias”, pecha Unións a súa nota de prensa.

carta final conselleiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información