Pola de Siero suspende o mercado de gando de xatos de recría previsto para este xoves

A Delegación do Goberno recomendou non celebralo pola crise do coronavirus. A redución de persoal nas oficinas agrarias comarcais de Asturias está a causar retrasos na documentación necesaria para a compra-venda dos animais

Acceso ó mercado gandeiro de Pola de Siero.

Acceso ao mercado gandeiro de Pola de Siero

A localidade asturiana de Pola de Siero non celebrará esta semana o seu mercado de gando. Estaba previsto que acollera este xoves, como é habitual, aos xatos de recría procedentes tanto de explotacións asturianas como tamén de Castela e León ou mesmo de Galicia, pero a Delegación do Goberno en Asturias non o autorizou pola situación de alarma sanitaria causada polo coronavirus COVID-19.

A semana pasada Pola de Siero mantivo o luns o seu mercado de gando de abasto e foi a única feira que se celebrou en toda España. A intención do concejo asturiano era seguir celebrando de maneira alterna mercados semanais de gando de abasto e recría, para deste xeito facilitar a saída dos animais das explotacións, pero as autoridades preferiron paralos polo de agora ante a evolución da enfermidade contaxiosa.

“Estamos ao que nos digan as autoridades, así que esta semana non celebraremos o mercado, pero temos listas e desinfectadas as instalacións por se en algún momento se considera que é necesario reunir nelas algún tipo de gando para manter abastecida a cadea de subministro”, explica José Luis Díaz, xerente do mercado asturiano, que move anualmente 103.000 animais, o que equivale a uns 1.000 os luns na feira de gando de abasto e vacún maior e outros tantos becerros lactantes no mercado dos xoves.

A suspensión da feira de Pola obrigou tamén a suspender a de León, que traballa co mercado asturiano como referencia, concentrando becerros que logo son enviados aos cebadeiros vía Asturias

O Concejo de Pola de Siero mantén sen embargo operativa a unidade de desinfección para que os operadores que están a mover o gando na comunidade poidan acudir alí a desinfectar os seus camións se así o desexan. A suspensión do mercado asturiano que estaba previsto para este xoves levou tamén á suspensión da feira en León do mércores, que contaba con todos os permisos e autorizacións para a súa celebración e que traballa co de Pola como mercado de referencia, concentrando en León animais que logo son comercializados en Asturias.

Problemas para conseguir as guías para os xatos

Os tres mercados galegos de referencia, Amio, Silleda e Castro, xa non se celebraron a semana pasada e continúan suspendidos até novo aviso, cando menos mentres non se levante o estado de alarma decretado polo Goberno central e a emerxencia sanitaria establecida pola Xunta.

Os tratantes son os encargados de mover o gando sen que este pase polas feiras, reunindo aos xatos de recría nas súas propias instalacións para levalos aos cebadeiros e carrexando directamente aos becerros carniceiros desde as gandarías até os matadoiros.

Mentres, o  vacún maior está practicamente paralizado como consecuencia do peche da hostalaría e o turismo.

O mercado de Pola de Siero move anualmente máis de 100.000 animais, a metade vacún maior e gando de abasto na feira dos luns e uns 1.000 becerros á semana na feira de recría dos xoves

A situación non difire moito da que se vive tamén en Asturias, onde o gando da IXP Ternera Asturiana se está a mover con normalidade para abastecer aos supermercados e carnicerías, mentres permanece parado tanto o vacún maior (boa parte das vacas cebadas e de desvelle da comunidade veciña son sacrificadas en matadoiros galegos) como o mercado de recría, onde á paralización dos mercados se engade o retraso na entrega das guías como consecuencia da redución de persoal que atende as oficinas agrarias comarcais da comunidade asturiana, tralas medidas establecidas polo Goberno do Principado para protexer aos seus traballadores do andazo do COVID-19.

Presións da Xunta de Galicia e dos veterinarios do Principado para que non se celebrase

Foron múltiples as presións exercidas nos últimos días desde distintos ámbitos para que non se seguise celebrando o mercado de Pola de Siero, entre outras as da Xunta de Galicia e a do sindicato de veterinarios do Principado de Asturias.

O pasado xoves o conselleiro do Medio Rural de Galicia, José González, trasladaba por videoconferencia ao ministro de Agricultura a súa solicitude para que se prohibira a celebración de mercados en Asturias, a única comunidade en toda España na que se celebrou feira de gando a semana pasada.

Retrasar un mes ou máis a entrada de xatos mamóns nos cebadeiros non afecta ao abastecemento e evítanse contactos de vehículos, persoas e animais (Sindicato Veterinario Profesional de Asturias)

Do mesmo xeito, o Sindicato Veterinario Profesional de Asturias (Sivepa) manifestábase o domingo en contra da continuidade do mercado, por considerar “un grave risco para a saúde pública” a súa celebración. Os veterinarios pertencentes á Consejería de Agricultura do Principado, que son os encargados de realizar todas as semanas os controles sanitarios e a entrega de documentación para o movemento de gando na feira de Pola, aseguran que “celebrar os mercados non é necesario para manter a cadea alimentaria e retrasar un mes ou máis a entrada de xatos mamóns nos cebadeiros non afecta ao abastecemento” e, pola contra, “mover animais non imprescindibles implica contactos innecesarios de vehículos, persoas e animais, co risco que iso conleva”, manifestaron nun comunicado de prensa.

A Xunta de Goberno do Concejo de Pola de Siero, titular das instalacións onde se celebra a feira, decidira o martes manter a actividade no Mercado Nacional de Ganados cunha serie de medidas preventivas e de seguridade extraordinarias conforme ao establecido no Real decreto 463/2020 de estado de alarma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información